Esta tarde continuamos celebramos o VII Mes do Libro cunha nova xuntanza no Club de Lectura de Adultos Baiolendo quetivo como protagonista o libro de divulgación Rotas. As mulleres que o franquismo agochou en Compostela, que recupera historias das mulleres internas no único psiquiátrico público de Galicia ata 1953, o de Conxo en Santiago de Compostela.
Tivemos a sorte de contar coa presenza da autora, Montse Fajardo, cuxa perspectiva como investigadora e escritora do texto enriqueceu os comentarios e as reflexións que xurdiron a partir da lectura. Falamos dos motivos que levaban as mulleres ao seu ingreso: perder a razón por ser asasinados homes, fillos... e vivir nun clima de medo e terror imposto pola represión franquista; por simplemente transgredir os roles que a sociedade patriarcal lles reservaba no ámbito do fogar; para ser despoxalas dos seus bens e que o seu home iniciara unha nova vida sen elas; por un “comportamento pouco recatado” segundo a moralidade imperante; por sufrir agresións sexuais tanto dentro da familia coma fóra.... Calquera escusa era válida para o réxime que empregou a psiquiatría para xustificar a represión contra as mulleres.
Foi moi comentado polos presentes o desolador o día a días destas internas en Conxo: a fame, os tratamentos inhumanos, as violacións, as malleiras... Todas empeoraban durante a estancia e para moitísimas, sobre todo para as máis pobres, a morte, voluntaria ou non, foi a única saída.
Historias aterradoras que teñen como fonte os expedientes das pacientes que non se destruíron, pero tamén a memoria oral contada por algunhas das protagonistas ou dos seus familiares como indicou a xornalista e investigadora, e que é necesario dar a coñecer porque forman parte da nosa memoria histórica. É este breve volume, que acadou o premio de ensaio da Semana do Libro de Compostela, contribúe a facelo.