BAIOLENDO DESPÍDESE DO 1º TRIMESTRE
Un ano máis, Baiolendo remata o 1º trimestre compartindo as opinións e impresións das súas lecturas. Desta vez, por mor da COVID-19, non puidemos facer a reunión conxunta ao redor dun ágape con todos os membros dos distintos grupos, pero si queremos facervos a achega dos libros que lemos: Mamá, quero ser Ziggi Stardust, de Iria Misa (1º da ESO), O que eu creo (de todo), de Jordi Sierra i Fabra (3º da ESO), Nubes de evolución, de Andrea Maceiras (4º da ESO), Segredos no solpor, de Iria Misa (4º da ESO) e Senlleiras, de Antía Yáñez (1º de bacharelato).
Bo fin de trimestre e bo comezo de ano!!!
LECTURAS INCLUSIVAS
Presentamos as novidades sobre lectura inclusiva que acaban de chegar a nosa biblioteca.
Hai sobre temáticas variadas e de todos os tipos: novelas, poesía, cómics..
Botádelle un ollo a estes vídeos no que se amosan os títulos!
Están esperando a que veñades por eles para ler no Nadal 😃
LECTURAS INCLUSIVAS DIFERENTES TEMÁTICAS
25N - POR TODAS AS MULLERES ERGÁMONOS
25 N- ENCONTRO CON ROSALÍA FERNÁNDEZ RIAL
QUE A MÁSCARA NON NOS IMPIDA FALAR!
(POR TODAS AS MULLERES QUE NON PODEN FACELO)
PARA QUE UN DÍA FUTURO NON SEXA NECESARIO
Un 25 DE NOVEMBRO DE VÍTIMAS, MEDOS E VIDAS CREBADAS
Por desgraza os datos demostran que aínda está lonxe o ano en que non sexa necesario un 25 de novembro de concienciación e sensibilización. Para que as máscaras que impón o COVID-19 non sexan un favorecedor da invisibilidade histórica que sufrimos as mulleres, cómpre falar desta realidade. Cómpre berrar con máis forza para que a tea non impida que o noso apoio e a nosa solidariedade chegue a todas as mulleres que o precisan.
Por todo isto, nesta semana de reivindicación, no IES Maximino Romero de Lema comezamos a celebración da semana do 25 de novembro coa presenza de Rosalía Fernández Rial, cuxa recitación enche de enerxía o escenario e fai vibrar a quen tivemos a sorte de escoitala presentándonos o seu último libro de poemas.
O acto, que se estruturou en dúas sesións, destinouse a alumnado de 1º e 2º de Bacharelato. Comezou co visionado dun videopoema moi vinculado a Baio, pois foi gravado aquí, con mulleres da localidade e conta mesmo con música dunha antiga alumna do Centro, Antía Ameixeiras . A profesora Dolores Torrado realizou un percorrido pola obra da autora e antigas alumnas da poeta tomaron a palabra para lembrar con agarimo a expectación que creaba durante as súas horas de docencia e fixéronlle unha entrevista con diversas cuestións sobre o proceso da escrita, sobre o libro, sobre a súa faceta docente e outros aspectos.
A continuación tomou a palabra a escritora e contounos a orixe do libro Árbores no deserto, a intención e o obxectivo que se marcou coa súa feitura. Trátase dun libro coral onde as mulleres son protagonistas rescatadas do deserto, do silencio. Mulleres que escribían e non tiñan a necesaria divulgación que necesita toda creación.
E, finalmente, chegou o momento máis agardado: a performance da poeta que usou recitado e ilustracións proxectadas para lembrar as mulleres ás que ía dedicada cada un dos poemas e que nos conmoveu a todas persoas presentes.
Grazas Rosalía!
25 DE NOVEMBRO, DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
QUE A MÁSCARA NON NOS IMPIDA FALAR
(POR TODAS AS MULLERES QUE NON PODEN FACELO)
PARA QUE UN DÍA FUTURO NON SEXA NECESARIO
UN 25 DE NOVEMBRO DE VÍCTIMAS, DANOS E VIDAS CREBADAS
Dende o IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA, queremos amosarvos este vídeo feito por alumnas no que se recollen lemas contra a violencia de xénero.
COMPOSICIÓN SOBRE OS LIBROS DE MARCOS CALVEIRO
ENTREGA DE PREMIOS DO CONCURSO DO SAMAÍN
Onte fixemos entrega dos premios do concurso do Samaín #calafríonunchío, que consistía en escribir un breve relato de terror.
Moitos parabéns aos premiados e esperamos que vos gustara o agasallo 😊
Grazas por participar!
PREMIO CERVANTES 2020
O poeta Francisco Brines, último representante da xeración prodixiosa dos 50, gañou o Premio Cervantes 2020, o galardón máis prestixiosa das letras castelás.
COMPARTINDO LECTURAS CON MARCOS CALVEIRO
Durante a visita compartiu co alumnado a cociña da súa escritura en tres sesións na que se centrou nos libros lidos en cada curso. Iniciamos o encontro con 4º da ESO falando do xérmolo de As palabras poden matar, Centauros do Norte e O pintor do sombreiro de Malvas. Na sesión con 1º de bacharelato compartiu con nós imaxes da Vilagarcía do século pasado, na que transcorre a premiada O xardineiro do cemiterio dos ingleses, para a continuación establecer un diálogo sobre aqueles aspectos que máis interesaron a alumnos e alumnas. Finalmente, rematou o encontro co alumnado de 3º da ESO no que a novela Todos somos deu pé a un interesante debate do papel dos medios de comunicación e do comportamento da sociedade en casos de desaparición de menores de idade, tema central da obra.
Previa a visita do autor e tras a lectura das obras, o alumnado foi quen de recrear con composicións a esencia de moitos dos libros de Marcos Calveiro montándoas nunha exposición que comezaba xa no exterior do centro.
Marcos Calveiro aseguraba que viviu tempos nos que a literatura aparecía na súa vida como unha obsesión enlazando unhas obras coas outras. Tras a súa visita ao noso centro estamos convencidos de que non a sente así e agardamos con sinceridade que nos siga sorprendendo coa súa literatura nestes momentos de incertidume nos que ás veces parece non ter cabida.
PREMIADOS DO CONCURSO DO SAMAÍN
O Equipo da Biblioteca ten o pracer de comunicarvos que xa decidimos os gañadores e gañadoras do concurso do Samaín #calafríonunchío.
Os premios outorgados serán 3 pero o resto do alumnado participante tamén recibirá un pequeno agasallo sorpresa.
Samuel Antelo Castro (1ºESO) - 1º PREMIO
Helena Vázquez Espasandín (1º ESO) - 2º PREMIO
María Amado Rodríguez (3º ESO) - 3º PREMIO
O alumnado premiado e o participante poderán recoller a súa sorpresa o vindeiro 18 de novembro no 2º recreo na biblioteca.
O Equipo da Biblioteca.
CIENCIA E POESÍA CON ESTÍBALIZ ESPIÑOSA
O pasado mércores, 4 de novembro o Equipo da Biblioteca convidou a Estíbaliz Espinosa e recibímola no IES Maximino Romero de Lema: muller, galega, escritora, filóloga, tradutora, socióloga, divulgadora científica...
No Día da Ciencia en Galego reflexionamos sobre a conxunción de poesía e ciencia. En palabras da nosa invitada: A poesía ten moito que ver coa ciencia; ambas nacen da necesidade de explicar o noso mundo, os nosos sentimentos, o lugar no que nos atopamos.
Sete constelacións que xa non son invisibles, así introduciu a autora a un grupo de científicas silenciadas no seu tempo por facer ciencia nun mundo masculino. Entre estas mulleres destacan a poetisa e astrónoma Wang Zhenyi, Jocely Bell Burnell, Caroline Herschel ou a galega Antonia Ferrín Moreira, autora da primeira tese en astronomía defendida por unha muller en España.
Estíbaliz Espinosa defendeu ante o alumnado a necesidade dunha divulgación científica en galego que nos axude a non perder nunca a curiosidade e evitar caer nas redes das pseudociencias, tan estendidas nos nosos días. Rematou a súa intervención animándonos a manter o compromiso co mundo e as ganas de cambiar o que non nos gusta nel.
BAIOLENDO COMEZA UNHA NOVA ANDAINA!!!
O Club de Lectura Baiolendo comeza unha nova andaina neste curso baixo a sombra da COVID-19; estamos moi ilusionados e á vez espectantes ante a evolución desta situación inquietante. Cremos que gardando as normas do protocolo poderemos compartir nas reunións as riquezas que as lecturas nos van brindar. Desexamos que gocedes coa lectura nesta nova viaxe literaria.
Estamos impacientes por compartir con vós as divertidas e amenas lecturas que seguro van ser do voso interese.
XA CHEGOU O SAMAÍN AO IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA!!
Ao remate deste mes de outubro, en concreto, a noite do 31 de outubro ao 1 de novembro, celébrase o Samaín e dende o Equipo da Biblioteca organizamos un "Concurso de chíos de terror". A continuación deixamos explicadas as bases no seguinte documento:
Animámosvos a participar, tedes de prazo ata o martes, 3 de novembro!!😉
Deixamos por aquí algunha fotiño de como decoramos a biblioteca, vide visitala que hai máis sorpresas...
24 DE OUTUBRO: DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES
Outra das actividades que o Equipo da Biblioteca levou a cabo o venres 23, aproveitando a conmemoración do Día das Bibliotecas escolares, foi a entrega de premios dos concursos de lectura e de imaxes que se fixeron o curso pasado. Debido ás circunstancias nas que nos atopamos, os gañadores non puideron recibir os seus agasallos presencialmente ao remate do curso, polo que dende o Equipo da Biblioteca decidimos esta fecha para facer a súa entrega.
No seguinte documento aparecen os premiados e as fotografías do Concurso de fotografías: Imaxes para ler, ler para imaxinar
A continuación deixamos algunhas fotos dos premiados e premiadas recibindo os seus agasallos!😉