Por elas, para que a súa historia non se volva repetir, debemos camiñar todos e todas xuntos para conseguir unha sociedade onde a igualdade sexa realidade.
Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller
Un minuto de silencio no IES Maximino Romero de Lema
PANCARTA GAÑADORA DO OBRADOIRO EN CONTRA DA VIOLENCIA DE XÉNERO
25 N
OBRADOIRO DE PANCARTAS EN CONTRA DA VIOLENCIA DE XÉNERO
O Equipo da Biblioteca organizou en colaboración con Feminismo en Pé un obradoiro de pancartas con lemas en contra da violencia machista. Despois dunha breve exposición na que se presentou Olalla e explicou o motivo e os obxectivos do taller, o alumnado de 1º e 2º ESO en distintas sesións crearon en grupos de tres, cadansúa pancarta para conmemorar o 25N.
A pancarta gañadora foi a elaborada por Elaisa, Manuel e Leticia de 2ºESO que foron agasallados cunha camiseta co eslogan de Feminismo en pé; hai que sinalar que a elección foi difícil pois había moitas orixinais. Todas elas van ser expostas o sábado 25N, xunto coas realizadas noutros centros da comarca, durante a concentración que se desenvolverá no recheo de Ponteceso.
Unha iniciativa máis coa que dende a Biblioteca intentamos sensibilizar ao alumnado máis novo ante esta lacra social que xa leva máis de 50 asasinadas neste ano.
25 N
UN ANO MÁIS
Aquí estamos, pero non estamos todas
Aquí estamos para esixir o dereito a vivir
Aquí estamos, un ano máis neste 25 DE NOVEMBRO
para berrar, alto e claro, coa forza da razón: “Basta xa!”
Un ano máis, todas as vilas galegas serán espectadoras do noso lamento de dor
de rabia, de tristura, de indignación, de impotencia
porque, un ano máis, temos que berrar polas que non están,
as que morreron asasinadas
ou por tantas que malviven detrás dos muros de medo
que ergue o maltratador, o violento, o machista.
Un ano máis, neste 25 DE NOVEMBRO escoitaremos as solucións
agromar coma flores en boca dos discursos da Política.
Mais deben de ser máxicas ou invisibles:
non as vemos, aínda agardamos por elas.
Pero non podemos agardar máis, a sociedade é máis violenta que nunca
cando o ruído das bombas cala a forza da palabra e do diálogo
mal exemplo reciben os nenos e as nenas.
Algo mal fai esta sociedade cando aniñan nas mentes comportamentos
e informacións incorrectas e violentas sobre como relacionarnos,
asusta o incremento das violencias sexuais de todo tipo entre menores
Un ano máis, queda TODO por facer, pero non cabe resignación
E SI REIVINDICACIÓN RESISTENCIA REBELDÍA
os nosos dereitos e a nosa vida así nolo esixen
ABRAMOS OS OLLOS ANTE A VIOLENCIA MACHISTA
POR UN 25N SEN MÁIS ASASINADAS!
Un ano máis paremos o tempo, deteñamos todo o que facemos, e dediquemos a nosa memoria a todas as que
non poden facelo
BELÉN, EVA MARÍA, HAYATE, NATALIA, ELISABETH, PALOMA, CATERINA, MARÍA DEL CARMEN, ELIA, BEATRIZ, ANNE MARIE, VIOLETA, MARÍA ENCARNACIÓN, REBECCA, MARÍA, ARANTXA, LOURDES, PAULA, MAIALEN, VANESSA, LIDA, FRANCY, VANESSA, ZHEN, KIRSTY, SALWA, ILHAM, CARMEN, CARLA, ELENA, ERICA VANESSA, ZHOUR, JUANI, EVARISTA, ANÓNIMA, ENCARNI, ENCARNACIÓN, ROSARIO, RAQUEL, MARICEL, MARÍA ROSA, ANÓNIMA, SANDRA, SUZAN ANN, NICOLA, HANANE, LAURA, MIGUELA, SANDRA, PAQUI, CAROLINA
POR ELAS GARDEMOS UN MINUTO DE SILENCIOIES MAXIMINO ROMERO DE LEMA
SEN ELAS NON HAI FOTOGRAFÍA
Durante esta semana tivemos no Centro unha pequena, pero non por iso de menor calidade, exposición dedicada a cinco mulleres imprescindibles no mundo da fotografía de diferentes recunchos do mundo. Desde a alemá Gerda Taro, a primeira fotoxornalista de guerra, ata as contemporáneas como a galega Lúa Ribeira que destaca pola súa arte rompedora centrada en cuestións sociais; a estadounidense Annie Leibovitz recoñecida polos seus retratos a famosos e figuras icónicas; a xaponesa Rinko Kawauchi que ve a beleza no simple e ordinario e a sudafricana Zanele Muholi que reflicte a loita pola xustiza e a aceptación da comunidade LGBTQ+ a nivel mundial a través dos seus retratos íntimos e poderosos.
Cinco mulleres que tiveron un innegable impacto na evolución da fotografía, porén o seu legado foi infravalorado en comparación cos seus colegas masculinos; visibilizándoas con esta mostra quere dárselles o recoñecemento que merecen.
O Equipo da Biblioteca agradece a súa cesión á Asociación Visibles, que unha vez máis amosa con este traballo a súa loita por unha sociedade libre e igualitaria, valorizando o papel das mulleres en distintos ámbitos dentro da sociedade.
Esta iniciativa, que fomenta a igualdade, enmárcase dentro do Contrato-Programa Innova de Fotografía que estamos a desenvolver durante este curso escolar no Centro.
FACEMOS FRONTE Á VIOLENCIA SEXUAL
O Equipo da Biblioteca contou coa psicóloga Paula Tobío, especialista en igualdade, quen impartiu aos alumnos e ás alumnas de 1º Bacharelato A un obradoiro focalizado nas violencias machistas en contextos de lecer, de festa e de ocio nocturno.
Iniciou o taller cun remuíño de preguntas sobre as actividades que realizaban no seu tempo de ocio ao alumnado, ata conducilo as cara unha reflexión colectiva sobre as condutas que podían estragar ese tempo de lecer, centrándose nas situacións nas que se daban algún tipo de violencia sexual.
A continuación en grupos de tres tiveron que realizar cadansúa pequena peza audiovisual en formato stop motion con Legos no que describían un caso de violencia machista durante o ocio nocturno. O resultado foron catro historias moi sinxelas e moi visuais nas que se traballou, utilizando ferramentas TIC, na prevención de condutas de risco e promoción de relacións interpersoais baseadas no respecto, a comunicación, a liberdade e o consentimento para facer do ocio e os eventos festivos lugares seguros.
Con esta actividade o IES Maximino de Lema participou na campaña #DeFronte impulsada dende a área de Igualdade da Deputación da Coruña co gallo da conmemoración do 25, Día da Eliminación da Violencia contra as mulleres; dous dos vídeos elaborados serán colgados na súa web para representarnos xunto cos traballos doutros centros; obradoiro que conseguimos grazas á mediación do CIM do Concello de Zas. Agradecemos ás dúas institucións que fixeran posible a realización de tan interesante iniciativa dentro das actividades realizadas dende a Biblioteca.
Velaquí vos deixamos os vídeos creados.

.jpg)

