Amosando publicacións coa etiqueta premios literarios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta premios literarios. Amosar todas as publicacións

ANDREA MACEIRAS GAÑA O CONCURSO DE NARRATIVA INFANTIL VILA D’IBI 2023


        O XLI Concurso de Narrativa Infantil Vila d’Ibi premiou a obra Siempreviva da escritora galega Andrea Maceiras (A Coruña, 1897), que será publicada en abril de 2024.

        Siempreviva está protagonizada por Senda, unha nena que se muda cos seus pais ao pequeno pobo que dá título ao libro. O matrimonio vai estudar a contorna, moi contaminada, ata o punto de que non medra nada nos arredores. Senda deberá quedar moito tempo soa dentro da vella escola xunto a Centinela, o seu asistente virtual. Un bo día, decátase de que no patio medra un brote. Sae e rescátao, atopando tamén unha caixa con varios obxectos que pertenceron a un neno chamado Olmo. Entre os poucos habitantes que quedan no pobo, Senda pregunta sobre Olmo, pero non lle dan demasiada información. Finalmente, atopa unhas coordenadas e decide ir a esa indicación.

        O xurado propuxo outorgar o premio a este texto por converter o tema da ecoloxía, o respecto á terra e á vida no transfondo dunha viaxe e dun encontro nun pobo da España baleirada. 

        Andrea Maceiras é licenciada en Filoloxía Galega, en Filoloxía Hispánica e doutora pola Universidade da Coruña e na actualidade dedícase profesionalmente á escritura. Leva editadas doce obras destinadas ao público infantil e xuvenil, moitas delas recoñecidas con premios a nivel autonómico e nacional. Entre os últimos galardóns recibidos salientan o Premio dos Clubs de Lectura da Consellería de Educación e o Premio Merlín por A folla azul; o Premio Raíña Lupa por Que me pare o corazón se te esquezo  e o XIX Premio Anaya por Alma de elefante.

        Nas súas obras aborda temas como a identidade, o ecoloxismo ou a procura do noso lugar no mundo, e integra con frecuencia elementos máxicos e de fantasía.


PREMIO CERVANTES 2023

        O Ministerio de Cultura e Deporte galardoou co Premio en Lingua Castelá Miguel de Cervantes 2023 ao autor español Luis Mateo Díez (Villablino, León, 1942). Un premio que está dotado con 125.000 euros e que constitúe o galardón máis prestixioso das letras en español. 

        O xurado fallou en Mateo Díez por ser “un dos grandes narradores da lingua castelá, herdeiro do espírito cervantino, escritor fronte a toda adversidade, creador de mundos e territorios imaxinarios”.

        Luis Mateo Díez ocupa actualmente a cadeira “I” minúscula da Real Academia Española e obtivo en dúas ocasións o Premio Nacional de Narrativa coas súas novelas A fonte da idade (1986) e A Ruína do ceo (1999).

        O premio Miguel de Cervantes outórgase desde 1975 a escritores españois ou hispanoamericanos que contribuísen coas súas obras para enriquecer o patrimonio literario da lingua española. Entregarase o 23 de abril de 2024, como cada ano, coincidindo co día en que faleceu Miguel de Cervantes.


PREMIOS DA CRÍTICA DE GALICIA 2023

        O auditorio Afundación de Vigo acolleu a entrega dos Premios da Crítica de Galicia 2023, que nesta edición recaeron en Berta Dávila, Carlos Callón, a Agrupación Astronómica Ío, As Tanxugueiras, Teresa Táboas, Teatro Ensalle, Pepe Coira e Estrelas non Camiño.      

        Na categoría de Creación Literaria, o xurado da XLV edición destes galardóns decidiu outorgar o premio a Os seres queridos, de Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987), por “introducirse nun modelo narrativo contemporáneo de destacada sutileza poética.” Esta obra, que recibiu tamén o Premio Xerais de Novela 2022, é “un autorretrato incómodo sobre o que significa o amor maternal.”

        As súas novelas máis coñecidas son O derradeiro libro de Emma Olsen (2013) que foi adaptada tamén como novela gráfica, e Carrusel (2019). Tamén é autora de poemarios como Raíz da fenda (2013).


PREMIO PLANETA 2023

        A xornalista, presentadora de televisión e escritora Sonsoles Ónega (Madrid, 1977) gañou o Premio Planeta 2023 coa obra Las hijas de la criada. 

A novela de Ónega conta a historia dos Valdés, unha familia de empresarios galegos que percorre os dous primeiros terzos do S.XX en Galicia e Cuba. Pon o foco na loita das mulleres deste clan, que foron decisivas para a creación do seu imperio comercial, e tamén nun segredo que marcará as súas vidas.

Outras obras da escritora son: Calle Habana, esquina Obispo (2004), Donde Dios no estuvo (2007), Encuentros en Bonaval (2010), Nosotras que lo quisimos todo (2014), Después del amor (2017) e Mil besos prohibidos (2020).

Pola súa parte, Alfonso Goizueta (Madrid, 1999) é o finalista do galardón, coa súa biografía novelada La sangre del padre, na que amosa as dúas caras de Alexandre Magno: a do home e a do mito.

JON FOSSE RECIBE O PREMIO NOBEL DE LITERATURA 2023

         O Premio Nobel de Literatura 2023 foille concedido ao escritor e dramaturgo noruegués Jon Fosse (Haugesund, 1959).

No anuncio, a Academia sueca indicou que lle outorgaba o galardón polas súas “innovadoras obras de teatro e prosa que lle dan voz ao que non se pode dicir”. Tamén salientaron a versatilidade do autor xa que “a súa inmensa obra escrita na forma Nynorsk do noruegués, cubre unha grande variedade de xéneros, nun caudal de obras de teatro, novelas, coleccións de poesía, ensaios, libros para nenos e traducións”. Destacouse que, ademais de ser un dos dramaturgos máis amplamente representados no mundo, tamén está sendo cada vez máis recoñecido pola súa prosa”.

        Algunhas das obras máis coñecidas de Fosse son El otro nombre (Septología I), Trilogía e Alguien va a venir.



FRANCISCO FERNÁNDEZ DÁVILA, XVII PREMIO DE NARRATIVA BREVE REPSOL

        O escritor e enxeñeiro Francisco Fernández Dávila (Oia, 1974), acaba de vencer na XVII edición do Premio Narrativa Breve Repsol pola súa obra Groenlandia, un certame co que colabora a Xunta de Galicia co fin de reforzar a creación de literatura en galego e promover o uso social da lingua.

        O xurado destacou da obra galardoada que “con mestría e naturalidade”, o autora elabora nela “unha historia na que nada é o que parece e ninguén amosa unha soa cara”. Unha novela, explica, como “un mosaico literario de perfecto encaixe construído a través da intriga, do humor e unha pasarela de personaxes que, sen ser de ningures, sempre quedan engaiolados nas illas Azores”.

        Outras obras -tamén premiadas- do autor son A senda do sal (2017), Alana (2018), Mover os Marcos (2019) e Primavera (2023).

PAULA CARBALLEIRA, PREMIO NACIONAL DE LITERATURA DRAMÁTICA 2023

           As alumnas, unha obra de teatro escrita por Paula Carballeira (Fene, 1972), vén de ser distinguida no pasado mes de setembro co Premio Nacional de Literatura Dramática. 

        O xurado destacou a obra da autora galega “por ser un eloxio do maxisterio que ensina sobre a dúbida e o debate. Polos seus valores dramáticos, a riqueza de matices e pola recuperación dunha muller referente para o ensino galego (a pedagoga María Barbeito), símbolo da educación moderna, igualitaria e transformadora que propuña a II República.”

    Paula Carballeira ten unha longa traxectoria como escritora e actriz, con máis de dúas ducias de libros publicados, entre obras de teatro e literatura infantil e xuvenil, salientando títulos como Smara (2006), Boas noites (2007), O Refugallo (2013) e Trece avisos (2022).




YOLANDA CASTAÑO, PREMIO NACIONAL DE POESÍA 2023

        A escritora Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) é a gañadora do Premio Nacional de Poesía 2023. O Ministerio de Cultura premiou a Castaño pola súa obra Materia, que xira arredor dos temas da materninade, a familia e os costumes, e que foi cualificada polo xurado como “directa, radical e feminista”.

        Nas súas primeiras declaracións tralo fallo do premio, afirmou: “non creo que poida aspirar a nada máis. Foi un soño poder logralo”. Ademais salientou:“escribo na miña propia lingua e camiño coa cabeza ben alta escribindo en galego. Non a creo nin defectiva, nin subsidiaria nin menor que outras.”

        Outras obras destacadas desta autora son: Elevar as pálpebras, Vivimos no ciclo das Erofanías, Profundidade de campo e A segunda lingua.



Kazuo Ishiguro

PREMIO NOBEL DE LITERATURA

O británico Kazuo Ishiguro, de 62 anos, foi galardoado o xoves 5 de outubro co Premio Nobel de Literatura 2017. A Academia Sueca recoñeceu que “en sus novelas de gran fuerza emocional ha descubierto el abismo bajo nuestro ilusorio sentido de conexión con el mundo”. Aínda que naceu en Xapón en 1954, Ishiguro trasladouse xunto a súa familia aos cinco anos ao Reino Unido, donde residiu a meirande parte da súa vida. A súa obra máis célebre é Lo que queda del día (1989), unha novela cuxa adaptación cinematográfica (1993) está dirixida por James Ivory e protagonizada por Anthony Hopkins, no papel do mordomo Stevens. Outros dos seus libros son Pálida luz de las colinas (1982), Los inconsolables (1995), ou Cuando fuimos huérfanos (2000). En Nunca me abandones (2005), tamén levada á gran pantalla, presenta unha distopía e introduce na súa obra a ciencia ficción. A súa última novela é El gigante enterrado (2015), na que explora como se relacionan a memoria co olvido, a historia co presente e a fantasía coa realidade. O británico escribiu oito libros en total, aínda que tamén é autor de guións de cine e televisión. Segundo explica a Academia sueca, os temas máis presentes na súa literatura son a memoria, o tempo e a auto-ilusión. Ao longo da súa carreira, tamén recibiu otros importantes recoñecementos como o Premio Booker ou o Premio Whitbread. Ishiguro sucede ao compositor, cantante e poeta estadounidense Bob Dylan, o gañador do ano pasado e o primeiro personaxe do mundo da música en ser galardoado. O recoñecemento, que sorprendeu ao mundo da literatura, foi por “haber creado una nueva expresión poética dentro de la gran tradición de la canción americana”.

Premios literarios

Este é o noso taboeiro onde imos ir colgando os premios literarios que se van dando ao longo do curso