FRANCISCO CASTRO INAUGURA O VI MES DO LIBRO NO IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA

 

Hoxe, 2 de abril, para celebrar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, a nosa biblioteca, dentro dos actos da VI Edición do Mes do Libro, contou coa presenza de Francisco Castro, unha das voces galegas máis coñecidas do momento.

O autor mantivo un encontro literario co alumnado de 2º ESO, acto que comezou coa súa presentación por parte de dous alumnos, Henri e Alicia, que destacaron o carácter sempre comprometido da súa obra, porque el fai literatura para denunciar os problemas que asolagan a sociedade actual. A continuación tomou a palabra para entrar de cheo na trama d´A historia de Sara, un álbum ilustrado no que unha nena de seis anos ofrece unha ollada infantil sobre o abuso sexual.

Desvelou que había moito tempo que escribira o libro, que o fixera só en dous días, que a súa orixe fora unha ferida persoal, e que chegara agora o momento oportuno de publicala. Os que gañan a vida escribindo, actuando... teñen a sorte de converter as feridas en obxectos artísticos comentou Francisco Castro. Destacou as fermosísimas ilustracións de Luz Beloso, que tan ben complementan esta historia de “sensibilidade extrema” de violencia sexual, pero asemade de amor dos pais e das nais. Debullou aspectos relativos da súa escrita cos que procura guiarnos na viaxe cara un lugar determinado durante a lectura.

Na segunda parte do encontro foi o alumnado quen tomou a palabra para transmitirlle ao autor as interpretacións e as emocións que sentiron, as dúbidas arredor do libro. Aínda que a temática é dura, eles e elas manifestaron que a leron con naturalidade, sen prexuízos e que lles gustou malia ser unha historia triste.

Rematamos a velada literaria agradecéndolle ao autor que se achegase ao noso centro e compartise connosco o misterio da literatura.