CLAUSURA DO CLUB DE LECTURA BAIOLENDO EN VALARÉS

    


    Este venres o Club de Lectura Baiolendo despediuse no entorno natural de Valarés. Foi unha xornada moi emotiva que comezou na casa de Eduardo Pondal, onde cantamos o Himno Galego, e que continuou cunha andaina ata a praia de Valarés.

    Á xornada festiva non lle faltaron os xogos tradicionais e o recitado de poemas por parte do Club de Lectura de 2º ESO, quen compartiu con tod@s algún dos poemas de Street Poems de Fran Alonso.

    Un dos grandes momentos de convivencia foi o do xantar, onde non podían faltar a pizza, a tortilla e os xeados.

    Rematamos a xornada agasallando ao alumnado cunha libreta, doazón de Bibliotecas Escolares, e máis cun pequeno libro Mulleres de sempre, unha obra colectiva co mellor da nosa literatura, agasallada pola Fundación Xistral.


Street Poems de Fran Alonso e o Club de Lectura de 2º ESO

 


O Club de Lectura de 2º ESO rematou o curso lendo Street Poems de Fran Alonso. O escritor fotografou graffitis que ía descubrindo por lugares de todo o mundo e escribiu poesía a partir deles. Escollémolo porque sempre introducimos a poesía entre as nosas lecturas, e cremos que este en concreto lles ía agradar porque nel se funde a forza dos versos coa arte rebelde da arte na rúa. O noso instituto é un claro exemplo desta arte na rúa e este foi o factor decisivo para lelo no noso club.

Pedímoslles que realizasen unha lectura pausada, reflexiva dun poema cada día, saboreando cada verso, fixándose ben na súa mensaxe e no graffiti ao que aludían. Nas reunións algúns/algunhas alumnos/-as tiñan que preparar a lectura en alto dun poema que lles emocionara e que a continuación comentabamos. Lembramos como se debía recitar proxectando a voz e seguindo a puntuación, realizando unha vocalización correcta, tendo en conta o ton, os xestos...

Encantoulles esta poesía visual, gustoulles a liberdade e a rebeldía que reflectía. Nuns casos opinaban que os graffitis tiñan unha forza poética extraordinaria; noutros sinalaban que eran o poema o que lle daba forza ao graffiti e tamén tivemos casos nos que vían moi ben a simbiose entre as dúas artes: poesía e artes plásticas.

Como actividade complementaria realizamos un percorrido observando todos os murais do centro e reflexionando sobre a súa mensaxe. Ademais esta lectura levounos a fixarse na arte urbana que sae ao noso encontro en moitas das vilas galegas, e así o manifestaban nas reunión arredor do libro.



Club de Lectura de 1º ESO

Ao alumnado de 1º ESO gustounos moito a experiencia de participar no Club de Lectura, xa que nunca estiveramos nun.

O libro que máis nos gustou foi Alma de Elefante, de Andrea Maceiras porque nos tivo enganchados desde o principio ata o final.

As reunións eran moi divertidas e contabamos cousas sobre os libros que liamos. Ás veces tamén nos traían comida como froita, bocadillos e chuches.

Nós recomendamos que se animen os compañeiros a apuntarse ao Club de Lectura porque é unha experiencia boa, xa que les, divírteste e tamén vas de excursión. Pásase moi ben.

Valoración do Club de Lectura de 4º ESO, 1º BACH e CM Informática

 Foi unha experiencia marabillosa que desencadenou no estreitamento de lazos de amizade e no que compartimos momentos inesquecibles. Encantaríanos rememorar esta experiencia para revivir os risos e anécdotas que vivimos nas reunións. Gozamos moito nas nosas xuntanzas en torno a lectura e gustáronnos os libros que fomos lendo ao longo do curso.

Reseñas da experiencia dalgúns dos membros do Club de Escritura

 

María: Para min o Club de Escritura foi unha experiencia única, xa que nunca antes fora a un. Aínda que nun principio non me gustou moito, pois pensaba que iamos facer todos o mesmo, é dicir, escribir todos para o mesmo libro. Pero despois paseino bastante ben, xa que podía escribir o xénero que me gustaba. Ao final, a experiencia foi bonita e inesquecible, e seguramente se para o ano que ben o hai, apuntareime para seguir escribindo a miña propia historia. 


Miguel: Para min o Club de Escritura foi unha experiencia positiva, xa que me axudou a aprender a expresar mellor as miñas ideas. O que menos me gustou foi que comezou demasiado tarde e non nos dou tempo a rematar o noso proxecto.


Enma e Henri: Aínda que este proxecto foi algo apresurado e innovador, debemos decir que estamos moi felices do resultado final, pois temos un grupo moi unido no cal nos axudamos mutuamente para mellorar; e tendo en conta os erros e o tempo que lle adicamos, pensamos que este Club cun pouco máis de apoio e adicación, pode chegar ata algo máis grande. Tentaremos organizarnos mellor o vindeiro curso.

Trivial Zaense


    Os membros do Club de Lectura de 1º ESO construíron un Trivial, onde todas as preguntas versan sobre a cultura do lugar. Para elaboralo fixeron un gran traballo de investigación e tamén empregaron material de refugallo.



       Cando queirades podedes pasar pola Biblioteca e poñer a proba a vosa cultura zaense.

Zas mola

    O alumnado de Proxecto Competencial de 3º ESO en colaboración co Equipo da Biblioteca pon a vosa disposición un video promocional do noso Concello. Esperemos que vos guste e que o disfrutedes. 



Clausura do Club de Lectura de 4º ESO, 1º BACH e CM Informática con Carmilla e Adeline

  


 Rematamos a nosa Andaina literaria este curso retomando a lectura dun clásico. Carmilla de Joseph Sheridan Le Fanu epublicado no ano 1872 e, ilustrado por Ana Juan para dar o salto a Adeline, última obra de María Solar.

    Este achegamento á primeira obra onde a protagonista é unha vampiresa atrapounos desde o principio, foi todo un descubrimento. A lectura de Carmilla foi un acerto, xa que foi unha obra que nos engaiolou desde o principio e na que gozamos moito comentándoa nas reunións.

    Clausuramos o curso reuníndonos para comer e falar das dúas obras.





CLAUSURA CLUB DE LECTURA DE 3º DA ESO

 Hoxe clausuramos o Club de lectura de 3º da ESO cunha merenda no 1º recreo.  Este curso o alumnado tivo 4 lecturas repartidas durante os 3 trimestres; “22 segundos” de Eva Mejuto, “Que me pare o corazón se te esquezo” de Andrea Maceiras, “Cando sangren os lobos” e “Aqueles corpos nosos” de Adrián Gómez Ramos.

 😉😉 PARA O ANO MÁIS E MELLOR!!! 😉😉



Alma de elefante. Club de Lectura 1º ESO

 


     
Obra escrita por Andrea Maceiras ( A Coruña, 1987) que obtivo o Premio Anaya 2022.

        Narra a historia de dous xemelgos que viven na selva vietnamita, Suy ten alma de bolboreta e Lawen de elefante. Suy é máis forte e sempre coidou da súa xemelga. Lawen é distinta das outras nenas: cústalle expresar os seus sentimentos e ponse nerviosa coas situacións novas. 

    Esta foi a obra que máis gustou ao alumnado de 1º, fascinoulles a relación de amor incondicional destes irmáns e como  se relacionan coa natureza.









FOTOPOEMAS: crear é vivir


O libro Poesía mínima de Helena Villar Janeiro foi o xerme para que Trini, Marta, Ana, Hortensia e Adriana, coordinadoras do Club de Lectura Baiolendo, crearan os seus propios fotopoemas coas imaxes que as conmoveron especialmente cuxa mensaxe foi complementada co seu haiku correspondente.

Velaquí tedes as nosas creacións artísticas.





FOTOGRAFÍA VERMES DE SEDA

    
O Equipo da Biblioteca en colaboración co Departamento de Inglés organizou un concurso coa temática de “Silkworms – Vermes de Seda". O alumnado da ESO e de Bacharelato que levou á casa vermes de seda fixo unha foto artística e púxolle un título en inglés e en galego. As fotos están expostas no taboleiro do Departamento de Inglés para que o alumnado e o profesorado vote ás mellores. Foi un proxecto divertido e dinámico para o alumnado que esperamos repetir moi pronto.

MISTERIO E MITOLOXÍA NOS LIBROS DE ADRIÁN GÓMEZ RAMOS

 

Finalizamos onte os encontros literarios deste curso celebrados na nosa Biblioteca coa presenza do escritor Adrián Gómez Ramos, autor de Cando sangren os lobos, lido por todo o alumnado de 3ºESO e da segunda parte deste,  Aqueles corpos nosos, lido polos membros do Club de Lectura dese mesmo curso.

O autor comentou que escribiu o primeiro libro cando decidiu presentarse ao certame Xuventude Crea 2020 coa que gañou o 1º premio na categoría de Novela Curta. Sinalou que para crear estas obras de ciencia-ficción e misterio tomou pinceladas da película La Cera e da serie Buffy Cazavampiros. Encántalle a mitoloxía, por iso ocupa unha parte importante na súa escrita e dentro desta, sempre sentiu apego polas historias de monstros, sobre todo polos que podían vivir como persoas, como é o caso dos lobishomes.

Tamén aludiu a situacións de discriminación que aparecen na súa obra como as que sofren moitas persoas pola súa orientación sexual ou ás mulleres polo simple feito de selo; a el parécelle importante que estas temáticas teñan máis cabida na literatura actual.

Respondeu a numerosas cuestións e curiosidades do alumnado sobre as dúas novelas. Algunhas das preguntas centráronse no desenvolvemento da trama e na  descrición emocional e psicolóxica das personaxes, dos monstros e nos conxuros. Con respecto ás personaxes confesou que lle gusta facer sufrir ás súas favoritas, que non ten medo a traballar coas emocións por alleas que lle resulten algunha delas.

Interesoulle moito ao alumnado descubrir que se publicará unha terceira parte en breve e que será a última, aínda que en principio pensara en realizar unha saga composta por cinco libros. Finalmente animounos a realizar un roteiro literario pola cidade de Santiago visitando os lugares que se describen no libro.

Rematamos coa sinatura de exemplares e co agradecemento por achegarse ata Baio dende Rianxo para compartir con noso alumnado un animado encontro literario que pon o broche final aos deste curso escolar.

    Agradecémoslle á Librería Ler de Santa  Comba que fixera posible que se realizase este encontro literario no noso Centro.