Finalizamos onte os encontros literarios deste curso celebrados
na nosa Biblioteca coa presenza do escritor Adrián Gómez Ramos, autor de Cando
sangren os lobos, lido por todo o alumnado de 3ºESO e da segunda parte
deste, Aqueles corpos nosos, lido
polos membros do Club de Lectura dese mesmo curso.
O autor comentou que escribiu o primeiro libro cando
decidiu presentarse ao certame Xuventude Crea 2020 coa que gañou o 1º premio na
categoría de Novela Curta. Sinalou que para crear estas obras de
ciencia-ficción e misterio tomou pinceladas da película
La Cera e da serie Buffy Cazavampiros. Encántalle a mitoloxía,
por iso ocupa unha parte importante na súa escrita e dentro desta, sempre
sentiu apego polas historias de monstros, sobre todo polos que podían vivir
como persoas, como é o caso dos lobishomes.
Tamén aludiu a situacións de
discriminación que aparecen na súa obra como as que sofren moitas persoas pola
súa orientación sexual ou ás mulleres polo simple feito de selo; a el parécelle
importante que estas temáticas teñan máis cabida na literatura actual.
Respondeu a numerosas cuestións e curiosidades do
alumnado sobre as dúas novelas. Algunhas das preguntas centráronse no
desenvolvemento da trama e na descrición emocional e psicolóxica das personaxes, dos monstros
e nos conxuros. Con respecto ás personaxes confesou que lle gusta facer sufrir
ás súas favoritas, que non ten medo a traballar coas emocións por alleas que lle
resulten algunha delas.
Interesoulle moito ao alumnado
descubrir que se publicará unha terceira parte en breve e que será a última,
aínda que en principio pensara en realizar unha saga composta por cinco libros.
Finalmente animounos a realizar un roteiro literario pola cidade de Santiago
visitando os lugares que se describen no libro.
Rematamos coa sinatura de
exemplares e co agradecemento por achegarse ata Baio dende Rianxo para
compartir con noso alumnado un animado encontro literario que pon o broche
final aos deste curso escolar.
Agradecémoslle á Librería Ler de Santa Comba que fixera posible que se realizase este encontro literario no noso Centro.