CONCURSO FOTOGRAFÍA DO DÍA DO LIBRO: PRESELECCIÓN

    


    Como ben sabedes, dende a Biblioteca propuxeramos un Concurso de Fotografía no que podía participar calquera membro da Comunidade Educativa. Os participantes tiñan que tomar unha fotografía orixinal e creativa na que apareceran eles cun libro.

    Desde aquí queremos agradecer a vosa participación; sodes moitos e moitas os/as que enviáchedes as fosos fotos artísicas, pero aquí só imos mostrar a escolla da preselección e máis as fotografías premiadas.

    En breve saberedes que fotografías son as gañadoras.

 





A escritora María Canosa mantén un encontro animado co alumnado de 1º ESO


   

    A biblioteca do IES Maximino Romero de Lema segue coa celebración do seu Mes do libro e, no día de hoxe contou coa visita de María Canosa, que se achegou  ao centro para compartir co alumnado de 1º ESO unha charla sobre Saínza, a Punkiereteira, un álbum ilustrado escrito por ela e con ilustracións a toda cor de Crisan F. Caruncho.

    Despois da presentación da autora por parte de dous alumnos, Adrián e Leticia, tomou a palabra a autora e comezou dando as grazas: polo simple feito de ler, xa que esta acción supón un esforzo, sobre todo hoxe cando hai tantos entretementos que non o esixen. Desexa que ese esforzo obteña a súa recompensa no gozo do alumnado. Animou a que non deixen de darlles oportunidades aos libros. 

    Nunca pensou en dedicarse a ser escritora: como súa nai -Concha Blanco- escribía, ela tamén o facía de forma natural, porque lle gustaba moito, cando se aburría....era un divertimento máis.  Aínda no caso de que ninguén a lese, ela seguiría escribindo porque lle fai reflexionar sobre si mesma e sobre o que lle preocupa. Recoñeceu tamén que non escribe do mesmo xeito cando o fai para os lectores como cando o fai para si mesma: hai un sacrificio en intentar contar algo a alguén que non coñece nada dunha historia e en quen hai que espertar o seu interese. 

    As cuestións ían definíndose coas intervencións dun alumnado interesado en coñecer a María Canosa escritora. Así, soubemos que leva escritos 52 publicados (sen contar parcipacións nin libros con outros autores e contando o que está a piques de saír - Teño un volcán dentro- V Premio Carlos Mosteiro). Que antes de comezar a escribir xa ten toda a historia na cabeza; que prefire que pasen meses para corrixirse a si mesma un escrito, para poder cambiar o punto de vista de escritora a lectora. Cando remata acostuma a poñer a data ao finalizar os seus escritos que -agás no artigos periodíscos- segue escribindo a man.

    Sobre os libros que lle gustaron moito destacou: Berta, de Concha Blanco, que a impactou, ou Cousas de Castelao, un clásico atemporal que sempre está a ler. O último libro que leu foi o derradeiro de Almudena Grandes, que lle encantou e está desexando ler A Muller Xabaril de Fina Casalderrey.

    Explicou cal foi o xérmolo de Saínza, a Punkiereteira, do que tivo claro, desde que descubriu a ilustración que a inspirou,  que a protagonista tiña que ser afouta, decidida, feminista, amante do rural e moi respectuosa cos maiores -como se reflicte na obra na relación que mantén Saínza coa súa avoa.  

    Como se pode apreciar falamos de lecturas; lecturas para desafiar os tempos de adormecemento actual. Lecturas para soñar.  Lecturas para celebrar o Mes do Libro do IES Maximino Romero de Lema.











“A MATTER OF PERSPECTIVE” - “UNHA CUESTIÓN DE PERSPECTIVA”

    O Equipo da Biblioteca, en colaboración co Departamento de Inglés levou acabo este proxecto que se fixo co alumnado do segundo curso de FP Básica, protagonistas deste proxecto, sobre como a perspectiva afecta á percepción que temos da nosa contorna.

    Cada alumno elixiu unha pose e coa axuda das indicacións dos demais compañeiros conseguiuse a captura perfecta. por último fíxose unha fotografía grupal na que participaron todos os rapaces. Foi un proxecto divertido e dinámico para o alumnado que esperamos repetir moi pronto.

    




Filosofía, intriga e retranca en Cicuta para dous

 


A novela Cicuta para dous de Rocío Leira foi a protagonista do encontro literario celebrado coa súa autora no día de hoxe. Esta novela, gañadora do Premio Jules Verne de Literatura xuvenil do 2022 – galardón que emocionou moito á autora-, é un libro rompedor dentro da literatura galega na que mestura intriga, filosofía e moita retranca.

Iniciamos o acto coa habitual presentación da nosa invitada realizada por Desirée e Cristina de 4º ESO, curso ao que ía dirixido o acto xunto co de 1º FPB e co Club de Lectura de 3º ESO.  A autora fixo unha defensa da filosofía por ser unha ferramenta necesaria en tempos de noticias enganosas. Achega unha luz crítica e dota ao pensamento de autonomía para enfrontarse cun mundo incerto e colonizado polo tecnodixital.

O suspense é unha característica inherente da súa narrativa e quixo mesturalo nesta ocasión coa filosofía dun xeito lúdico para aproximala aos adolescentes. Como comentou a escritora esta lectura pretende un lector activo, que vaia cuestionando o que sucede ata chegar á resolución do enigma mesmo antes de que suceda; en definitiva emprega o método socrático: a través das preguntas chégase ao saber. O lector debe resolver xogos, anagramas, códigos...

                O acto finalizou cun diálogo entre escritora e alumnado, no que se trataron cuestións sobre a trama: personaxes, espazo....; comentáronse aspectos do pensamento de filósofos que aparecen no libro e o alumnado achegou o seu punto de vista sobre a lectura.

 O encontro rematou coa entrega dun pequeno agasallo como lembranza do seu paso polo noso Centro e a sinatura de exemplares. O nosos agradecemento a Rocío Leira polas súas reflexións e por participar no noso Mes do Libro.
















A NECESARIA EXPERIENCIA DE COMPARTIR A LECTURA

 


Hoxe, 23 de abril, celebramos o Día do Libro, unha data importante para calquera biblioteca e a nosa non ía ser menos. Levamos todo o mes con distintas actividades arredor da lectura e o venres pasado realizamos unha moi especial: Laura, Sara, Rodrigo e Teo do club de lectura de 1º ESO e Lola, María e Mateo do de 2º ESO visitaron o colexio Labarta Pose para compartir lecturas co alumnado de infantil e de 1º e 2º de primaria.

Fixeron lecturas teatralizadas de diferentes álbum ilustrados e abofé que o fixeron moi ben. Unha ocasión para reivindicar a importancia da transmisión da experiencia da lectura e dos universos que abre. Cando nos vemos confrontados a unha intromisión brutal do eido da intelixencia artificial no proceso de creación literaria e artística en xeral, nada mellor que a presencialidade da voz que conta e do corpo que fala cos xestos. As facianas de abraio, as preguntas curiosas, os risos cómplices dos máis pequenos poñían de relevo a importancia deste tipo de actuacións. Unha fermosa forma de defender o libro no seu día.












Tras as pegadas de Picasso na Coruña



Tras a lectura de Pablo e as pombas de Marcos Calveiro, o alumnado de 1º ESO e o club de lectura de 2º ESO, decidiron visitar algúns dos espazos por onde se desenvolveu a vida de Picasso durante os catro anos que residiu na cidade herculina.

Iniciaron a ruta literaria na casa familiar na que puideron ver reproducións da obra coruñesa do pintor e  lembrar problemas domésticos como a tristeza do pai por non destacar como pintor ou o falecemento da súa irmá pequena. Aproveitaron ademais para realizar unha visita guiada polas casas indianas de estilo modernista que hai pola zona.

De camiño ao Orzán detivéronse no Eusebio da Garda no fixo estudos de ensinanza regrada, que abandonou para recibir clases de pintura na parte baixa do edificio en que se situaba a Escola de Belas Artes e da que seu pai era profesor. Continuaron polo paseo da praia Orzán, onde el e os seus amigos toureaban as ondas, e finalmente visitaron o Museo de Belas Artes para gozar da exposición Picasso branco no recordo azul constituída polas primeiras obras do pintor.

Grazas á lectura do libro, enriquecida por este roteiro literario, a nosa rapazada  puido coñecer que Galicia ten moito que ver con Picasso, ese artista universal do que este ano se cumpriron os 50 anos da súa morte. 














Antón Cortizas fai das adiviñas un medio lúdico para apreciar o noso patrimonio oral


Dentro dos encontros literarios, que estamos a desenvolver con motivo do Mes do Libro no noso Centro, hoxe tocoulle a quenda a Antón Cortizas que impartiu ao alumnado de 2º ESO un obradoiro lúdico-didáctico sobre adiviñas baseado na súa última publicación Adiviña unha adiviña.

Na primeira parte, a partir dun test de adiviñas da tradición oral galega, foi debullando as características deste subxénero e a técnica para a súa elaboración. Nunhas é máis importante a composición narrativa, noutras o cálculo matemático, pero en todas destacaba o aspecto lúdico das mesmas. Na segunda parte seguiu a xogar coa linguaxe e co vocabulario axudándose da papiroflexia: todos e todas construíron o seu bico do galo que contiña novos enigmas, aos que o noso alumnado buscaba unha rápida resolución.

Convidou á rapazada a seguir xogando coas palabras, co noso idioma, a recompilar as adiviñas da súa contorna para que non se perda e con elas parte do noso patrimonio cultural oral.

Rematou este divertido e á vez didáctico taller coa lectura dun poema orixinal del no que nos anima a abrazar a nosa lingua. De feito despediuse coa resolución dunha adiviña que inventara ao coñecer o noso alumando: “ el era feliz porque falaban en galego”.

María e Mateo, que iniciaron a xuntanza coa presentación do autor e da súa obra, tamén foron os encargados da estrea do vídeo realizado polo club de lectura de 1º ESO baseado na lectura doutro libro del: Non trabes a lingua.

Grazas a Antón Cortizas por transmitirlles ao noso alumnado un anaco da literatura oral galega e o amor pola nosa lingua.