Este venres, dentro dos actos do VI Mes do Libro organizado polo Equipo da Biblioteca do noso Centro, o alumnado de 1o Bach acudiu á presentación do libro Antoloxía Poética.
Enrique Labarta Pose que foi publicada recentemente. O mestre de cerimonia foi Xosé María Rei Lema, un dos editores xunto con Xosé María Varela. Confesou o investigador que decidiron realizar esta recompilación de corenta poemas en galego do escritor baiés porque xa era case imposible acceder á súa creación poética pois hai trinta anos que non se publicaba nada del. Ademais esta iniciativa encádrase dentro das que desenvolve o Concello de Zas para conseguir que se lle dedique a Labarta Pose o Día das Letras Galegas 2025.
A seguir Rei Lema centrouse na figura do noso ilustre paisano cun percorrido pola súa traxectoria vital que ía acompañando de textos e fotos referentes aos feitos que relataba. A continuación detívose na faceta de autor, destacando a sona de bo escritor que tivo na súa época, con numerosos premios e cuxa poesía humorística foi a máis celebrada. Pero sinalou o estudoso que Labarta era máis que un poeta humorístico: nos seus poemas hai temática social, defensa da muller, reinvindicación do uso do galego, denuncia das pésimas condicións na inmigración, rexeitamento do maltrato animal, das corridas de touros... O relator ía apoiando a información co recitado de poemas.
Na presentación, Claudia e Bruno, agradecéronlle ao invitado por transmitirnos a historia e o labor literario deste persoeiro destacado da nosa vila e que cómpre divulgar para poñer a Baio no mapa da literatura galega. Este tipo de actividades son esenciais para coñecermos o noso patrimonio cultural que serve para cohesionarnos ao redor dos nosos símbolos.
A obra foi publicada pola Editorial Galaxia grazas a un convenio de colaboración co Concello de Zas como parte da colección Letras Galegas Clásicos. Agradecemos ao Concello de Zas, que tanto esforzo está adicando para impulsar a figura de Labarta Pose, con exposicións e publicacións diversas, que nos doara catro exemplares do libro para que toda a Comunidade Educativa poida achegarse a vida e obra de Labarta Pose.