TALLER DE ILUSIÓNS ÓPTICAS

 Hoxe impartimos na biblioteca un taller de ilusións ópticas no que realizamos figuras de medo do Samaín.

 Pasámolo xenial!














Misterios no Camiño de Santiago abren o Club de Lectura de Adultos no IES Maximino Romero de Lema

        Se o venres pasado inaugurabamos o Club de Lectura do alumnado, hoxe, luns, 24 de outubro, foi a quenda do Club de Lectura de Adultos conformado por nais e profesoras, e aberto a quen se queira unir a esta festa do libro. 

        Arredor dun café e uns doces cada unha foi comentando as súas preferencias literarias para futuras eleccións. A primeira proposta é La ladrona de huesos de Manuel Loureiro, unha espléndida escolla para comezar esta nova andaina literaria. 

        Reunirémonos unha vez ao mes, os luns de 15.30h a 16.15h; durante corenta e cinco minutos deixamos de lado as preocupacións cotiás e saudamos a chegada da imaxinación, da conversa e das reflexións arredor do libro elixido.


















EXPOSICIÓN DO SAMAÍN

 O equipo de voluntari@s da biblioteca foi o encargado de realizar e decorar esta exposición para o Samaín. Nela pódese encontrar unha selección de libros, contos, álbums de medo e películas para celebrar esta data.

QUEDOULLES TERRORÍFICA!






DÍA DAS BIBLIOTECAS

 Hoxe é o día das bibliotecas escolares, e dende a nosa, celebrámolo entregando os diplomas acreditativos do alumnado adscrito ao programa de voluntariado da biblioteca do curso pasado, e tamén entregando os premios aos máis lector@s do curso pasado, según os datos proporcionados polo programa Meiga.

ENTREGA DE DIPLOMAS AO ALUMNADO VOLUNTARIO NO 1º RECREO





ENTREGA DE PREMIOS AOS MÁIS LECTOR@S DO CURSO PASADO NO 2º RECREO 









O libro está de parabéns no noso IES!

 


Comeza a nova tempada do Club de Lectura Baiolendo constituído por varios grupos de ESO, FPB e Bacharelato. E fíxoo cun convite, cun pequeno ágape, pois nada fai mellor compañía da lectura que a gastronomía, como ben sabían Vázquez Montalbán ou Andrea Camilleri.

A lectura abre as portas da imaxinación e tende unha ponte pola que viaxamos e somos protagonistas de historias e aventuras, ás veces incribles. Ademais, é unha forma de se manter vinculado ao patrimonio cultural que tecen escritoras e escritores.

Se se mantén o interese e compromiso que o alumnado demostrou o curso pasado, de seguro que vencemos os pouco alentadores datos sobre índices de lectura no Estado español.

Este curso contamos cunha novidade: un Club de Lectura para Adultos conformado, polo de agora, por nais e profesoras, e que iniciará a súa andaina o luns, 24 de outubro.

As persoas libres nunca poderán concibir o que significan

os libros para quen vivimos encerrados”

(Ana Frank)


















DÍA DA MULLER DO RURAL

 Sen elas non hai olería

Este ano dende a Biblioteca conmemoramos o Día Internacional da Muller Rural e fixémolo inaugurando na entrada do Centro unha exposición pequena, pero non por iso menos importante, na que se visibiliza o labor de seis mulleres representativas da olería de Buño: Lola do Jañoto, Lolita do Sarandeo, María de Amalia, Marilá, Manuela do Mariñán e Luz de Moreira.

Neste ámbito da artesanía, como en moitísimos outros, a muller é a grande esquecida, de aí que unha vez máis a Asociación Visibles de Buño, sempre abrindo camiños en prol da igualdade, organizase esta mostra, Sen elas non hai olería, constituída por seis carteis coa fotografía da muller homenaxeada e un breve texto no que se dá relevancia ao seu papel sobresaínte dentro da artesanía galega.

15 anos leva celebrándose o Día Internacional das Mulleres Rurais, 15 anos de recoñecemento da contribución da muller no desenvolvemento agrícola, artesanal ou mariñeiro.

Os gobernos e a sociedade deben prestar atención as súas necesidades e investir nelas, buscando o empoderamento político e socioeconómico que merecen. Nós quixemos achegar o noso gran de area nesta loita dando a coñecer esta conmemoración e estas artesás comprometidas coa súa arte da nosa contorna.




POSTO VOLUNTARIADO DA BIBLIOTECA

 Este curso contamos cun posto exclusivo habilitado para o voluntariado da biblioteca. Nel poderán facer as tarefas de empréstitos e devolución de exemplares, así como outras que requiran o uso do ordenador.



EXPOSICIÓN DÍA DAS ESCRITORAS

 O 17 de outubro é o día das escritoras e dende a nosa bibliotecas quixemos conmemorar esta data cunha exposición de libros situada na entrada do centro.