ANDREA MACEIRAS GAÑA O CONCURSO DE NARRATIVA INFANTIL VILA D’IBI 2023


        O XLI Concurso de Narrativa Infantil Vila d’Ibi premiou a obra Siempreviva da escritora galega Andrea Maceiras (A Coruña, 1897), que será publicada en abril de 2024.

        Siempreviva está protagonizada por Senda, unha nena que se muda cos seus pais ao pequeno pobo que dá título ao libro. O matrimonio vai estudar a contorna, moi contaminada, ata o punto de que non medra nada nos arredores. Senda deberá quedar moito tempo soa dentro da vella escola xunto a Centinela, o seu asistente virtual. Un bo día, decátase de que no patio medra un brote. Sae e rescátao, atopando tamén unha caixa con varios obxectos que pertenceron a un neno chamado Olmo. Entre os poucos habitantes que quedan no pobo, Senda pregunta sobre Olmo, pero non lle dan demasiada información. Finalmente, atopa unhas coordenadas e decide ir a esa indicación.

        O xurado propuxo outorgar o premio a este texto por converter o tema da ecoloxía, o respecto á terra e á vida no transfondo dunha viaxe e dun encontro nun pobo da España baleirada. 

        Andrea Maceiras é licenciada en Filoloxía Galega, en Filoloxía Hispánica e doutora pola Universidade da Coruña e na actualidade dedícase profesionalmente á escritura. Leva editadas doce obras destinadas ao público infantil e xuvenil, moitas delas recoñecidas con premios a nivel autonómico e nacional. Entre os últimos galardóns recibidos salientan o Premio dos Clubs de Lectura da Consellería de Educación e o Premio Merlín por A folla azul; o Premio Raíña Lupa por Que me pare o corazón se te esquezo  e o XIX Premio Anaya por Alma de elefante.

        Nas súas obras aborda temas como a identidade, o ecoloxismo ou a procura do noso lugar no mundo, e integra con frecuencia elementos máxicos e de fantasía.