AS NOVAS FORMAS DE ANIMAR Á LECTURA CHEGARON DA MAN DE VIOLETA MELÉNDREZ

  


 Novo mundo, novas formas para achegarse á lectura en papel a través das redes sociais, iso é o que representa Violeta Meléndrez, unha das referencias galegas entre as influencers que presenta ao seu público libros de literatura infantil e xuvenil e que hoxe nos visitou ao IES Maximino Romero de Lema. En concreto, Violenta Meléndrez usa a rede de Instagram para crear un ambiente positivo ao redor dos libros que escolle e favorece que a curiosidade permita consolidarse nun achegamento real de novos lectores e lectoras a libros físicos.

    Cristina Soto, amiga da bookstagramer e exalumna do noso centro foi a encargada de presentarlla ao alumnado de 3ºESO e 1º FPB. Violeta, que confesou ser unha gran lectora, dixo que os seus contidos xiran sobre as súas lecturas. Deu a coñecer a súa conta de instagram (@littera_lupa), rede na que máis publica e na que fai reseñas en galego.

Comentou que adoitaba publicar fotos dos libros con elementos da natureza e amosounos varios exemplos. Explicou como funcionaba o club de lectura do que forma parte e que conta con 13 membros fixos, pero que son moitos máis. Un club de lectura no que len e comentan cada certo tempo un libro a través dunha conta de telegram. Unha das actividades que puxo de relevo é lanzar retos cada mes a través da lectura que se propón: un libro cun gato na portada, autora latinoamericana, libro epistolar, literatura infantil, literatura de medo, obra teatral... son algúns exemplos dos retos deste ano.

    Facilitounos tamén varias contas de instagram que son auténticos escaparates de lecturas variadas no que destacan nomes de referencia galegos: @delibrosalibres, @libroscontos, @mazadahorta, @neeumatiko @surfeandolibro... dedicadas á crítica literaria destacando os seus contidos e o que máis lle gusta de cada unha delas.

Para finalizar recomendou tres libros que máis lle chegaron ao corazón e falou dos aspectos que máis lle gustaron: Que me pare o corazón de Andrea Maceiras, Un elefante na sala de estar de Berta Dávila e Nom estamos quebrades de Nee Barros.

Saudamos a presenza destas canles e desexamos que sirvan para defender, protexer e renovar o interese pola lectura do libro en galego.