DÍA DA PAZ

Para conmemorar o Día da Paz, dende a biblioteca propuxemos un concurso de caligramas para facer nas diferentes titorías.
O caligrama do Día da Paz gañador foi o da nosa alumna Yamila de 1º de Bach.



 









INTELIXENCIA ARTIFICIAL PARA A SOCIEDADE

Hoxe estiveron na nosa Biblioteca Fina Paulos e Óscar Rei, profesores do Departamento de Informática do noso Centro, e presentaron ante o alumnado de 4o ESO e 1o CM Intelixencia Artificial para a Sociedade, “o primeiro libro en galego sobre esta temática” -comentou Óscar.

Dámoslle a benvida a este libro formativo sobre IA xa que somos conscientes de que o alumnado debe familiarizarse coas oportunidades e desafíos que presentan as intelixencias artificiais, especialmente no que respecta á súa integración nas distintas áreas do coñecemento e da vida cotiá.

Óscar e Fina explicaron algunhas das ferramentas de IA que alumnos e alumnas poden empregar para mellorar a súa formación: xerar exercicios das distintas materias para practicar, crear imaxes, cancións de poemas, colorear ou reparar fotos en mal estado, animar fotos....

Agora ben, como destacaron os relatores, a utilización destas ferramentas de IA pode ser un aliado, pero nunca debemos esquecer as súas implicación éticas que supón un uso incorrecto das mesmas.

Agradecémoslles a Fina e a Óscar que nos fixesen partícipes desta novidade bibliográfica.







O CICLO NATURAL DA VIDA CON ROSA ANEIROS

 No Club de Lectura de Adultos Baiolendo continuamos no novo ano lendo obras destacadas da nosa literatura actual e mantendo un encontro cos autores ou autoras das mesmas para enriquecer a lectura individual. No primeiro encontro do 2025 visitounos Rosa Aneiros coa que dialogamos sobre a súa obra A noite das cebolas.

A escritora valdoviñesa permitiunos adentrar no proceso de creación literaria, explicándonos algúns dos cómos e os porqués da súa escrita: a necesidade de saber o comezo e o desenlace antes de pórse a escribir, aínda que o que aconteza no desenvolvemento a sorprenda a ela mesma; a vontade de que a súa nova novela é “un relato no que os lectores non van atopar un ritmo trepidante; é máis unha lectura lenta, un traballo a encamiñado a desfrutar da propia literatura”; a intención de crear un relato moi vitalista a partir da morte...

Fíxonos partícipes de que a historia non ten nada que ver con ela, aínda que moitos aspectos estean tomados da súa propia vivencia: a contorna, o faro, a paisaxe de Valdoviño que corresponde a unha paisaxe imaxinaria, pois cambiou os topónimos; o breve tratado de cultivo das cebolas seguindo os pasos dos seus pais; personaxes que mesturan a varios coñecidos seus; o título do libro....

Comentamos os personaxes máis destacados, sobre todo, o de Abril, a protagonista, unha muller aparentemente forte, que ao longo da novela vai sacando as capas -coma nas cebolas- que a protexeron durante a súa vida para descubrirnos unha gran fraxilidade, ata que lograr reconciliarse consigo mesma e aceptar o seu destino como parte natural da vida.

Durante a velada a literatura con maiúscula foi xurdindo con forza a través de nomes como Agustín Fernández Paz, Marcos Calveiro, María Rei Vilas, Paul Auster ou Antoine de Saint-Exupéry, e puidemos descubrir distintas perspectivas sobre a lectura, unha novela cativadora, de gran beleza para ler de xeito pausado gozando da boa literatura.





















DÁLLE UNHA VOLTA AO TEU CONSUMO: XANEIRO


 Pílula informativa mes de xaneiro:

Comezamos o xaneiro cunha nova pequena mostra dos alimentos de tempada da contorna . Acompañamos a mostra coa pílula informativa que nos axuda a reflexionar sobre o noso consumo de produtos frescos:

Apoio á economía local: Comprar produtos locais fomentan a economía da rexión, apoiando aos agricultores e produtores locais, o que tamén pode promover a biodiversidade agrícola e a preservación dos ecosistemas locais.