SEN ELAS NON HAI COSMOS

 


O Equipo da Biblioteca vén de montar unha exposición Sen elas non hai cosmos, elaborada pola Asociación Visibles, e que nos achega a contribución de 12 mulleres científicas de todo o mundo que contribuíron, e continúan a contribuír, ao estudo e investigación sobre o universo. Entre elas podemos coñecer o traballo de científicas como a ourensá Antonia Ferrís Moreiras, que foi a primeira muller española en defender unha tese de doutoramento sobre astronomía, ou Valentina Tereshkova, a primeira muller en viaxar ao espazo, e que segue sendo a única muller en realizar unha misión espacial en solitario.

Esta exposición permítenos facer un pequeno achegamento ao papel da muller na ciencia, neste caso na astronomía, e permítenos tamén visibilizar a súa contribución ao mundo da ciencia, moi relevante pero habitualmente descoñecido e ocultado polo protagonismo masculino.

Agradecemos á Asociación Visibles a elaboración desta mostra e a súa cesión para expoñela no centro e contribuír a unha formación en igualdade do noso alumnado.