Hoxe pechamos as actividades co gallo do VII Mes do libro organizado pola Biblioteca do
IES Maximino Romero de Lema con dous encontros literarios. O primeiro deles foi con Raquel
Fernández Fernández, autora de Contas de buxo que tivo a oportunidade de ler o alumnado de
4o ESO.
A autora nigranesa comezou revelando que o motivo que a levou a escribir este libro foi
recuperar a excelente relación que tiña coa súa filla antes da adolescencia. Para iso, decidiu
involucrala no proceso creativo, pedíndolle a súa opinión sobre o que ía escribindo. A estratexia
resultou efectiva, aínda que confesou que, en ocasións, a rapaza quería influír na trama, cousa
que non permitiu porque tiña moi clara a idea que quería desenvolver.
A escritora, que traballa no sector da restauración, confesou que sempre lle encantou ler
e escribir, aínda que foi despois de facer un obradoiro de escrita, cando acadou o pulo necesario
para crear esta primeira novela. Asegurou que é posible compaxinar diferentes paixóns ao
mesmo tempo.
A continuación, ao responder ás preguntas formuladas polo alumnado, descubriu que a
novela se basea en feitos reais, especialmente no relativo aos casos de violencia machista que
aparecen, aínda que adaptados á ficción. Neste sentido, advertiu aos e ás asistentes sobre a
importancia de estar atentos aos sinais previos que adoitan preceder este tipo de situacións.
Adiantou tamén que a novela non terá continuidade, xa que considera que a historia debe
pecharse tal como está. Tamén destacou a importancia que lle dá á descrición dos espazos na
súa obra. Mencionou lugares como a praia das Catedrais e Ribadeo, que considera paraxes
excepcionais e que recomendou visitar.
O encontro rematou cun agradecemento por parte do alumnado e profesorado á autora
tanto pola súa visita como pola sinceridade coas que compartiu o seu proceso creativo.
Antes de que se despedise a autora, algúns membros do Club de Lectura de 2o da ESO
reuníronse con ela, xa que leron a súa segunda obra, I’m Obelix, gañadora da XVI edición do
Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Esta, que tamén lles encantou, aborda o tema do TDAH
a través da experiencia dun rapaz no ámbito escolar.
O Equipo da Biblioteca anima ao alumnado e ao profesorado a descubrir e gozar destas
interesantes novelas, agardando que vos gusten tanto coma aos e ás que xa as leron.