LLERENA PEROZO PORTEIRO PON O BROCHE FINAL AO CLUB DE LECTURA DE ADULTOS

 O Club de Lectura de Adultos Baiolendo reuniuse hoxe por última vez nesta tempada para

comentar o libro Os anos tranquilos de Llerena Perozo.

Nun encontro moi apracible coa autora, esta respondeu as nosas preguntas e foi

enriquecendo as reflexións que iamos facendo con moita información de interese. Detivémonos

especialmente na protagonista María García, unha muller excepcional, procedente dunha

contorna moi humilde, que, apoiada na súa sorprendente capacidade para aprender —coa

lectura como ferramenta clave—, consegue abrirse camiño ata converterse nunha dama

distinguida, integrada nun círculo culto e acomodado. Unha muller que non dubida en tomar a

xustiza pola man para liberar da dor e da opresión a mulleres do seu círculo de familiares e

amizades.

Comentou a autora que esta personaxe provocoulle momentos frustrantes, porque ela

pensaba nunha serie de desgrazas e atrancos, pero, cando se poñía a escribir, ela saía de todos.

Tamén saíron a colación outros temas destacados, como o da emigración, a Revolución cubana

ou o espertar cultural e político de Galicia dos anos 90, vivido este último pola escritora na súa

etapa universitaria. Todo foi abordado desde unha ollada feminista, que impregna a obra na súa

totalidade e define con claridade a voz propia de Llerena Perozo.

É unha narración que atrapa desde as primeiras páxinas e propicia unha lectura áxil,

mesmo vertixinosa. Un verdadeiro canto de amor aos libros e á cultura en xeral. Un remate

excelente para o noso club de lectura, que continuará o vindeiro curso con novas experiencias

da man de figuras destacadas no panorama literario galego como Ledicia Costas, Fernando

Castro Paredes, María Reimóndez ou Abril Camino.