FERNANDO CASTROVERDE INAUGURA O VII MES DO LIBRO DO NOSO CENTRO

 O escritor, crítico literario e docente Fernando Díaz-Castroverde abriu o programa das

actividades literarias que desenvolveremos na sétima edición do Mes do Libro organizadas pola

Biblioteca do IES Maximino Romero de Lema. O autor impartiu ao alumnado de 2o ESO un

obradoiro de microrrelatos no que xogaron coas palabras para crear as súas propias historias.

Ao longo da sesión propuxo diferentes métodos imaxinativos para animar á rapazada a

escribir e a superar os medos asociados ao folio en branco. A partir de láminas de famosos

pintores e, tomando como modelos relatos creados polo escritor, tiveron que artellar cadansúa

narración curta; tamén tiveron a oportunidade de inventar finais para escenas de filmes que

visualizaron ou de redactar breves textos nos que liberaban a imaxinación e transformaban

personaxes que Fernando lles propuña, atribuíndolles novas calidades e accións. Despois de

cada actividade, procedíase á lectura en voz alta das creacións literarias elaboradas, algunhas

delas resultaron ser moi orixinais e intensas.

Para rematar, agradecémoslle ao autor a dedicación e esforzo por mergullarnos no

mundo da escrita cuns agasallos de lembranza e un merecido aplauso. Dende a Biblioteca

queremos insistir unha vez máis en que a lectura e a escrita son dous procesos que van da man:

a lectura é unha habilidade esencial para poder escribir. Por iso hai que ler máis, para escribir

mellor!