Óscar Reboiras puxo o broche final ao VII Mes do Libro cun encontro co alumnado de
1oBACH arredor da súa primeira novela, A agonía das folerpas, galardoada co II Premio de Novela
Galicia Rural 2022.
Despois da presentación realizada por dous alumnos, Alicia e Sergio, o escritor tomou a
palabra. Comezou confesando que se iniciou na escrita sobre os corenta anos, momento no que
recuperou o gusto pola literatura e a escrita. Logo de participar en dous obradoiros literarios,
naceu esta impresionante novela chea de intriga e cunha historia que atrapa desde o principio.
Permitiunos coñecer o seu proceso da escrita: como xurdiu a idea; como descubriu a
aldea de Salgueiro no Parque Natural do Xurés; como querían que fosen os protagonistas da
historia -persoas común, auténticos antiheroes que van medrando co desenvolvemento da
historia- inspirados en características de familiares, amigos e coñecidos; como se
documentou...
Tamén compartiu o seu método de traballo: é un autor compás, que vai descubrindo a
trama a medida que a escribe. Aínda que, si tivo claro desde o principio, que quería contar dúas
historias nas que a realidade histórica e a ficción se mesturasen. Pasado e presente que se unen
a través dunha serie de asasinatos.
Houbo tempo para que o alumnado formulase preguntas e interactuase co escritor, o que
deu lugar a reflexións moi enriquecedoras, entre elas, o papel do xornalismo na sociedade
actual. Finalmente, expresámoslle o noso agradecemento a Óscar Reboiras por ter aceptado o
convite para compartir connosco a súa experiencia literaria.
Con esta actividade o IES pecha un mes de valiosas achegas e recoñecemento por parte
de figuras destacadas da literatura galega. Durante estas semanas, o alumnado tivo a
oportunidade de descubrir de primeira man que detrás de cada éxito literario hai esforzo,
dedicación e constancia. Agardamos poder celebrar o vindeiro ano unha nova edición que nos
permita continuar promovendo a lectura, o pensamento crítico e o diálogo literario.