A Semana Cultural do noso centro celebrouse entre o 18 e o 20 de maio e dende a Biblioteca organizamos algunhas actividades para celebrala entre as que se atopaban o cine, a poesía e a fotografía.
FOTOGRAFÍA: UNHA ARTE NA RÚA
Nesta ocasión
alumnado de 1º Bacharelato A tivo a oportunidade de visionar o tan premiado e
formidable filme Cara e Lugares realizado en colaboración entre a veterana directora
Agnès Varda e o artista gráfico urbano e fotógrafo Jene René, coñecido polas súas
impactantes obras visuais en rúas e tellados de diversas cidades de todo o mundo.
Imaxinas ver unha foto túa na fachada da túa casa ou nun inmenso muro de teu barrio?
Pois neste documental se amosa a arte da rúa e, directora e artista emprenden unha viaxe
para inmortalizar os esquecidos con fotografías enormes. Máis que unha mera
decoración estas obras buscan facerlle unha homenaxe a xente común. Un filme
entrañable, engaiolante, a veces divertido, a veces melancólico que deixou ao
alumnado cun sorriso no rostro.
DORES TEMBRÁS : POESÍA E NATUREZA
Dende
a Biblioteca organizamos tamén para a Semana Cultural o obradoiro
Poesía e Natureza impartido pola poeta e investigadora Dores
Tembrás e dirixido ao alumnado de 1º de ESO.
A
poeta, baixo a sombra das árbores do xardín, transmitiulle ao
alumnado o seu entusiasmo pola palabra e profundou no concepto de
poesía e dos segredos do mecanismo do poema. Despois de recitarlles
algúns poemas, foi a quenda dos rapaces e das rapaces que crearon as
súa propias composicións guiados/as polas verbas da autora e
relacionados coa natureza da que gozaban.
FOTOGRAFÍA PAISAXÍSTICA
O
alumnado de 1º de ESO participou o primeiro día da Semana Cultural
nun obradoiro de Iniciación á fotografía paisaxística
impartido polo cormelán Andrés García, máis coñecido por
Drew Korme e gañador do certame internacional Milky Way
Contest da web 35 Awards grazas a unha imaxe da Vía Láctea
sobre o faro Roncudo e enriba da máxica Mar de Ardora.
Iniciaron
o obradoiro cunha andaina pola fermosa paisaxe que hai desde o Centro
ata a Carballeira de Baio; polo camiño xa lles foi ensinando
diferentes técnicas de fotografía e como potenciar o uso do
teléfono móbil para realizar fotos tan excelentes como se fosen
tiradas cunha cámara fotográfica.
Centrouse
nas seguintes técnicas importantes para a realización dun retrato
paisaxístico: a regra dos 3 terzos, a técnica do macro e a do
enfoque próximo á natureza. Tamén lles comentou que non deberían
usar o modo automático, que tiñan que aprender a usar a
intensidade e iluminación do móbil.
Despois
da explicación de cada técnica, o alumnado contaba con quince
minutos aproximadamente para poñela en práctica e preguntar
dúbidas. Rapaces e rapazas quedaron entusiasmados/as co obradoiro e
coas nocións aprendidas durante o mesmo e que levarán á práctica
sempre que saquen unha foto.