XOGOS DE MESA RECICLADOS POLO DÍA DA PAZ


O Equipo da Biblioteca colaborou unha vez máis co Club de Ciencia por unha boa causa: a organización dun obradoiro de xogos de mesa reciclados dirixido ao alumnado de 1º de ESO para conmemorar o Día da Non Violencia e da Paz.

Deseñaron con chapas, tapóns de plástico, vellas camisetas e cartóns, taboleiros de xogos de tres en raia e das damas coas respectivas fichas; decoraron todo con motivos en defensa da Paz.

Ao rematar puideron xogar unhas partidas en total harmonía. Durante os recreos foron moitos emoitas os/as que se apuntaron a botar unha partida. Os xogos permanecerán na Biblioteca para quen se queira animar!



DÍA DA PAZ

O alumnado voluntario da biblioteca estivo traballando ao longo deste mes neste mural con motivo do Día da Paz.

Para facelo recollemos tapóns, promovendo a reciclaxe, que entregaremos posteriormente nun establecemento que colabore na recollida de tapóns solidarios.

Cos tapóns creamos o símbolo da Paz acompañado dunha frase célebre de Gandhi: “A Paz é o camiño”




PAN DE LIMÓN CON SEMILLAS DE AMAPOLA, DE CRISTINA CAMPOS

 O pasado luns pola tarde reuniuse de novo o Club de Lectura de Adultos ao redor dun café e da lectura de Pan de limón con semillas de amapola. Na xuntanza comentamos os distintos temas que trata o libro: o amor, a adopción, a organización de Médicos Sen Fronteiras, así como a comparativa da vida das súas protagonistas.

Pasámolo xenial! 












ENTREGA DO PREMIO DO CLUB DE LECTURA

 O club de lectura do IES Maximino Romero de Lema enxalzado polo conselleiro de Educación Román Rodríguez

O pasado venres o conselleiro de Educación Román Rodríguez celebrou que a terceira parte dos Premios Clubes de Lectura Escolares concedidos polo Ministerio na edición 2021-2022 foran para centros galegos cunha recepción a todos os galardoados.

O conselleiro tivo un recoñecemento especial para o club de lectura Baiolendo, que obtivo un segundo premio, por ser un centro do rural co que se recolle así a diversidade do sistema educativo galego.

Ao acto acudiron en representación do centro baiés Trinidad López, coordinadora do proxecto, e Hortensia Román, Vicedirectora que, xunto a Marta Nantón e a Ana Fuentes son as responsables das actividades arredor da lectura.

O club de lectura no presente curso escolar segue moi vizoso, xa que está constituído por seis grupos con protagonismo de case sesenta alumnos e alumnas e, como novidade, botouse andar un club de lectura de pais e nais xunto co profesorado que está tendo moito éxito nesta primeira edición con dez integrantes.

Este premio supón un recoñecemento ao traballo realizado e dá novos folgos para seguir apostando polos clubs de lectura como forma de aprender, de coñecer, de achegarse a universos distantes, pero tamén como un espazo onde relacionarse, onde cadaquén achega o seu punto de vista respectando o dos demais e enriquecendo a lectura persoal previa.



Enlace ao xornal "A voz de Galicia": ENTREVISTA

Enlace ao xornal "Praza Pública": ENTREVISTA

HOMENAXE A NOSA COMPAÑEIRA ANA GENDE

 Velaquí vos amosamos este fermoso poema feito con moito agarimo para a nosa compañeira Ana Gende. 




O CADERNO DE ÁNXELA EN PALABRAS CLAVE

 O caderno de Ánxela en palabras clave segundo o Club de Lectura Baiolendo de 1º de ESO

Ánxela, Xi´an, adopción, familia, raíces, nais, China, palabras, historias, xene... son algunhas das palabras clave que segundo o Club de Lectura Baiolendo resumen o libro co que comezamos a andaina literaria neste primeiro trimestre. Velaquí tendes un vídeo no que as e os integrantes fan unha loanza da lectura en xeral, e de animación á gozar deste libro en particular.



ENTREVISTA NO XORNAL "A VOZ DE GALICIA"

 Comezamos o ano con esta entrevista que nos fixeron para o xornal

"A Voz de Galicia".






"A biblioteca do IES Maximino Romero (Baio) é moi normal, random dirían os rapaces, e iso en Galicia quere dicir que é extraordinaria. Neste espazo no que traballan de voluntarios o 10% do alumnado hai tanta vida que desborda as paredes e enche as aulas. Marta Nantón coordina un equipo que completan Trinidad López, Ana Fuentes e Hortensia Román, e que traballa arreo dende o primeiro día do curso."