No día que todos lembrarán como o do “apagamento”, a literatura popular da man de Icía
Varela brillou con luz propia, e foi a gran protagonista na nova cita do Club de lectura de Adultos,
na recta final do VII Mes do Libro. A partir da lectura de Cantareiras, da que Icía é coautora xunto
con Manuel Varela, dedicamos a sesión de onte a falar das Pandeireteiras de Mens, de Eva
Castiñeira de Agrazón ( Muxía) e de Adolfina e Rosa Casás, de Vila da Igrexa (Cerceda), figuras
todas elas homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025.
Icía introduciu a charla comentando o interese que hoxe suscita a literatura popular
fronte ao marxinada que estivo sempre nos plans de estudo universitario e non universitario. Tal
é a importancia que se lle dá, que lles están achegando tanta información nova que xa teñen
material para un segundo volume de Cantareiras.
Falounos de como as Vellas de Mens, Prudencia, Teresa, Asunción, Manuela e Adela,
rompendo os roles que se lle atribuían ás mulleres na sociedade da época, e mesmo tendo que
aturar duras críticas e ser obxecto de burlas, viaxaron coa súa música por Europa e América.
Informounos da alegre Eva Castiñeira que emigrou á Coruña e que a casualidade fixo que
traballase como asistenta na casa dun dos socios da discográfica Ruada, na que recolleron o
seu traballo nun disco e facilitaron que subira aos escenarios con Milladoiro. Explicou que as
duras condicións nas que tiveron que vivir Adolfina e Rosas Casás non restou variedade nin
orixinalidade ás súas coplas, que a musicóloga suíza Dorothé Schubarth recompilou no seu
valiosísimo estudo da música popular galega evitando que se perdesen para sempre.
Os membros do club fixemos preguntas, compartimos reflexións, achegamos
informacións das nosas vivencias que unha vez máis enriqueceron a lectura. Para rematar Icía
asinou exemplares e, mesmo deu uns toques a unha das fermosas pandeiretas que decoraban
o espazo do encontro.
Con esta lectura no Club de Lectura de Adultos quixemos, co gallo da celebración do Día
das Letras Galegas, recoñecer e homenaxear a estas mulleres, pero sen esquecer que hai outras,
tantísimas, que tamén o merecen por participar na tradición das pandeireteiras en Galicia.