VISITA Á CASA MUSEO DE PICASSO NA CORUÑA



    Despois da posta en escea da compañía coruñesa Os náufragos a semana pasada no noso instituto, sobre aspestos da infancia de Picasso na Coruña, o alumnado de 1º ESO visitou a Casa Museo de Picasso na cidade herculina.          
    Durante dúas horas visitamos a casa na que o pintor viviu coa súa familia durante a infancia e asistimos a unha visita teatralizada polos lugares máis emblemáticos que percorría o pintor no seu día a día.

    Deste xeito, a nosa rapazada puido coñecer que Galicia ten moito que ver con Picasso, ese artista universal do que este ano se cumpriron os 50 anos da súa morte. 

27 DE NOVEMBRO, DÍA DO DOCENTE

    Para conmemorar o Día do Docente e, como unha pequena homenaxe a todo o persoal docente que pasou e que está agora no noso Centro, Xaquín, Helena e Alicia de 4º ESO entrevistaron a Ricardo Vigueret.

    Ricardo foi profesor no IES Maximino Romero de Lema ata o pasado mes de xuño, momento no que se xubilou, poñendo fin a unha longa traxectoria dedicada ao ensino.

    Con esta iniciativa centrada na figura de Ricardo, un exemplo a seguir, queremos amosar o noso recoñecemento e gratitude a todos/as os/as profesionais do ensino que pasaron polo noso instituto ao longo de case 30 anos, e que deixaron unha forte pegada tanto no alumnado coma en nós.

    Non esquezamos a frase de Nelson Mandela: “ A educación é a arma máis poderosa que podes usar para cambiar o mundo”.

    Neste enlace pódese escoitar a entrevista realizada a Ricardo, a quen lle agradecemos a súa disposición e colaboración: 

https://drive.google.com/file/d/13P5G-AfzPLOlFr96kN9MKMQRa8TgSACX/view?pli=1 .

CARNÉ XOVE PARA TODO O NOSO ALUMNADO

    Hoxe un representante da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política realizou a todo o alumnado que o solicitou o Carné Xove.  A iniciativa, que tivo un enorme éxito, fora difundida entre o alumnado nos días previos polos/as correspondentes xuvenís do noso Centro.

    Foron tamén estes e estas informantes do Maximinio, os e as que deron a coñecer as características deste documento: con el pódese acceder a descontos e vantaxes en múltiples entidades e establecemento en Galicia, no resto das comunidades autónomas e nos 40 países europeos adheridos ao programa Carné Xove Europeo. É gratuíto e ten unha vixencia  indefinida entre as idades de 12 a 30 anos, ambos os dous inclusive, polo que non cómpre renovalo. 

    Con esta iniciativa preténdese fomentar o desenvolvemento, a mobilidade e a mellora de condicións de vida cotiá da xuventude galega. Os e as correspondentes xuvenís cumpriron moi ben coa súa función de antena informativa das fontes oficiais para que chegue ao maior número de usuarios; así o demostra a gran demanda de solicitudes que houbo para realizar o carné.







Os náufragos Teatro presentan Picasso na Coruña

    


    O pasado venres a compañía de teatro coruñesa Os náufragos presentou ao alumnado de 1º e 2º ESO  aspectos da infancia de Picasso na Coruña, durante os catro anos que o artista residiu na cidade herculina.

    A través das artes escénicas foron revelando algúns segredos e curiosidades do seu paso por Eusebio da Garda, casa familiar, praia Orzán... 

Rematou a presentación con todo o alumnado emulando ao pintor na creación dos propios debuxos relacionados con aspectos de Picasso e que estarán colgados na casa familiar cando a vaian coñecer.

    O noso alumnado puido coñecer como este artista universal, do que se cumpriu este ano os 50 anos da súa morte, ten moito que ver con Galicia. É esta unha actividade que precede á visita teatralizada  que realizará o alumnado de 1ºESO este xoves 30 polos lugares máis emblemáticos que percorría o pintor no seu día a día.








CARNÉ XOVE


    Tod@s os/as que teñades entre 12 e 30 anos, poderedes facer mañá, no Instituto, o CARNÉ XOVE. Se non o tedes, animádevos a facelo, ten moitas vantaxes e descontos.

Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller


    Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller o alumnado de 2º ESO do IES Maximino Romero de Lema realizou este vídeo para render unha homenaxe a todas as vítimas desta lacra social no que levamos de ano para que non queden no esquecemento.

    Por elas, para que a súa historia non se volva repetir, debemos camiñar todos e todas xuntos para conseguir unha sociedade onde a igualdade sexa realidade.

Un minuto de silencio no IES Maximino Romero de Lema

 


O venres 24 de novembro, toda a Comunidade Educativa participou nunha homenaxe a todas as vítimas da violencia machista, que consistiu en que en cada aula alumnos e alumnas lían o  manifesto ao resto do compañeiros e compañeiras e, a continuación, gardaban un minuto de silencio. Velaquí vos deixamos un vídeo que recolle a esencia desta iniciativa.

PANCARTA GAÑADORA DO OBRADOIRO EN CONTRA DA VIOLENCIA DE XÉNERO


 
O Equipo da Biblioteca organizou en colaboración con Feminismo en Pé un obradoiro de pancartas con lemas en contra da violencia machista. Despois dunha breve exposición na que se presentou Olalla, a representante de Feminismo en Pé, e explicou o motivo e os obxectivos do taller, o alumnado de 1º e 2º ESO en distintas sesións crearon en grupos de tres, cadansúa pancarta para conmemorar o 25N.
A pancarta gañadora foi a elaborada por Elaisa, Manuel e Leticia de 2ºESO que foron agasallados cunha camiseta co eslogan de Feminismo en pé; hai que sinalar que a elección foi difícil pois había moitas orixinais. Todas elas van ser expostas o sábado 25N, xunto coas elaboradas noutros centros da comarca, durante a concentración que se desenvolverá no recheo de Ponteceso.
Unha iniciativa máis coa que dende a Biblioteca intentamos sensibilizar ao alumnado máis novo ante esta lacra social que xa leva máis de 50 asasinadas neste ano. 

25 N


 O alumnado de 1º de Bacharelato protagonizou este vídeo manifestando o seu rechazo contra a Violencia de Muller.

OBRADOIRO DE PANCARTAS EN CONTRA DA VIOLENCIA DE XÉNERO

O Equipo da Biblioteca organizou en colaboración con Feminismo en Pé un obradoiro de pancartas con lemas en contra da violencia machista. Despois dunha breve exposición na que se presentou Olalla e explicou o motivo e os obxectivos do taller, o alumnado de 1º e 2º ESO en distintas sesións crearon en grupos de tres, cadansúa pancarta para conmemorar o 25N.

A pancarta gañadora foi a elaborada por Elaisa, Manuel e Leticia de 2ºESO que foron agasallados cunha camiseta co eslogan de Feminismo en pé; hai que sinalar que a elección foi difícil pois había moitas orixinais. Todas elas van ser expostas o sábado 25N, xunto coas realizadas noutros centros da comarca, durante a concentración que se desenvolverá no recheo de Ponteceso.

Unha iniciativa máis coa que dende a Biblioteca intentamos sensibilizar ao alumnado máis novo ante esta lacra social que xa leva máis de 50 asasinadas neste ano.


















25 N

Manifesto polo 25N

UN ANO MÁIS

Aquí estamos, pero non estamos todas

                                         Aquí estamos para esixir o dereito a vivir

Aquí estamos, un ano máis neste 25 DE NOVEMBRO

para berrar, alto e claro, coa forza da razón:    “Basta xa!”

Un ano máis, todas as vilas galegas serán espectadoras do noso lamento de dor

                                         de rabia, de tristura, de indignación, de impotencia

porque, un ano máis, temos que berrar polas que non están,

                                         as que morreron asasinadas

                                         ou por tantas que malviven detrás dos muros de medo

                                         que ergue o maltratador, o violento, o machista.

Un ano máis, neste 25 DE NOVEMBRO escoitaremos as solucións

agromar coma flores en boca dos discursos da Política.

Mais deben de ser máxicas ou invisibles:

                                         non as vemos, aínda agardamos por elas.

Pero non podemos agardar máis, a sociedade é máis violenta que nunca

cando o ruído das bombas cala a forza da palabra e do diálogo

                                        mal exemplo reciben os nenos e as nenas.

Algo mal fai esta sociedade cando aniñan nas mentes comportamentos

e informacións incorrectas e violentas sobre como relacionarnos,

                                         asusta o incremento das violencias sexuais de todo tipo entre menores

Un ano máis, queda TODO por facer, pero non cabe resignación

E SI           REIVINDICACIÓN           RESISTENCIA           REBELDÍA

os nosos dereitos e a nosa vida así nolo esixen


ABRAMOS OS OLLOS ANTE A VIOLENCIA MACHISTA

POR UN 25N SEN MÁIS ASASINADAS!

 Un ano máis paremos o tempo, deteñamos todo o que facemos, e dediquemos a nosa memoria a todas as que

non poden facelo

BELÉN, EVA MARÍA, HAYATE, NATALIA, ELISABETH, PALOMA, CATERINA, MARÍA DEL CARMEN, ELIA, BEATRIZ, ANNE MARIE, VIOLETA, MARÍA ENCARNACIÓN, REBECCA, MARÍA, ARANTXA, LOURDES, PAULA, MAIALEN, VANESSA, LIDA, FRANCY, VANESSA, ZHEN, KIRSTY, SALWA, ILHAM, CARMEN, CARLA, ELENA, ERICA VANESSA, ZHOUR, JUANI, EVARISTA, ANÓNIMA, ENCARNI, ENCARNACIÓN, ROSARIO, RAQUEL, MARICEL, MARÍA ROSA, ANÓNIMA, SANDRA, SUZAN ANN, NICOLA, HANANE, LAURA, MIGUELA, SANDRA, PAQUI, CAROLINA

        POR ELAS GARDEMOS UN MINUTO DE SILENCIO





                                                                             IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA

SEN ELAS NON HAI FOTOGRAFÍA


    Durante esta semana tivemos no Centro unha pequena, pero non por iso de menor calidade, exposición dedicada a cinco mulleres imprescindibles no mundo da fotografía de diferentes recunchos do mundo. Desde a alemá Gerda Taro, a primeira fotoxornalista de guerra, ata as contemporáneas como a galega Lúa Ribeira que destaca pola súa arte rompedora centrada en cuestións sociais; a estadounidense Annie Leibovitz recoñecida polos seus retratos a famosos e figuras icónicas; a xaponesa Rinko Kawauchi que ve a beleza no simple e ordinario e a sudafricana Zanele Muholi que reflicte a loita pola xustiza e a aceptación da comunidade LGBTQ+ a nivel mundial a través dos seus retratos íntimos e poderosos.

    Cinco mulleres que tiveron un innegable impacto na evolución da fotografía, porén o seu legado foi infravalorado en comparación cos seus colegas masculinos; visibilizándoas con esta mostra quere dárselles o recoñecemento que merecen.

    O Equipo da Biblioteca agradece a súa cesión á Asociación Visibles, que  unha vez máis amosa con este traballo a súa loita por unha sociedade libre e igualitaria, valorizando o papel das mulleres en distintos ámbitos dentro da sociedade.

    Esta iniciativa, que fomenta a igualdade, enmárcase dentro do Contrato-Programa Innova de Fotografía que estamos a desenvolver durante este curso escolar no Centro.





FACEMOS FRONTE Á VIOLENCIA SEXUAL


    O Equipo da Biblioteca contou coa psicóloga Paula Tobío, especialista en igualdade, quen impartiu aos alumnos e ás alumnas de 1º Bacharelato A un obradoiro focalizado nas violencias machistas en contextos de lecer, de festa e de ocio nocturno.    

    Iniciou o taller cun remuíño de preguntas sobre as actividades que realizaban no seu tempo de ocio ao alumnado, ata conducilo as cara unha reflexión colectiva sobre as condutas que podían estragar ese tempo de lecer, centrándose nas situacións nas que se daban algún tipo de violencia sexual.

    A continuación en grupos de tres tiveron que realizar cadansúa pequena peza audiovisual en formato stop motion con Legos no que describían un caso de violencia machista durante o ocio nocturno. O resultado foron catro historias moi sinxelas e moi visuais nas que se traballou, utilizando ferramentas TIC, na prevención de condutas de risco e promoción de relacións interpersoais baseadas no respecto, a comunicación, a liberdade e o consentimento para facer do ocio e os eventos festivos lugares seguros. 

    Con esta actividade o IES Maximino de Lema participou na campaña #DeFronte impulsada dende a área de Igualdade da Deputación da Coruña co gallo da conmemoración do 25, Día da Eliminación da Violencia contra as mulleres; dous dos vídeos elaborados serán colgados na súa web  para representarnos xunto cos traballos doutros centros; obradoiro que conseguimos grazas á mediación do CIM do Concello de Zas. Agradecemos ás dúas institucións que fixeran posible a realización de tan interesante iniciativa dentro das actividades realizadas dende a Biblioteca. 

    Velaquí vos deixamos os vídeos creados.






AS ALUMNAS

 O pasado xoves Paula Carballeira conversou arredor d´As alumnas co Club de Lectura de Adultos do IES Maximino Romero de Lema. Froito desa xuntanza e como actividade complementaria da lectura resultou este álbum de fotos a imitación dos que se facían polos anos 60, pero reflectindo a esencia da peza teatral.



ENCONTRO COA REPRESIÓN DA MULLER A TRAVÉS DO PREMIADO LIBRO DE PAULA CARBALLEIRA, AS ALUMNAS

    

O encontro literario que esta tarde mantivo o Club de Lectura de Adultos do IES Maximino Romero de Lema permitiu realizar unha viaxe no tempo a unha época moi próxima a través do libro As alumnas de Paula Carballeira, para coñecer e lembrar o vivido polas mulleres cando estaban predestinadas a cumprir un rol que non respondía nin respectaba os seus sentimentos, necesidades e aspiracións.

    As alumnas recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023, sendo a primeira muller que recibe este galardón por escribir unha obra en galego, e ademais foi merecedora do Premio Follas Novas do Libro Galego 2023. Nela a autora rende unha homenaxe a María Barbeito que, igual que moitas outras mestras da Segunda República, loitaron por lograr unha educación igualitaria, creativa, libre e renovadora.  Unha tarefa que se viu truncada pola ditadura de Franco, que supuxo un retroceso en dereitos de todo tipo e que afectaron, con dureza á educación e ás mulleres.

As protagonistas desta peza teatral son dúas antigas alumnas de María Barbeito que  representan os “posibles camiños” que tiña a muller durante a época de represión: Elvira acaba desempeñando o papel de esposa e nai ideal e renunciando ás súas aspiracións, mentres que Rosa loita por desenvolver esas aspiracións nun contexto de limitación e discriminación especialmente coa muller.

    A acto iniciouse cunha sesión de foto na que,  imitando as que se facían nos anos 60 ao alumnado, os e as asistentes retratáronse cun mapa de Galicia, xa que queriamos reflectir o cambio da actualidade. A escritora amosouse moi contenta pola pequena recreación dunha escola na que se mesturaban elementos destacados na súa obra. A continuación sentamos arredor dun café e a autora foi explicando aspectos d´As alumnas alentada polos comentarios e preguntas das persoas presentes. 

    Foi un encontro moi enriquecedor no que se falou do difícil que era para a muller saír do camiño trazado para ela, da lingua vernácula, do medo, da desigualdade, da liberdade e das conquistas das mulleres, cuestións que poden parecer consolidadas pero que sempre penden dun fío.