Amosando publicacións coa etiqueta V Mes do Libro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta V Mes do Libro. Amosar todas as publicacións

MARÍA SOLAR PECHA O V MES DO LIBRO DO IES DE BAIO

 

Na tarde do luns 8 de maio María Solar puxo o broche final ao V Mes do Libro organizado dende a Biblioteca do IES Maximino Romero de Lema, un mes de achegas e de recoñecemento por parte de figuras destacadas da literatura galega.

As alumnas Marina e Ainara presentaron a autora que comezou agradecendo o entusiasmo co que Marta Nantón, a coordinadora da Biblioteca, a convidou ao noso Centro, feito que derivou na súa aceptación a pesar da súa apertada axenda.

A escritora amosou a súa especial ilusión xa que era a primeira vez que se encontraba con alumnado interesado e coñecedor da súa trama para falar de A Culpa. Un libro que supuxo moito esforzo creativo e intelectual, esforzo correspondido co seu éxito.

María Solar desvelou aspectos relacionados coa escrita do libro: como tiña o argumento completo na cabeza antes de poñerse a escribilo; como se documentou sobre determinados aspectos técnicos relacionados coa trama; que historias quería contar; como evolucionan as personaxes principais e a relación tóxica entre elas.... Fixo unha reflexión sobre as culpas que se reflicten, sobre as diferentes formas de amor... e sinalou a dificultades que teñen nas librerías para encadralo nun xénero concreto (obra literaria, novela negra, thriller...).

Un encontro literario que rematou coa entrega dun agasallo, e coa sinatura de exemplares. Algúns dos asistentes, membros do Club de Lectua de Adultos, alumnado de 1º de Bacharelato e persoas interesadas alleas ao Centro, aproveitaron para sacar fotos coa autora.

O noso agradecemento a María Solar polo seu compromiso coa literatura en galego e por ter aceptado o convite da nosa Biblioteca.

















A escritora María Canosa mantén un encontro animado co alumnado de 1º ESO


   

    A biblioteca do IES Maximino Romero de Lema segue coa celebración do seu Mes do libro e, no día de hoxe contou coa visita de María Canosa, que se achegou  ao centro para compartir co alumnado de 1º ESO unha charla sobre Saínza, a Punkiereteira, un álbum ilustrado escrito por ela e con ilustracións a toda cor de Crisan F. Caruncho.

    Despois da presentación da autora por parte de dous alumnos, Adrián e Leticia, tomou a palabra a autora e comezou dando as grazas: polo simple feito de ler, xa que esta acción supón un esforzo, sobre todo hoxe cando hai tantos entretementos que non o esixen. Desexa que ese esforzo obteña a súa recompensa no gozo do alumnado. Animou a que non deixen de darlles oportunidades aos libros. 

    Nunca pensou en dedicarse a ser escritora: como súa nai -Concha Blanco- escribía, ela tamén o facía de forma natural, porque lle gustaba moito, cando se aburría....era un divertimento máis.  Aínda no caso de que ninguén a lese, ela seguiría escribindo porque lle fai reflexionar sobre si mesma e sobre o que lle preocupa. Recoñeceu tamén que non escribe do mesmo xeito cando o fai para os lectores como cando o fai para si mesma: hai un sacrificio en intentar contar algo a alguén que non coñece nada dunha historia e en quen hai que espertar o seu interese. 

    As cuestións ían definíndose coas intervencións dun alumnado interesado en coñecer a María Canosa escritora. Así, soubemos que leva escritos 52 publicados (sen contar parcipacións nin libros con outros autores e contando o que está a piques de saír - Teño un volcán dentro- V Premio Carlos Mosteiro). Que antes de comezar a escribir xa ten toda a historia na cabeza; que prefire que pasen meses para corrixirse a si mesma un escrito, para poder cambiar o punto de vista de escritora a lectora. Cando remata acostuma a poñer a data ao finalizar os seus escritos que -agás no artigos periodíscos- segue escribindo a man.

    Sobre os libros que lle gustaron moito destacou: Berta, de Concha Blanco, que a impactou, ou Cousas de Castelao, un clásico atemporal que sempre está a ler. O último libro que leu foi o derradeiro de Almudena Grandes, que lle encantou e está desexando ler A Muller Xabaril de Fina Casalderrey.

    Explicou cal foi o xérmolo de Saínza, a Punkiereteira, do que tivo claro, desde que descubriu a ilustración que a inspirou,  que a protagonista tiña que ser afouta, decidida, feminista, amante do rural e moi respectuosa cos maiores -como se reflicte na obra na relación que mantén Saínza coa súa avoa.  

    Como se pode apreciar falamos de lecturas; lecturas para desafiar os tempos de adormecemento actual. Lecturas para soñar.  Lecturas para celebrar o Mes do Libro do IES Maximino Romero de Lema.











Tras as pegadas de Picasso na Coruña



Tras a lectura de Pablo e as pombas de Marcos Calveiro, o alumnado de 1º ESO e o club de lectura de 2º ESO, decidiron visitar algúns dos espazos por onde se desenvolveu a vida de Picasso durante os catro anos que residiu na cidade herculina.

Iniciaron a ruta literaria na casa familiar na que puideron ver reproducións da obra coruñesa do pintor e  lembrar problemas domésticos como a tristeza do pai por non destacar como pintor ou o falecemento da súa irmá pequena. Aproveitaron ademais para realizar unha visita guiada polas casas indianas de estilo modernista que hai pola zona.

De camiño ao Orzán detivéronse no Eusebio da Garda no fixo estudos de ensinanza regrada, que abandonou para recibir clases de pintura na parte baixa do edificio en que se situaba a Escola de Belas Artes e da que seu pai era profesor. Continuaron polo paseo da praia Orzán, onde el e os seus amigos toureaban as ondas, e finalmente visitaron o Museo de Belas Artes para gozar da exposición Picasso branco no recordo azul constituída polas primeiras obras do pintor.

Grazas á lectura do libro, enriquecida por este roteiro literario, a nosa rapazada  puido coñecer que Galicia ten moito que ver con Picasso, ese artista universal do que este ano se cumpriron os 50 anos da súa morte. 














Antón Cortizas fai das adiviñas un medio lúdico para apreciar o noso patrimonio oral


Dentro dos encontros literarios, que estamos a desenvolver con motivo do Mes do Libro no noso Centro, hoxe tocoulle a quenda a Antón Cortizas que impartiu ao alumnado de 2º ESO un obradoiro lúdico-didáctico sobre adiviñas baseado na súa última publicación Adiviña unha adiviña.

Na primeira parte, a partir dun test de adiviñas da tradición oral galega, foi debullando as características deste subxénero e a técnica para a súa elaboración. Nunhas é máis importante a composición narrativa, noutras o cálculo matemático, pero en todas destacaba o aspecto lúdico das mesmas. Na segunda parte seguiu a xogar coa linguaxe e co vocabulario axudándose da papiroflexia: todos e todas construíron o seu bico do galo que contiña novos enigmas, aos que o noso alumnado buscaba unha rápida resolución.

Convidou á rapazada a seguir xogando coas palabras, co noso idioma, a recompilar as adiviñas da súa contorna para que non se perda e con elas parte do noso patrimonio cultural oral.

Rematou este divertido e á vez didáctico taller coa lectura dun poema orixinal del no que nos anima a abrazar a nosa lingua. De feito despediuse coa resolución dunha adiviña que inventara ao coñecer o noso alumando: “ el era feliz porque falaban en galego”.

María e Mateo, que iniciaron a xuntanza coa presentación do autor e da súa obra, tamén foron os encargados da estrea do vídeo realizado polo club de lectura de 1º ESO baseado na lectura doutro libro del: Non trabes a lingua.

Grazas a Antón Cortizas por transmitirlles ao noso alumnado un anaco da literatura oral galega e o amor pola nosa lingua.













O CLUB DE LECTURA DE ADULTOS GOZA COA COMPAÑÍA DE MARÍA REI

 




Continuamos celebrando o Mes do libro; nesta ocasión coa visita de María Rei ao club de lectura de adultos para compartir as impresións que desatou a lectura da súa novela Flores de Ferro.

Tivemos a oportunidade de coñecer moitos detalles sobre a trama da novela, as súas personaxes, a ambientación da historia e, sobre todo, entender e compartir as motivacións e vivencias das verdadeiras protagonistas, as Flores de ferro, que todas e todos nós podemos atopar na nosa contorna social e familiar próxima. Unha obra que nos traslada a voz e os sentimentos de persoas caladas e agochadas no tempo, que nos axuda a entender o noso pasado e construír o noso futuro.

Descubriunos tamén detalles de carácter máis técnico sobre o proceso de escrita e de creación da obra, así como os sentimentos, as reaccións que provoca nos lectores.

Grazas María pola túa proximidade, pola claridade das achegas e por facernos partícipes da historia destas mulleres de ferro.