CLAUSURA CLUB DE LECTURA

 

    Un ano máis pechamos a nosa camiñatra literaria do Club de Lectura Baiolendo cunha merenda na Biblioteca onde compartimos uns pinchiños e máis as nosas exeperiencias ao logo do curso.

    Tod@s coincidimos no positivo do Club e no moito que nos aportaron as reunións e máis as lecturas escollidas para este curso.







Lecturas de Defreds

    Durante o último trimestre realizamos unha lectura variada de diferentes obras de Defreds, autor coñecido polos seus textos breves, reflexivos e moi próximos ás preocupacións da xente nova. Nas súas publicacións aborda temas como o amor, a amizade, os sentimentos, os soños, as inseguridades e as experiencias cotiás da vida.

    Esta foi a proposta que máis gustou ao alumnado, xa que os textos conectaron facilmente coas súas vivencias persoais e favoreceron a identificación cos temas tratados. Ademais, tivemos a oportunidade de recibir a visita do autor durante as actividades organizadas con motivo do Mes do Libro, celebrado en abril. Este encontro resultou especialmente enriquecedor, pois o alumnado puido coñecer de primeira man o proceso creativo do escritor, intercambiar impresións sobre as súas obras e formular preguntas sobre a súa traxectoria literaria.

Nacional Treasure no Club de Lectura Bookworms



    Na última semana de curso celebrouse a actividade de Cine en Inglés, na que os alumnos disfrutaron da película "National Treasure", sobre a historia de Norteamérica, en versión orixinal con subtítulos, cunhas palomitas para acompañar a sesión.


 

Room on the Broom


    Raquel, único membro do Club de Lectura de Inglés de 1º ESO, cos seus medos e recelos iniciais, comentou que esta nova experiencia do Club de Lectura fora moi positiva e que o libro, que podía parecer moi sinxelo, foi moi interesante pola súa maxia e poesía.
    En palabras da nosa cativa: "Foi unhaa lectura perfecta que me axudou a perderlle o medo ao inglés e a gañar confianza en min mesma". 

    Esta foi unha experiencia fantástica que demostra que as grandes historias non teñen idade. 

The Brilliant World de Tom Gates

 




    O Club de Lectura de Ingés de 2º ESO leu o libro "The Brilliant World".

    Ver como rapaces de 2º de ESO que fuxían do inglés devoraban con orgullo as páxinas de "The Brilliant World of Tom Gates" foi pura maxia. O formato cheo de doodles e humor conectou coas súas propias vidas, transformando os bufidos iniciais en gargalladas compartidas e complicidade na aula. O maior logro non foi só que aprenderan xergonía británica, senón ver o seu subidón de autoestima ao descubrir que ler en inglés tamén podía ser un refuxio divertido.

The Giver de Lois LOWRY



    Ler The Giver en versión orixinal non foi só un reto lingüístico para os membros do Club de Lectura de Inglés de 3º e 4º da ESO; foi, moito máis, unha viaxe emocional e filosófica que transformou as sesións do Club de Lectura en debates intensos e moi vivos.

    O mellor da experiencia foi comprobar como o libro desatou o espírito crítico dos rapaces. Utilizando o inglés como ferramenta, o grupo debateu con moita paixón unha pregunta clave: Paga a pena eliminar o sufrimento se a cambio temos que renunciar á nosa liberdade e aos nosos sentimentos? A resposta unánime dos rapaces foi un "non" rotundo. Preferían un mundo con imperfeccións e dor antes que unha vida anestesiada e sen libre elección.

¡Vaiche boa! de Paul Jennings



    Lectura dinámica e divertida, cunha linguaxe próxima ao alumnado e situacións que favorecen a empatía e a reflexión. O humor presente na obra facilitou a participación nas sesións do club de lectura e promoveu o gusto pola lectura. Ademais, permitiu comentar temas relacionados coa convivencia e as relacións entre iguais.

Clausura Club de Lectura Bookworms


Como despedida e para dar por rematado o Club de Lectura Bookworms repartimos un pequeno agarimo a principios de xuño que coincidiu coas últimas reunións do club. Cada alumno recibiu un pequeno ventilador manual, un puzle de lego con temática de animal para que o construíran, un monedeiro, un clip en forma de libro, unhas pegatas con frases en inglés e uns doces.

Un broche de ouro inesquecible: 3º e 4º de ESO vive a intensidade de Cando sangren os lobos

 

    
    O club de lectura de 3º e 4º de ESO continúa coa súa andaina imparable este curso. Tras o impacto de Furia, os nosos lectores e lectoras enfrontáronse á súa terceira gran viaxe literaria con Cando sangren os lobos, a impactante e adictiva novela de Adrián Gómez Ramos galardoada co I Premio Xuventude Crea. A experiencia na biblioteca non puido ser máis emocionante, misteriosa e inesquecible.

CLAUSURA DO CLUB DE LECTURA DE ADULTOS

 A visita de Rober Cagiao ao Club de Lectura de Adultos converteuse hoxe nunha magnífica oportunidade para conversar arredor da súa obra Cadea de favores. Durante o encontro, o autor compartiu coas persoas asistentes detalles sobre a creación da novela, as inspiracións da historia e diferentes reflexións sobre a escrita e o proceso creativo.

A sesión desenvolveuse nun ambiente próximo e participativo, no que os lectores e lectoras puideron intercambiar impresións co autor, formular preguntas e afondar nos temas e personaxes da obra, facendo da lectura unha experiencia compartida e enriquecedora.

Con esta actividade pechamos tamén o Club de Lectura de Adultos deste curso, despois de varios meses nos que os libros se converteron nun punto de encontro para o diálogo, a reflexión e o desfrute da literatura.

Queremos agradecer especialmente a Rober Cagiao a súa visita, a súa cercanía e a xenerosidade á hora de compartir esta experiencia co club. Tamén damos as grazas a todas as persoas asistentes e aos autores e autoras que nos acompañaron ao longo do curso.

Animamos a todo o mundo a descubrir e ler Cadea de favores, unha obra que sen dúbida segue deixando pegada entre os nosos lectores e lectoras.

O Club de Lectura retomará a súa actividade o vindeiro curso con novas lecturas e novos encontros arredor dos libros.



O Club de Lectura de 1º de ESO tece redes de memoria compartindo "Os fíos de Begoña" co resto do instituto.

 

    
    Co gallo da celebración das Letras Galegas, os membros do noso club mergulláronse no libro Os fíos de Begoña, unha obra fantástica de Eva Mejuto editada por Edicións Xerais.     Tras ler e debater emocionados esta pequena biografía, os rapaces e rapazas do Club de Lectura de 1º de ESO decidiron ir máis alá e converterse en auténticos divulgadores da nosa cultura. Co obxectivo de espallar o legado da homenaxeada Begoña Caamaño, prepararon con moito agarimo unha presentación especial para achegar a súa figura aos compañeiros de todos os grupos de 1º e 2º de ESO.
    O alumnado conectou fondamente cos valores de xustiza, igualdade e activismo de Begoña Caamaño e preparou a presentación unindo forzas, ideas e moita creatividade.
    Explicar a biografía a outros grupos reforzou a súa confianza e a oratoria.
    O Equipo da Biblioteca encheuse de orgullo ao ver a literatura galega viva nas súas voces.
O mellor desta experiencia foi o ompromiso coa memoria: Os rapaces entenderon a importancia de manter vivo o fío da nosa cultura.
    As sesións remataron con debates moi enriquecedores sobre a igualdade e a literatura.
    Parabéns a todo o Club de Lectura de 1º de ESO por un traballo tan fermoso, maduro e cheo de sensibilidade. Grazas por seguir tecendo a historia da nosa lingua!.









XVIII XORNADAS CLUB DE LECTURA

    A docente Ana Fuentes, integrante do equipo da biblioteca do IES Maximino Romero de Lema, participa hoxe nunhas xornadas de clubs de lectura co obxectivo de ampliar a súa formación neste ámbito.

    A actividade reúne profesionais da educación interesados en fomentar o hábito lector e intercambiar experiencias arredor da dinamización da lectura nos centros educativos, sendo moi importante este tipo de formación.

PONTE NAS ONDAS

 Participación no Programa Interescolar Ponte nas Ondas.

PODCAST PONTE NAS ONDAS

MURAL DO DÍA DO LIBRO

 Hoxe celebramos o Día do Libro con este mural de recomendacións lectoras feitas pola comunidade educativa do noso centro.







Tea Party do Club de Lectura de Inglés


    En Abril celebramos o primeiro "Tea Party"; unha pequena xuntanza na que se preparou unha presentación sobre a cultura anglosaxona mentres se servía comida típica dun almorzo/brunch inglés. Servironse "sausage rolls", "shortbread", diferentes tipos de sandwiches, típicos doces ingleses, fruta, zumos e aprenderon a preparar o té inglés tradicional e a degustalo. Despois da comida e a presentación houbo un concurso con preguntas relacionadas co exposto.

Encontro literario con David Blanco no Mes do Libro

 Onte, o alumnado de 1º da ESO puido desfrutar dun interesante encontro literario co escritor David Blanco, dentro das actividades organizadas pola Biblioteca con motivo do Mes do Libro.

Durante a sesión, o autor falou sobre o seu libro El encuentro, unha obra de temática mariña que mergulla ao lector nunha historia chea de misterio e aventura no mar. Trátase dun libro moi atractivo, tanto polo seu contido como polas súas imaxes, que acompañan a narración e fan a lectura máis dinámica e visual.

O alumnado xa coñecía a obra, xa que a lera previamente e a traballara na aula, o que permitiu un encontro moito máis participativo e enriquecedor. Os estudantes tiveron a oportunidade de facer preguntas, compartir impresións e afondar nos detalles da historia directamente co autor.

Este tipo de encontros resultan moi positivos para fomentar o gusto pola lectura, xa que achegan os libros ao alumnado dun xeito máis próximo e motivador, convertendo a experiencia lectora nunha actividade viva e compartida.










ENCONTRO CON LUIS SÁNCHEZ NO MES DO LIBRO

 Onte continuamos có Mes do Libro coa visita do investigador e autor do arquivo “Represión (Mulleres, homes e homiños)”, Luis Sánchez Rodríguez, natural de Baio, que impartiu unha charla ao alumnado de 2º de bacharelato centrada na represión franquista en Galicia.

Durante a súa intervención, o relator abordou o contexto histórico do inicio da Guerra Civil Española e da posterior ditadura, facendo especial fincapé nas consecuencias que tivo para a poboación galega. Así mesmo, puxo sobre a mesa exemplos concretos de represión en concellos da contorna como Zas, Vimianzo e Laxe, onde veciños e veciñas foron fusilados, encarcerados ou obrigados a fuxir para salvar a vida.

A información exposta forma parte dun exhaustivo traballo de investigación desenvolvido ao longo de 14 anos e recollido no portal da Memoria da Coruña. Nesta base de datos figuran máis de 18.000 persoas vinculadas á represión, tanto vítimas como represores, converténdose nunha ferramenta fundamental para a recuperación da memoria histórica en Galicia.

A actividade permitiu ao alumnado achegarse a unha parte clave da historia recente desde unha perspectiva próxima e documentada, contribuíndo á reflexión crítica sobre o pasado.



Acudimos ao teatro no Mes do Libro

 Onte continuamos celebrando o Mes do Libro da nosa Biblioteca e o alumnado de 1º de CM de Sistemas Microinformáticos e Redes e de 1º de FPB de Informática de Oficina disfrutaron da obra "En carne viva" da compañía Bengala Teatro, no Auditorío de Vimianzo. A actividade está organizada no marco do Circuíto en Igualdade da Deputación da Coruña.



O misterio de Portomarín de Antía Yáñez



    Novela de intriga ambientada nun lugar de grande valor histórico e patrimonial. A combinación de misterio e elementos da historia de Galicia resultou atractiva para os lectores, que seguiron con interese a investigación dos protagonistas. A obra contribuíu a espertar a curiosidade polo patrimonio cultural galego.

Manuel Núñez Singala visita o Club de lectura de Adultos polo Mes do Libro

 O escritor Manuel Núñez Singala mantivo hoxe unha conversa co Club de Lectura de Adultos, dentro dos encontros para celebrar o Mes do Libro, arredor da súa obra Instrucións para tomar café, na que compartiu cos participantes non só os detalles e curiosidades desta colección de relatos curtos e microrrelatos, senón tamén a súa particular maneira de escribir. Durante o encontro, explicou como concibe cada texto desde a precisión e o coidado absoluto pola linguaxe, pensando ao detalle cada palabra, cada xiro e cada matiz, nun proceso creativo no que nada queda ao azar. Esta forma de traballar reflíctese nunha obra que combina retranca, poética e humor intelixente. A actividade permitiu aos asistentes reflexionar sobre a identidade dos galegos e galegas ao mesmo tempo que gozaban dunha lectura amena e sorprendente.



O libro estrutúrase en catro bloques: Libro de reclamacións, Libro de

Un novo encontro literario cheo de aprendizaxes con David Cortizo

 Onte tamén tivemos un segundo encontro literario dentro das actividades encadradas no Mes do Libro que organiza a nosa biblioteca.

Nesta ocasión visitounos o escritor David Cotizo, que compartiu un agradable e enriquecedor momento co alumnado de 2º da ESO arredor do seu libro Púrpura Tero. Durante a sesión, tiveron a oportunidade de debater sobre a obra, comentar as súas impresións e afondar nas súas peculiaridades, así como analizar os personaxes, resolver dúbidas e formular preguntas directamente ao autor.

Cómpre salientar que este tipo de encontros resultan de grande riqueza para o alumnado, xa que non só achegan a literatura dun xeito máis próximo e dinámico, senón que tamén contribúen a fomentar o gusto pola lectura e o pensamento crítico. Sen dúbida, experiencias como esta enriquecen a formación lectora e persoal do noso alumnado.













Comeza o VIII Mes do Libro na nosa Biblioteca

Hoxe damos comezo ao VIII Mes do Libro que celebramos con moita ilusión na nosa Biblioteca. Esta primeira xornada estivo marcada pola visita do escritor Defreds, quen compartiu o seu tempo co alumnado de 1º de Bacharelato.

O autor vigués faloulles da súa vida e da súa traxectoria como escritor, explicando como foron os seus comezos, o seu traballo con diferentes editoriais e como foi medrando tanto a nivel persoal como profesional no mundo da literatura. Ademais, tamén compartiu algunhas anécdotas que o marcaron ao longo da súa carreira, facendo a charla moi próxima e interesante.

Os rapaces e rapazas tiveron a oportunidade de participar activamente, formulándolle preguntas sobre a súa vida e o seu traballo, o que fixo do encontro unha experiencia enriquecedora para todos.

Queremos agradecer a súa presenza, a súa boa disposición e actitude, así como destacar a importancia destas xornadas que fomentan a literatura e o gusto pola lectura entre o alumnado.