Encontro literario con María Rei Vilas

    


O 23 de abril, día do libro, pechamos o ciclo de actividades do III Mes do Libro coa agradable e interesantísima conversa con María Rei Vilas sobre a súa novela Flores de ferro, unha novela que nos descubre a necesidade de indagar na busca da propia verdade para construír o futuro de cada un.  Ambientada en calquera lugar de Galicia, aínda que con claras referencias a moitos lugares e paisaxes da Costa da Morte, e con inspiración en feitos e personaxes reais, esta historia sitúanos nos terribles acontecementos ocorridos durante o golpe de Estado e a ditadura franquista e axúdanos a comprender as consecuencias que tiveron naquelas xeracións e nas seguintes, convidándonos a mirar dentro das sombras…

    María Rei transmitiulle ao alumnado a mensaxe principal da historia:  espertar, analizar a realidade que nos rodea, a que nos chega desde múltiples fontes, para ir descubrindo o camiño que nos conduce á construcción da nosa propia verdade persoal e con ela o noso propio futuro.  A actividade estivo repleta, igual que a historia narrada na novela, dunha marabillosa riqueza simbólica, comezando cunha exposición de obxectos representativos e evocadores do relato  e co visionado dunhas curtas audiovisuais realizadas polo alumnado de 1º Bacharelato.  A continuación, María Rei comezou a súa exposición agasallando a cada alumno e alumna unha pedriña de seixo da praia de Baldaio e ensinándonos a escoitar todo o que silenciosamente nos contan esas pedras;  así, con esta metáfora e a través da reconstrución vital que realiza a protagonista da novela, a escritora transmitiunos a necesidade de coñecer, analizar e comprender o noso pasado e a nosa realidade como base para construír o noso futuro:  “o camiño non é doado, pero paga a pena o que podes descubrir”.

    Foi unha xornada emocionante e de valiosísimas aprendizaxes, polas que estamos moi agradecidos a María Rei Vilas e ás súas Flores de ferro.















Bibliotráileres Flores de ferro, de María Rei Vilas


Presentamos varios bibliotráileres realizados polo alumnado de 1º bacharelato para agasallar a autora, María Rei Vilas pola súa participación no III Mes do Libro organizado pola Biblioteca do IES Maximino Romero de Lema.

Grazas a todos e todas polo voso entusiasmo.

O primeiro que presentamos foi realizado por Elena Pose.


 O seguinte foi realizado por Silvia Barcia.




 

 O terceiro foi elaborado por María Niño.



 O que vén a continuación por Cristina Pastoriza



A seguir as escenas creadas por Ariadna Lema.


Iria Pose presentounos o seguinte:




E para rematar o creado por Nerea Conde, Simón Quiñoy, Francisco Manuel Romero e Álvaro Suárez.






Encontro con María Rei Vilas

Hoxe, 23 de abril, día do libro, a Biblioteca do IES Maximino Romero de Lema pecha o seu III Mes do Libro coa visita da escritora María Rei Vilas, quen tivo un encontro literario ao redor do libro Flores de ferro co alumnado de 1º de Bacharelato.










A NOSA ÁRBORE DE LIBROS

Dede a Biblioteca compartimos con vós a Nosa Árbore de libros, árbore que entre todos fixemos florecer coas nosas lecturas compartidas e individuais.

Con motivo do día do libro, a nosa árbore medráronlle unha multitude de recomendacións lectoras do máis variadas. 🌳💓😊

O noso alumnado encargouse de enchela escribindo recomendacións dos seus libros favoritos. 📝📝

Ao final conseguimos unha árbore chea de obras marabillosas! 😀😀😀











EN ABRIL, LIBROS MIL!

    O alumnado do noso club de lectura "Baiolendo" é o protagonista do noso mural do día do libro. 💚💛💜

    Nestas fotografías pódese ver que ben o pasamos nas nosas reunións e que bonitas nos quedan as fotos representando os libros que leemos 😀😊😋, e desde aquí queremos animarvos a enfrascarvos con nós nesta aventura.

EN ABRIL, LIBROS MIL!

FELIZ DÍA DO LIBRO 











Encontro literario con Mª Elisa Franco Torres

 

          

  Continuamos na nosa Biblioteca coa celebración do Mes do Libro e nesta ocasión foi a nosa compañeira e profesora de Xeografía e Historia, Elisa Franco Torres, que, en dous días diferentes, falou ao alumnado de 4º da ESO e 2º Bacharelato do seu libro Pasaxes na Memoria. Historia e testimonios dos represaliados políticos no concello de Sanxenxo (1936-1950).

            A autora reflicte na súa obra as experiencias vividas polas persoas afectadas polo alzamento militar que orixinou á Guerra Civil española.  A través dunha perfecta mestura de información histórico-documental e da recompilación da memoria aínda viva, o alumnado coñeceu as vicisitudes e consecuencias da violencia represora e xenocida levada a cabo polos golpistas. Parte importante da súa charla centrouse n´A Illa de San Simón, antigo lazareto convertido en campo de concentración. O alumnado recoñeceu a realidade que describía Elisa nalgúns dos libros que leran de Agustín Fernández Paz.

            Esta monografía inscríbese na necesidade de ter conciencia histórica e coñecer o pasado máis recente da nosa historia para evitarmos repetir os erros que conduciron a un dos episodios máis lamentables do noso país.











Bibliotráiler Veleno en familia, de Rocío Leira


Con motivo da participación de Rocio Leira na III Mes do Libro, varias alumnas de 4º da ESO realizaron este vídeo de presentación da novela da que nos viña falar.

Parabéns a todas elas!




FÍO MUSICAL 19 DE ABRIL

  A música que soará durante as próximas dúas semanas será a seguinte:




Historias de intriga con Rocío Leira no IES Maximino Romero de Lema


Desde a Biblioteca do IES de Baio continuamos celebrando o III Mes do Libro. Nesta ocasión visitounos a escritora ceense Rocío Leira que nos veu falar de dous dos seus libros.

 Iniciouse o encontro literario co alumnado de 4º da ESO co que, despois de visionar un booktrailer elaborado por varias alumnas sobre o libro Veleno en familia, produciuse un animado coloquio sobre esta historia de crimes onde todos son vítimas e verdugos. Centráronse, sobre todo, nas principais protagonistas da novela que son á vez as narradoras que poñen voz a esta historia na que se aborda a situación das mulleres na sociedade rural galega e a complexidade das relacións familiares.

 Na segunda sesión a autora reuniuse con alumnos e alumnas de 3ª da ESO para comentar aspectos da súa novela recentemente publicada A afogada, -Premio de Narración Curta Ánxel Fole do Concello de Lugo- que, do mesmo xeito que a anterior, logra manter a intriga no lector ata o final. Falouse da mentira, do maltrato, das relacións familiares tóxicas... máis o tema que máis reclamou a súa atención foi o das altas capacidades da protagonista que mesmo derivou nunha reflexión colectiva sobre o tratamento nos centros de ensino do alumnado con estas características.

 Agradecemos a súa presenza no noso centro e animámola a seguir escribindo historias de suspense que atrapan ao lector dende a primeira páxina.