A NOVA PROMESA DA NOVELA NEGRA EN GALEGO PECHA O MES DO LIBRO NO IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA

 

Irene Rega Jul puxo o broche final á VI Edición do Mes do Libro organizado polo noso Equipo da Biblioteca. Ante o alumnado de 4o ESO e do Club de Lectura de 1o Bach e 1o CM, a autora de A malferida definiu este libro como unha novela negra que escribiu coma un xogo e que, por animación familiar, decidiu presentala ao Premio Illa Nova de Narrativa coa agradable sorpresa de resultar gañadora. Para a súa escrita inspirouse en novelas negras e policíacas como Ollos de auga de Domingo Villas ou Plenilunio de Muñoz Molina.

A malferida, no que a intriga é o elemento fundamental, ten como eixe central o tema do acoso e, como comentou a autora, quixo poñer o foco na persoa que o sofre, pero sen deixar de lado as persoas que a rodean, tanto os acosadores, como aqueles que co seu silencio se converten en cómplices. Neste sentido na novela lanza moitas mensaxes sobre a necesidade de concienciarnos para acabar con esta lacra.

A autora respondeu ás numerosas cuestións e curiosidades do alumnado sobre A malferida e sobre Tecendo redes, Premio Vilar Ponte 2022, lida no club de lectura. Algunhas das preguntas centráronse no proceso da escrita e, como había presentes alumnos e alumnas que participan nun taller de escritura creativa no centro, Irene deulles algúns consellos e rematou animándoos a que participasen en concursos literarios.

Rematamos a xornada literaria coa sinatura de exemplares e o agradecemento á autora por achegarse ao noso centro dende terras tan distantes como é a mariña lucense.

De novo, e mais unha vez, a VI Edición do Mes do Libro do noso centro educativo pon de relevo que a lectura abre horizontes e permite ir conformando a nosa identidade a través das preguntas que sempre se abren cando lemos un libro. A participación do alumnado demostra que cómpre seguirmos coa defensa e promoción do libro en galego.