BAIOLENDO DESPIDE O 2º TRIMESTRE

 

Despedimos o segundo trimestre en Baiolendo que foi moi rico en lecturas. No Club de Adultos leron Pan de limón con semillas de amapola de Cristina Campos e A culpa de María Solar. Deste último tiveron un encontro coa autora no terceiro trimestre xunto co alumnado de 1º Bacharelato que podedes ver o resumo na entrada http://bibliotecamaximino.blogspot.com/2023/05/maria-solar-pecha-o-v-mes-do-libro-do.html

O Club de Lectura integrado por alumnado de 3ºESO, 4º ESO e 1º FPB gozaron coas lecturas: A lebre mecánica de Ledicia Costas e Segredos non solpor de Iria Misa e os de 2º ESO leron o libro de poesía A pel do mundo de Berta Dávila. En 1º ESO leron e divertíronse con Non trabes na lingua de Antón Cortizas do que realizou un vídeo coa rapazada recitando de memoria algunhas brincadeiras da lingua e que lle presentaron ao autor no encontro que tiveron en abril.

http://bibliotecamaximino.blogspot.com/2023/04/non-trabes-na-lingua.html

http://bibliotecamaximino.blogspot.com/2023/04/anton-cortizas-fai-das-adivinas-un.html

Tamén leron de Andrea Maceiras Conta nove estrelas e tiveron oportunidade de ter un encontro no que comentaron coa autora a súa lectura e ademais déronlle unha sorpresa caracterizándose Sara, unha das integrantes do club, da protagonista do libro. Para isto Sara axudada pola coordinadora do Club de Lectura Baiolendo tiveron que coser a roupa coa máquina de coser que temos no centro. Ademais tamén se elaboraron nove estrelas cunha máquina de Polos Creativos que as recorta automaticamente. Mirade na foto que ben quedou a foto artística que elaboramos coa autora.

http://bibliotecamaximino.blogspot.com/2023/04/polos-creativos-conta-nove-estelas-e-as.html

http://bibliotecamaximino.blogspot.com/2023/04/polos-creativos-conta-nove-estrelas.html

Para finalizar sinalar que no club de lectura de 1º Bacharelato leron Infamia de Ledicia Costas; o de 1º FPB, O que eu creo (todo) de Jordi Sierra i Fabra e no de francés seguiron coa lectura do libro C´est mieux quand ça rime!v de Marie Pimont.

Velaquí vos deixamos fotografías artísticas que resumen a esencia dos libros lidos.











V MES DO LIBRO

 V MES DO LIBRO 

Xa temos o cartel oficial do V Mes do libro do IES Maximino Romero de Lema. Teremos o pracer de contar con todos estes escritor@s e saídas ao longo deste mes 📚

   En abril libros mil! 😊



OBRADOIRO DE CHAPAS POLO DÍA DA MULLER

 As alumnas da materia de Igualdade de Xénero realizaron na biblioteca este obradoiro de chapas que recollen o nome e a imaxe das mulleres galegas que aparecen na exposición "Mulleres galegas na Historia", situada no primeiro andar do noso centro.

As chapas foron entregadas a toda a comunidade educativa do noso instituto.



PODCASTS POLA IGUALDADE DE XÉNERO

 O venres pasado o alumnado de 1º de Bacharelato participou nun taller de radio organizado polo Equipo da Biblioteca e impartido por Verónica Couto Tasende, técnica de Educación para o Desenvolvemento en Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social). Unha iniciativa máis da promoción de igualdade de xénero que levamos a cabo no Centro e que foi posible grazas ao Concello de Zas que a través do CIM (Centro de Información á Muller) nos fixo chegar esta interesante actividade. 

Na primeira parte do obradoiro Verónica explicou que é o discurso do odio, cales son os colectivos máis atacados, como se propaga (diferenza entre medios de comunicación e redes sociais) e a mirada crítica que debemos ter ante as mensaxes que nos chegan. Finalmente centrouse nunha das vítimas máis frecuentes: as mulleres e en como sofren o discurso do odio. 

Na segunda parte da actividade tiveron que realizar en grupo de a catro as súas propias cuñas radiofónicas en prol da igualdade de xénero para a continuación gravalas. Aquí o alumnado tivo que amosar a súa creatividade expresiva, unha correcta locución para falar na radio e amosar unha actitude positiva cara a igualdade de xénero.

Nalgúns casos a mensaxe publicitaria foi ben orixinal; poderedes xulgalo cando as escoitedes na radio do instituto en canto estean editadas pola técnica de Educación. 








POLOS CREATIVOS: EMPREGANDO O MATERIAL FOTOGRÁFICO

 Que ben nos veu o material de Polos Creativos!

    Grazas a este material estivemos facendo as fotos para un dos proxectos de fotografía que realizamos desde a Biblioteca e tamén gravamos algúns dos vídeos que fixemos co Club de Lectura Baiolendo de 1º ESO.







DÍA DA MULLER

 ANTE O ESPELLO DA HISTORIA, OLLADAS DE MULLERES EXEMPLARES

 O Equipo da Biblioteca xunto co de Dinamización Lingüística conmemorou o Día Internacional da Muller, no que se reivindica a plena e real igualdade de dereitos entre homes e mulleres, organizando a exposición No espello emancipador de mulleres exemplares, coa que quixemos lanzar a nosa demanda -a través do recoñecemento- moitas veces silenciado pola vontade dunha historia controlada por homes- do papel dunha serie de mulleres relevantes -un total de 23- en diversos eidos da vida en sociedade: ciencia, literatura, música, política, arte... . Como consideramos que son dignas de emulación, 23 mulleres do IES -persoal non docente, profesoras e tres alumnas da materia de Igualdade de Xénero- quixeron honrar esas mulleres coa realización dunha performance artística en que imitaban a muller de referencia, tal como se pode comprobar nas fotografías que acompañan estas palabras. Ao mesmo tempo, un breve texto serve de referente didáctico para recoñecer a relevancia destas 23 mulleres ante a Historia.

 Desde o distante 1911, cando Clara Zetkin auspiciara o que podemos cualificar como o primeiro 8M, foron moitas as datas pero, en substancia, a pesar das melloras, aínda se manteñen moitas desigualdades e situacións discriminatorias, polo que temos que seguir coas reivindicacións ata que academos a plena igualdade.

 Podedes ver o documento fotográfico da iniciativa no vídeo que velaquí vos deixamos.




Visita a exposición fotográfica de Steven Meisel 93 e ao teatro de Lugo

 


    O Equipo da Biblioteca, xunto co profesorado que forma parte do  Contrato Programa Innova de Fotografía, organizou estas dúas actividades para o alumnado de 2º de Bacharelato, e para o alumnado de de Latín e Grego de 1º e 2º de Bacharelato e de Literatura Universal de 1º de Bacharelato.

    O alumnado de 2º de Bacharelato realizou unha visita á cidade da Coruña, onde tivo a ocasión de coñecer os segredos da cidade herculina da man de John Morore -caracterizado polo guía Suso Martínez- que levou ao grupo por diversos escenarios e recunchos da cidade vella. Foi un percorrido dinámico, divertido e, á vez, pedagóxico no que destacamos a oratoria brillante do actor que fai que sexa imposible perder o fío do seu relato.

    A continuación,visitamos a exposición Steven Meisel 93 na que puidemos admirar o traballo do retratista neoyorquino constituído por máis de cen retratos clásicos que ilustran o que significou para o artista a súa explosión creativa no ano 1993.

    O sete de marzo, o alumnado de Latín e Grego de 1º e 2º de Bacharelato e o alumnado de Literatura Universal de 1º de Bacharelato asistiu a dúas obras de teatro clásico. Pola mañá, asistimos á representación da famosa traxedia Agamenón de Esquilo e pola tarde, asistimos a unha comedia de Plauto, El Persa. As dúas obras foron representadas polo grupo Ruiseñor da Coruña.


O CLUB DE LECTURA DE ADULTOS AO REDOR DE "A CULPA" DE MARÍA SOLAR

    O pasado luns pola tarde reuniuse de novo o Club de Lectura de Adultos ao redor dun café con bombóns e da lectura de A Culpa de María Solar. O libro encantounos e todas nos sorprendemos co final. Ademais tamén barallamos diferentes hipóteses sobre a relación entre os personaxes.

    As xuntanzas son cada vez máis distendidas, incluso quedamos máis tempo falando fora do horario da reunión. Ao final, aproveitamos para entregar a próxima lectura que será Flores de ferro.