Hoxe viñemos disfrazados do que quixemos!!!
DÍA DE ROSALÍA
Para conmemorar o Día de Rosalía, a nosa biblioteca realizou coa axuda do alumnado voluntario este mural creado coa Cricut Maker 📚
COMEZAMOS A PREPARAR O ENTROIDO CO EQUIPO DE VOLUNTARIOS
O equipo de voluntarios da biblioteca estivo preparando ao longo desta semana o photocall para o Entroido que comezará no noso centro o próximo luns!!!
MARTA VILLAR COMPARTE SESIÓN CO CLUB DE LECTURA DE ADULTOS BAIOLENDO
Marta Villar acompañou ao Club de Lectura Baiolendo nesta tarde de luns para falar da
súa última publicación Detective Ferruchi, gañadora do Premio Xerais de Novela 2024. Para os
membros do club foi unha excelente oportunidade de coñecer a xornalista e escritora malpicá
que se amosou moi divertida e locuaz.
Como afirmou a autora na novela pártese dun crime e utilízase a investigación do mesmo
para tratar moitos temas de actualidade social, denunciando e reivindicando. Na xuntanza só
deu tempo a conversar sobre algúns deles como a defensa de colectivos minoritarios; as
mulleres que nos anos 80 e 90 traballaron nas cooperativas téxtiles en Galicia, cuxo traballo foi
fundamental para levantar o imperio de Inditex; a emigración de pais que deixan aos fillos ao
coidado dos avós; a experiencia e sabedoría dos maiores, o maltrato de xénero e a liberdade da
muller para poder escoller o seu destino, o proceso de menopausa...
Rímonos coas ocorrencias dalgúns dos personaxes desta novela coral, moitos
inventados, pero outros inspirados en persoas reais. Comentamos o rápido ritmo narrativo que
atrapa ao lector de principio á fin e, os toques de humor e ironía que impregnan toda a trama
desta novela moi galega.
En definitiva, foi unha sesión literaria moi intensa na que unha vez máis medramos como
lectores grazas ás reflexións e ás explicacións de Marta Villar, así como polos comentarios do
resto dos membros dos club.
A MEMORIA SALVA O PASADO E ACTÚA NO PRESENTE E NO FUTURO
O Equipo da Biblioteca organizou a asistencia do alumnado de 1o CM, de 3o ESO e de 1o
Bacharelato á función do espectáculo teatral “A Nai” representado pola compañía teatral
Amorodio Teatro na Casa da Cultura de Vimianzo.
A obra lembra, dende o tempo actual de tres “mozas”, a historia silenciada de tres irmás,
Lola, Julia e Amparo Touza que formaban parte dunha rede secreta que axudaba a fuxir de Europa
a persoas perseguidas pola Xestapo. Ninguén pensaba que unha nai solteira e dúas irmás
solteironas, humildes e sen educación puideran ser un elo fundamental da rede dos ferrocarrís
da liberdade durante a 2a Guerra Mundial.
Pero “A Nai” non só aborda problemáticas e figuras pasadas, se non que pon o foco sobre
a situación actual das persoas que hoxe foxen da guerra, e sobre mulleres de hoxe, ao igual que
Lola, teñen que elixir entre ser nais ou non.
No momento de gran cambio social que estamos a vivir é necesario dar a coñecer estas
mulleres valentes que arriscaron a súa vida para salvar a dos demais defendendo a igualdade, a
solidariedade, a dignidade, a ética e o respecto. Valores estes que se están a cuestionar na
actualidade en determinados sectores da sociedade, e que tan importante é promover nestes
tempos de realidades alternativas.
O CULTIVO E A CONSERVACIÓN DAS ÁRBORES AUTÓCTONAS
O CULTIVO E A CONSERVACIÓN DAS ÁRBORES AUTÓCTONAS
Hoxe, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Equipo da Biblioteca organizou para o alumnado de 1o ESO a visita de Nieves Vidal González, doutora en Ciencias Biolóxicas e científica titular do CSIC, que veu acompañada de Bruce Christie, tamén especialista en árbores.
Introduciu a charla “Podemos conservar un bosque nun tarro de cristal?” con preguntas sobre algúns científicos e científicas recoñecidos co obxectivo de afirmar que só son o iceberg do total de persoas que se dedican a investigar. A seguir presentou as motivacións persoais que a levaron a dedicarse á súa carreira científica e en que consistía esta. Finalmente explicou de xeito moi didáctico o cultivo in vitro de especies leñosas autóctonas (castiñeiros, carballos, sobreiras, vimbieiras, amendoeiras... ) para a súa conservación e propagación -mesmo de árbores xa secas a través dos gromos que nacen nos troncos-.
Unha actividade de divulgación científica moi interesante e de amor polas árbores autóctonas. Moi participativa por parte do alumnado que respondía rapidamente ás cuestións que formulaba a relatora, quedando esta visiblemente emocionada ante a rapidez e a capacidade científica dalgúns dos alumnos.
En definitiva, que mellor xeito de celebrar o 11 de febreiro podemos ter dende a Biblioteca que dando a coñecer a unha científica que nos explique a súa investigación de primeira man?
SEN ELAS NON HAI COSMO
SEN ELAS NON HAI COSMO
Hoxe, 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Equipo da Biblioteca xunto co do Club de Ciencia inauguramos no Centro a exposición “Sen elas non hai cosmo” que busca dar visibilidade ás mulleres no ámbito da ciencia e do espazo, recoñecendo a súa imprescindible contribución nun campo que durante moito tempo quedou eclipsado,mesmo infravalorado en comparación co dos seus colegas masculinos.
Na mostra descubriremos a trece científicas que abriron camiños no estudo da astronomía. Dende as estadounidenses, Katherine Coleman, Anne Druyan, Henrietta Swan Leavitt, Vera Rubin, pasando pola primeira astrónoma que tivo México, Paris Pismis, pola rusa Valentina Tereshkova, a china Wang Zenhyi ou as británicas Jocelyn Bell e Cecilia Payne. Tamén destacan españolas como Ester Lázaro, Alicia Sintes, Julia de León e, como non, a galega Antonia Ferrín, pioneira da astronomía en España.
Se queredes coñecer o papel sobranceiro no eido da astronomía que realizaron estas investigadoras, visitade a exposición que estará na entrada do noso Centro ata finais de mes.
Agrademos á Asociación Visibles que nos cedera esta mostra, unha máis, das moitas actividades que realiza para valorizar o papel das mulleres en distintos ámbitos da sociedade.
DÁLLE UNHA VOLTA AO TEU CONSUMO: FEBREIRO