MISTERIO E MITOLOXÍA NOS LIBROS DE ADRIÁN GÓMEZ RAMOS

 

Finalizamos onte os encontros literarios deste curso celebrados na nosa Biblioteca coa presenza do escritor Adrián Gómez Ramos, autor de Cando sangren os lobos, lido por todo o alumnado de 3ºESO e da segunda parte deste,  Aqueles corpos nosos, lido polos membros do Club de Lectura dese mesmo curso.

O autor comentou que escribiu o primeiro libro cando decidiu presentarse ao certame Xuventude Crea 2020 coa que gañou o 1º premio na categoría de Novela Curta. Sinalou que para crear estas obras de ciencia-ficción e misterio tomou pinceladas da película La Cera e da serie Buffy Cazavampiros. Encántalle a mitoloxía, por iso ocupa unha parte importante na súa escrita e dentro desta, sempre sentiu apego polas historias de monstros, sobre todo polos que podían vivir como persoas, como é o caso dos lobishomes.

Tamén aludiu a situacións de discriminación que aparecen na súa obra como as que sofren moitas persoas pola súa orientación sexual ou ás mulleres polo simple feito de selo; a el parécelle importante que estas temáticas teñan máis cabida na literatura actual.

Respondeu a numerosas cuestións e curiosidades do alumnado sobre as dúas novelas. Algunhas das preguntas centráronse no desenvolvemento da trama e na  descrición emocional e psicolóxica das personaxes, dos monstros e nos conxuros. Con respecto ás personaxes confesou que lle gusta facer sufrir ás súas favoritas, que non ten medo a traballar coas emocións por alleas que lle resulten algunha delas.

Interesoulle moito ao alumnado descubrir que se publicará unha terceira parte en breve e que será a última, aínda que en principio pensara en realizar unha saga composta por cinco libros. Finalmente animounos a realizar un roteiro literario pola cidade de Santiago visitando os lugares que se describen no libro.

Rematamos coa sinatura de exemplares e co agradecemento por achegarse ata Baio dende Rianxo para compartir con noso alumnado un animado encontro literario que pon o broche final aos deste curso escolar.

    Agradecémoslle á Librería Ler de Santa  Comba que fixera posible que se realizase este encontro literario no noso Centro.