REFERENTES FEMININOS NA CIENCIA

    O Equipo da Biblioteca promoveu que a exposición itinerante Mulleres na Ciencia estivese no noso Centro durante a primeira quincena de decembro. A mostra, posta en marcha polo colectivo eXXperimenta en Feminino do campus de Ourense, está formada por 14 pósters sobre mulleres cun destacado papel na investigación científica e tecnolóxica. De cada protagonista, a exposición recolle información da súa traxectoria, achegas que fixo así como dos premios ou recoñecementos recibidos en vida e posteriormente. 

Esta selección de mulleres inclúe figuras dende a investigación básica á aplicada, dende o ámbito galego ao internacional e dende a física á informática. Concretamente ofrece infomación da física Mileva Maric, da tecnóloga dos alimentos Concepción Llaguno, da bioquímica Margarita Salas, das farmacéuticas e químicas Tarsy Carballas, Mª Jesús Núñez e Teresa Toral, da astrónoma Antonia Ferrín, da física e pioneira en apicultura Eva Crane, da microbióloga Esther Lenderberg, da enfermeira Isabel Zendal, da enxeñeira química Frances Arnold, da programadora Ada Lovelace,  da química e nutricionista Elsie Widdowson e da psicóloga e bióloga Linda B. Buck.

Na biblioteca sempre apoiaremos este tipo de iniciativas que permiten que o noso alumnado teña a posibilidade de coñecer e achegarse a importantes referentes femininos no campo das ciencias, ao tempo que promove a vocación científica entre as adolescentes, eliminando o estereotipo de que as carreiras e as profesións científicas e tecnolóxicas non son para as mulleres.