Onte recibimos a visita de Eva Mejuto, autora de Os fíos de Begoña, un álbum ilustrado que percorre a infancia, o activismo e a vida literaria e xornalística de Begoña Caamaño, ofrecendo un retrato próximo que permite coñecer a súa vida e achegar a súa historia aos máis novos.
Dun xeito próximo e ameno, Eva foi achegándolle ao alumnado de 1º ESO a figura de Begoña Caamaño, compartindo aspectos da súa vida e da súa traxectoria e espertando a curiosidade por coñecer máis a unha das autoras destacadas da literatura galega, especialmente neste ano, no que
a súa figura e a súa achega ás nosas letras están a ser homenaxeadas.
Durante o encontro, Eva destacou o amor de Begoña Caamaño pola lectura e transmitiu ao noso alumnado a importancia de ler moito e de descubrir todo o que os libros poden ofrecerlles.
Agradecémoslle a Eva a súa presenza no noso Centro, por compartir connosco a súa experiencia e por contribuír a sementar no noso alumnado a ilusión e gusto pola lectura. De feito rematou o encontro coas palabras da autora: “Leo porque quero cambiar o mundo, leo porque necesito facer habitable o meu mundo”
%20(1).png)


