Street Poems de Fran Alonso e o Club de Lectura de 2º ESO

 


O Club de Lectura de 2º ESO rematou o curso lendo Street Poems de Fran Alonso. O escritor fotografou graffitis que ía descubrindo por lugares de todo o mundo e escribiu poesía a partir deles. Escollémolo porque sempre introducimos a poesía entre as nosas lecturas, e cremos que este en concreto lles ía agradar porque nel se funde a forza dos versos coa arte rebelde da arte na rúa. O noso instituto é un claro exemplo desta arte na rúa e este foi o factor decisivo para lelo no noso club.

Pedímoslles que realizasen unha lectura pausada, reflexiva dun poema cada día, saboreando cada verso, fixándose ben na súa mensaxe e no graffiti ao que aludían. Nas reunións algúns/algunhas alumnos/-as tiñan que preparar a lectura en alto dun poema que lles emocionara e que a continuación comentabamos. Lembramos como se debía recitar proxectando a voz e seguindo a puntuación, realizando unha vocalización correcta, tendo en conta o ton, os xestos...

Encantoulles esta poesía visual, gustoulles a liberdade e a rebeldía que reflectía. Nuns casos opinaban que os graffitis tiñan unha forza poética extraordinaria; noutros sinalaban que eran o poema o que lle daba forza ao graffiti e tamén tivemos casos nos que vían moi ben a simbiose entre as dúas artes: poesía e artes plásticas.

Como actividade complementaria realizamos un percorrido observando todos os murais do centro e reflexionando sobre a súa mensaxe. Ademais esta lectura levounos a fixarse na arte urbana que sae ao noso encontro en moitas das vilas galegas, e así o manifestaban nas reunión arredor do libro.