DESPEDIDA NO CLUB DE LECTURA BAIOLENDO
Tacón, punta, tacón de Anxo Iglesias
Rematamos o Club de Lectura de 1º ESO con Tacón, punta, tacón de Anxo Iglesias. Un poemario que nos abriu as portas a un universo imaxinativo e lúdico no que descubrimos segredos en cada composición. Gozamos coa lectura individual, divertímonos recitando ante os compañeiros coa entoación apropiada en cada caso, mesmo con perigo de quedar sen aire nalgúns casos! Comentamos cada composición e, finalmente rematamos escribindo os nosos propios poemas, inspirándonos nalgúns dos modelos lidos nos que se mesturan elementos da cultural galega, grandes doses de fantasía, unha linguaxe próxima e popular, e auténticas acrobacias lingüísticas.
O libro engaiolounos desde o primeiro momento: o grupo mergullouse nun ambiente de troula constante e espertou a súa creatividade a través da poesía. Ao presentarlles o libro, non parecían moi receptivos á proposta, pero despois si se amosaron abertos á seguir lendo libros deste xénero. Foi todo un éxito: fixemos empanadas, cantamos rap, practicamos piragüísmo e baetbox, cantamos un gol, coñecemos mulleres bravas...
A AFOGADA DE ROCÍO LEIRA
Ler A afogada de Rocío Leira no marco dun club de lectura adolescente foi unha experiencia intensa e chea de descubrimentos. A novela atrapounos dende as primeiras páxinas, non só polo misterio que envolve a historia, senón tamén pola forza das emocións que transmite, polos silencios que fala e polas feridas que desvela.
A protagonista, co seu pasado cheo de dor e segredos, fíxonos reflexionar sobre temas tan delicados como o abuso, a soidade e a necesidade de romper o silencio. A través da lectura compartida, abrimos espazos para falar de realidades que moitas veces permanecen agochadas, mesmo incómodas, pero que é fundamental visibilizar e entender.
A afogada non foi só unha lectura: foi unha viaxe emocional, un proceso de aprendizaxe colectiva e unha chamada a escoitar máis, a entender mellor e a nunca calar fronte á inxustiza.
A opinión de Lola sobre este libro foi a seguinte “Ao comezar A afogada, non imaxinaba que un libro puidese remexer tanto dentro de min. A historia colleume de sorpresa, atrapoume desde o primeiro capítulo e fíxome sentir un montón de cousas: medo, rabia, tristeza… pero tamén esperanza”.
Despois de rematar este curso podemos dicir que este club de lectura foi moito máis ca unha actividade escolar: foi unha oportunidade para medrar como persoas, para escoitarnos, comprender diferentes puntos de vista e aprender.
O DERRADEIRO IRMÁN PECHA O CLUB DE LECTURA DE 1º BACH
O derradeiro irmán de Nathacha Appanah foi o libro favorito da maioría das lectoras do club de 1º de Bacharelato. Comentaron que gozaran realmente coa lectura deste libro, traducido do francés, e que a historia dos protagonistas da novela as emocionara moito.
LLERENA PEROZO PORTEIRO PON O BROCHE FINAL AO CLUB DE LECTURA DE ADULTOS
O Club de Lectura de Adultos Baiolendo reuniuse hoxe por última vez nesta tempada para
comentar o libro Os anos tranquilos de Llerena Perozo.
Nun encontro moi apracible coa autora, esta respondeu as nosas preguntas e foi
enriquecendo as reflexións que iamos facendo con moita información de interese. Detivémonos
especialmente na protagonista María García, unha muller excepcional, procedente dunha
contorna moi humilde, que, apoiada na súa sorprendente capacidade para aprender —coa
lectura como ferramenta clave—, consegue abrirse camiño ata converterse nunha dama
distinguida, integrada nun círculo culto e acomodado. Unha muller que non dubida en tomar a
xustiza pola man para liberar da dor e da opresión a mulleres do seu círculo de familiares e
amizades.
Comentou a autora que esta personaxe provocoulle momentos frustrantes, porque ela
pensaba nunha serie de desgrazas e atrancos, pero, cando se poñía a escribir, ela saía de todos.
Tamén saíron a colación outros temas destacados, como o da emigración, a Revolución cubana
ou o espertar cultural e político de Galicia dos anos 90, vivido este último pola escritora na súa
etapa universitaria. Todo foi abordado desde unha ollada feminista, que impregna a obra na súa
totalidade e define con claridade a voz propia de Llerena Perozo.
É unha narración que atrapa desde as primeiras páxinas e propicia unha lectura áxil,
mesmo vertixinosa. Un verdadeiro canto de amor aos libros e á cultura en xeral. Un remate
excelente para o noso club de lectura, que continuará o vindeiro curso con novas experiencias
da man de figuras destacadas no panorama literario galego como Ledicia Costas, Fernando
Castro Paredes, María Reimóndez ou Abril Camino.
THE NAMED DE MARIANNE CURLEY
Que marabilla que The Named fose o libro que máis lles gustou e que queiran continuar coa segunda parte! A experiencia da lectura para o alumnado de 1º BACH foi, sen dúbida, moi emocionante e estimulante. Ao ser unha historia de ciencia ficción con viaxes no tempo e unha trama chea de tensión sobre a prevención de cambios no pasado, sentiron unha gran descarga de adrenalina e curiosidade por descubrir que pasaría despois. O tema da loita contra aqueles que queren manipular a historia para o seu propio beneficio fíxolles reflexionar sobre temas como a ética, o poder e as consecuencias das nosas accións.
Ademais, a historia permitiulles imaxinar escenarios futuristas e considerar as implicacións de alterar o tempo, o que sen dúbida espertou a súa imaxinación e o seu interese pola ciencia e a historia. En definitiva, a lectura proporcionou unha experiencia intensa, chea de suspense e reflexión, que os deixou con ganas de seguir explorando este universo e afondando nos seus personaxes e nas ideas que presenta.
I'OBÉLIX
RAQUEL FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ E AS SÚAS “CONTAS DE BUXO” NO VII MES DO LIBRO
Hoxe pechamos as actividades co gallo do VII Mes do libro organizado pola Biblioteca do
IES Maximino Romero de Lema con dous encontros literarios. O primeiro deles foi con Raquel
Fernández Fernández, autora de Contas de buxo que tivo a oportunidade de ler o alumnado de
4º ESO.
A autora nigranesa comezou revelando que o motivo que a levou a escribir este libro foi
recuperar a excelente relación que tiña coa súa filla antes da adolescencia. Para iso, decidiu
involucrala no proceso creativo, pedíndolle a súa opinión sobre o que ía escribindo. A estratexia
resultou efectiva, aínda que confesou que, en ocasións, a rapaza quería influír na trama, cousa
que non permitiu porque tiña moi clara a idea que quería desenvolver.
A escritora, que traballa no sector da restauración, confesou que sempre lle encantou ler
e escribir, aínda que foi despois de facer un obradoiro de escrita, cando acadou o pulo necesario
para crear esta primeira novela. Asegurou que é posible compaxinar diferentes paixóns ao
mesmo tempo.
A continuación, ao responder ás preguntas formuladas polo alumnado, descubriu que a
novela se basea en feitos reais, especialmente no relativo aos casos de violencia machista que
aparecen, aínda que adaptados á ficción. Neste sentido, advertiu aos e ás asistentes sobre a
importancia de estar atentos aos sinais previos que adoitan preceder este tipo de situacións.
Adiantou tamén que a novela non terá continuidade, xa que considera que a historia debe
pecharse tal como está. Tamén destacou a importancia que lle dá á descrición dos espazos na
súa obra. Mencionou lugares como a praia das Catedrais e Ribadeo, que considera paraxes
excepcionais e que recomendou visitar.
O encontro rematou cun agradecemento por parte do alumnado e profesorado á autora
tanto pola súa visita como pola sinceridade coas que compartiu o seu proceso creativo.
Antes de que se despedise a autora, algúns membros do Club de Lectura de 2º da ESO
reuníronse con ela, xa que leron a súa segunda obra, I’m Obelix, gañadora da XVI edición do
Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Esta, que tamén lles encantou, aborda o tema do TDAH
a través da experiencia dun rapaz no ámbito escolar.
O Equipo da Biblioteca anima ao alumnado e ao profesorado a descubrir e gozar destas
interesantes novelas, agardando que vos gusten tanto coma aos e ás que xa as leron.
A LITERATURA POPULAR BRILLA NO DÍA DO APAGAMENTO NO CLUB DE LECTURA DE ADULTOS BAIOLENDO
No día que todos lembrarán como o do “apagamento”, a literatura popular da man de Icía
Varela brillou con luz propia, e foi a gran protagonista na nova cita do Club de lectura de Adultos,
na recta final do VII Mes do Libro. A partir da lectura de Cantareiras, da que Icía é coautora xunto
con Manuel Varela, dedicamos a sesión de onte a falar das Pandeireteiras de Mens, de Eva
Castiñeira de Agrazón ( Muxía) e de Adolfina e Rosa Casás, de Vila da Igrexa (Cerceda), figuras
todas elas homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025.
Icía introduciu a charla comentando o interese que hoxe suscita a literatura popular
fronte ao marxinada que estivo sempre nos plans de estudo universitario e non universitario. Tal
é a importancia que se lle dá, que lles están achegando tanta información nova que xa teñen
material para un segundo volume de Cantareiras.
Falounos de como as Vellas de Mens, Prudencia, Teresa, Asunción, Manuela e Adela,
rompendo os roles que se lle atribuían ás mulleres na sociedade da época, e mesmo tendo que
aturar duras críticas e ser obxecto de burlas, viaxaron coa súa música por Europa e América.
Informounos da alegre Eva Castiñeira que emigrou á Coruña e que a casualidade fixo que
traballase como asistenta na casa dun dos socios da discográfica Ruada, na que recolleron o
seu traballo nun disco e facilitaron que subira aos escenarios con Milladoiro. Explicou que as
duras condicións nas que tiveron que vivir Adolfina e Rosas Casás non restou variedade nin
orixinalidade ás súas coplas, que a musicóloga suíza Dorothé Schubarth recompilou no seu
valiosísimo estudo da música popular galega evitando que se perdesen para sempre.
Os membros do club fixemos preguntas, compartimos reflexións, achegamos
informacións das nosas vivencias que unha vez máis enriqueceron a lectura. Para rematar Icía
asinou exemplares e, mesmo deu uns toques a unha das fermosas pandeiretas que decoraban
o espazo do encontro.
Con esta lectura no Club de Lectura de Adultos quixemos, co gallo da celebración do Día
das Letras Galegas, recoñecer e homenaxear a estas mulleres, pero sen esquecer que hai outras,
tantísimas, que tamén o merecen por participar na tradición das pandeireteiras en Galicia.
O MUNDO NUN HAIKU
Fomos lendo con calma todos os haikus que conforman o libro, comentando as emocións que reflectían e amosando a nosa predilección por uns máis que por outros.
Ao rematar a lectura e inspirándose nela, cada membro do club detivo a súa ollada no mundo que o rodea, buscando aquilo que lles espertase unha emoción especial. A partir desa impresión, fixeron unha fotografía e compuxeron un pequeno poema -un haiku- que acompañase e completase a mensaxe da imaxe.
Estas creacións foron presentadas para formar parte dunha exposición de haikus organizada polo Equipo da Biblioteca co motivo do Día Mundial da Poesía.
Plena beleza
ausencia de ruídos
libros e flores.
VICTORIA AND THE ROGUE DE MEG CABOT
O escenario da Inglaterra vitoriana mergullounos nunha época chea de costumes, modas e tradicións que, aínda que distantes no tempo, resultaron fascinantes e atractivas. Ademais, a historia de Lady Victoria, coa súa procura dun marido e as complicacións ás que se enfronta debido a unha mala decisión, ofrece unha trama emocionante chea de xiros e voltas, perfecta para manter o seu interese e as nosas reflexións.
Dado que moitas de nós xa somos fans da serie "Bridgerton", que comparte un escenario e un estilo similares, atopamos no libro unha historia familiar e entretida. A combinación de romance, intriga e o escenario histórico fíxonos conectar emocionalmente cos personaxes e gozar dunha lectura na que a historia e a ficción van da man sendo esta moi amena. Gustounos moito o libro porque nos ofreceu unha experiencia de lectura inmersiva, con personaxes interesantes e un escenario que nos resultou próximo, grazas ás similitudes con "Bridgerton".
TRAS OS PASOS DO NENO LABREGO
A nosa biblioteca segue a desenvolver o programa de actividades para
conmemorar o VII Mes do Libro. Nesta ocasión realizando un roteiro por Gres, en Vila de Cruces,
onde se transcorre a infancia de Balbino, o protagonista de Memorias dun neno labrego, cuxa
lectura emocionou ao alumnado de 3º ESO.
A primeira parada obrigatoria foi a Fundación Xosé Neira Vilas, casa natal do autor que
hoxe alberga un museo etnográfico e unha biblioteca con dúas salas de lectura. Recibiunos
Chus, que nos explicou a creación da Fundación e achegounos interesante información sobre a
vida e a obra de Neiras Vilas así como da escritora Anisia Miranda, a súa muller. Coñecemos as
distintas dependencias nas que se conserva boa parte do legado cultural e artístico do
matrimonio e, antes de despedirnos, Chus moi amablemente agasallounos con varios libros
para a nosa biblioteca, entre eles o da novela gráfica de Memorias dun neno labrego.
Despois visitamos o cemiterio parroquial e, ante as tumbas de Pepe e Anisia, os/as integrantes do Club de Lectura leron un anaco da novela e fixéronlleunha ofrenda floral. Antes de marchar, admiramos a arquitectura da igrexa parroquial, situada no mesmo recinto.
A continuación fomos coñecer a Ponte Ledesma e a súa historia. Rematamos o noso
percorrido achegándonos ás Insuas de Gres, onde á parte de coñecer o o monolito dedicado ao
autor, tivemos tempo de gozar da natureza e de desconectar tras o duro período de exames. E
todo grazas á lectura dunha das novelas máis importantes da nosa literatura!









