Hoxe saen en varios xornais estas reseñas sobre a visita da ilustradora Sofía Fondo, que nos visitou este luns e coa que pechamos esta edición do IV Mes do Libro do noso Centro.
Podedes ver os artigos nos seguintes enlaces:
Hoxe saen en varios xornais estas reseñas sobre a visita da ilustradora Sofía Fondo, que nos visitou este luns e coa que pechamos esta edición do IV Mes do Libro do noso Centro.
Podedes ver os artigos nos seguintes enlaces:
O 23 de abril foi o Día do Libro e dende a Biblioteca, para conmemorar esta data, o alumnado estivo colaborando ao longo deste mes, nun Bookface representando libros como “Sira”, “Denébola a Roxa”, “H20 Pingas científicas”, entre outros.
No mural situado enfronte a Biblioteca poderedes ver estas fotografías tan espectaculares de moitas obras coñecidas.
Hoxe saen en varios xornais estas reseñas sobre a visita da ilustradora e escritora Laura Suárez, que nos visitou o venres polo IV Mes do Libro e coa que conversamos sobre o seu libro “Monte Pindo. Historias e lendas do Olimpo Celta”
Podedes ver os artigos nos seguintes enlaces:
CON SOFÍA FONDO REMATA O IV MES DO LIBRO NO IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA
DURANTE UN MES A ARTE E A LITERATURA FORON AS GUÍAS EDUCATIVAS DO ALUMNADO
Este pasado luns finalizamos os encontros literarios do IV Mes do Libro con Obradoiro de Ilustración impartido pola deseñadora gráfica e ilustradora Sofía Fondo. Nel o alumnado de 2o da ESO coñeceu a obra da ilustradora pontecesá e a gran maioría levou unha agradable sorpresa ao descubrir que Sofía Fondo é a autora dos vídeos que ven desde hai anos na canle de youtube Tik Tak Draw, especializada en contar historias de terror debuxando. Unha canle moi apreciada polo alumnado.
O Obradoiro estruturouse en dúas partes. Na primeira parte, a ilustradora comezou coa presentación do seu traballo na empresa de Ponteceso, Entretendo, encargada de realizar vídeos que se poden considerar como pioneiros da coñecida canle Tik Tok dende hai varios anos e nos que pon a voz e, cando corresponde, tamén debuxa.
A continuación interrelacionou co alumnado cunha serie de preguntas vinculando a aprendizaxe do debuxo coa da escrita e insistindo en que o importante non é tanto o talento que un teña, senón o traballo e o esforzo que realice para dedicarse a calquera traballo.
Ensinoulles a súa evolución no debuxo dende os 12 anos ata a actualidade, de feito, amosou un dos seus traballos sobre as Tanxugueiras, cos que acadou moi bos comentarios e a deron a coñecer ao público en xeral. Recoñece que estivo a piques de deixalo aos 18 anos, pero que proseguiu porque era o que realmente lle gustaba. Co paso do tempo foi perfeccionando a súa técnica.
A segunda parte do Obradoiro foi práctica e Sofía Fondo foille ensinando ao alumnado as técnicas básicas para facer unha boa caricatura do rostro. Resultou ser unha sesión moi animada e con gran participación por parte do alumnado.
Finalmente, o alumnado sacou fotos coa ilustradora e pedíronlle que asinara os debuxos elaborados durante o Obradoiro. Mesmo algúns quixeron que lles asinara nos brazos e se realizase selfies con ela.
Con esta actividade, que foi todo un éxito, o IES Maximino Romero de Lema pecha o seu IV mes do Libro, un mes de éxito en que o alumnado tivo oportunidade de coñecer a creadores de diversas artes literarias e gráficas e descubrir de primeira man que detrás de todo éxito artístico e literario están o esforzo, a dedicación e a constancia.
O IV Mes do Libro é un axeitado medio de defender a importancia que ten a lectura como proceso de formación e educación, ademais de dignificar a lingua e a cultura galegas.
MAXIA E HISTORIAS LENDARIAS NO IES MAXIMINO ROMERO
A piques de entrar na última semana da celebración do IV Mes do Libro no IES Maximino Romero de Lema, o venres 22 de abril estivo con nós Laura Suárez que compartiu o proceso da escrita do seu libro Monte Pindo, Historias e Lendas do Olimpo Celta co alumnado de 1o da ESO. Un libro que nos mergulla de xeito ameno e divulgativo na historia, nas lendas e noutros feitos que converten en máxico este enclave do patrimonio natural da Costa da Morte como é o Monte Pindo. Un libro do que Laura Suárez é a autora dos textos e dos debuxos.
Despois da presentación da alumna Lola Cumprido e de preguntarlle ao público expectante se coñecían o Monte Pindo, a autora introduciunos nas lendas que atesoura este libro. Contou o proceso de documentación, con gran axuda de Pepe do Fieiro e Xil, especialistas na zona, e como despois empezou a realizar debuxos que posteriormente acompañou de pequenas frases. Meigallos con animais, a fertilidade, os refuxiados da Guerra Civil, rituais para doentes que aínda hoxe se seguen practicando son algún dos temas que se reflicten neste libro.
Adentrarse na lectura deste libro é pasearmos por un mapa de camiños, paraxes fermosos, lugares e anécdotas dos que a autora demostrou ser unha gran coñecedora. A Fervenza do Ézaro, a Cova da Xoana, etc. nomes que crean un universo onírico que cobra vida con cada paso respectuoso que damos polo Monte Pindo.
O noso patrimonio natural e histórico, como xa temos argumentado noutras ocasións, só se pode defender desde o coñecemento da súa relevancia e importancia. O encontro con Laura Suárez cumpriu pedagoxicamente con este obxectivo fundamental do que debe ser a educación cívica. Ademais, o procedemento creativo de Laura Suárez demostra a importancia que ten escoitar e recoller as testemuñas aínda vivas da nosa memoria patrimonial oral.
Tratouse dun acto do que o alumnado valorou positivamente a proximidade coa que a autora explicou os detalles da súa obra. Finalmente, e despois dos pertinentes agasallos e sinatura de exemplares, a ilustradora, ao ser informada de que no mes de xuño imos facer un roteiro literario seguindo o seu libro cos Clubs de Lectura do IES Agra de Raíces de Cee e do IES Fin do Camiño de Fisterra, ofreceuse a acompañarnos. E abofé que aceptamos á primeira!
O 5 de abril, o alumnado de FP Básica, despois de ter lido o lido de Nee Barros, Identidade, tivo un encontro literario co autor.
Nee Barros fai de Identidade un piar esencial para a convivencia
O IV Mes do Libro do IES Maximino Romero de Lema prosegue coas súas actividades dirixidas ao alumnado. Desta volta, o instituto acolleu a presentación da obra de Nee Barros, a quen agradecemos un encontro rico e formativo, con quen rematamos a primeira quenda desta convocatoria.
Os ventos de cambio social requiren de valentía e tamén dun axeitado respecto para coas diferenzas de sentirse e, en consecuencia, tamén de ser. O encontro con Nee Barros xirou, precisamente, ao redor dos dilemas que encerra o concepto de identidade, concepto que dá nome ao seu libro. Unha obra de teatro sobre a necesidade que ten o ser humano de se reconstruír cando sente que a súa esencia está prisioneira nun corpo ou molde que non é o seu. A normalidade do non-común refírese á ollada que se require, unha ollada de simple naturalidade, de aceptación, de respecto para podermos convivir en sociedade.
Despois da presentación, Nee Barros comezou a súa intervención cun vídeo no aparece un neno ao que lle gusta poñer vestidos. Baixo este feito iniciou a reflexión en común animando á rapazada a dar a súa opinión sobre o contido visto, deixando claro que non hai interpretacións correctas nin incorrectas. A continuación ilustrou mediante unha presentación un percorrido de palabras ao redor do ‘trans’, unha serie de ferramentas destinadas a coñecérmonos. O alumnado puido achegarse a toda a riqueza conceptual e de termos que o mundo da identidade está construíndo ao redor de como nos sentimos nós mesmos e na nosa relación amorosa cos demais (sexo biolóxico, sexo asignado, identidade de xénero, orientación sexual, expresións de xénero, etc.). Igualmente, falou da linguaxe inclusiva e da ‘creación’ de termos coma o pronome ‘ele’.
A continuación, centrouse en falar da súa obra Identidade escrita cando tiña 14 anos, nun momento en que o pasou mal porque foi cando decidiu saír do armario como persoa trans e non tivo a aceptación que esperaba. Sentiu soidade e foi a través da escrita teatral como deseñou unha peza de teatro co fin de se que fose un referente da realidade trans, xa que el non tivera no seu momento ningún referente. Sabía que era diferente pero non era capaz de nomealo porque non tiña as palabras.
Nee Barros interaccionou co alumnado a través da metáfora das vendas negras que cobren os ollos dalgúns personaxes. A súa caída significa a superación de marcos estreitos a través da educación e do coñecemento. Zé, o protagonista da obra, podería ser un alter ego de Nee Barros, pois vive unha historia de valentía e loita contracorrente para construír a súa propia identidade, superando os atrancos e as incomprensións.