Hoxe á primeira hora da tarde, Marilar Aleixandre visitou o Club de Lectura de Adultos para compartir reflexións e impresións arredor da lectura de As malas mulleres, novela gañadora do Premio Blanco Amor 2020 e do Premio Nacional de Narrativa 2022.
Neste acto encadrado dentro da programación do VI Mes do Libro, a autora iniciou a sesión aclarando que son as malas mulleres e cal foi o xérmolo da novela; explicou o proceso de documentación en plena pandemia, subliñando as dificultades que tivo para atopar probas do cárcere da Galera en plena cidade da Coruña. Comentou os delictos sociais da época non ter un domicilio fixo recoñecido, roubar pan...).
Na conversa sinalouse que é un texto literario poderoso e potente no que versos de Pondal, Curros ou Rosalía insírense de maneira brillante na trama da historia, así como documentos reais da época.
A través das respostas ás cuestións e aos comentarios que se formulaban, aclarou aspectos das tres personaxes principais: de Concepción Arenal que co apoio de Juana de Vega intentou dignificar as condicións das reclusas, ofrecéndolles unha oportunidade de alfabetización e de aprender un oficio. E por outro lado, a historia de Sisca, unha adolescente de familia moi pobre, encarcerada por acompañar a súa nai a realizar un aborto -personaxe ficticio pero que narra unha historia real sucedida un século despois-.
Coma na novela, nesta xuntanza literaria quixemos ir contra a desmemoria do labor feminista de Concepión Arenal e de Juana de Vega ou desas 300 mulleres do cárcere La Galera que ficaron completamente borradas da historia. A autora interesáballe escribir sobre as violencias que sufriron todas elas.
Esta novela non vai de malas mulleres, senón de mulleres excepcionais algunhas marcadas polas circunstancias adversas que lles tocou vivir.