O segundo libro que lemos no Club de Lectura de 1º ESO foi Sobremesas sobre versos de Raquel Castro, gañador do Premio Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2022.
A historia gustoulles bastante, aínda que dúas das rapazas comentaron que lles parecía algo lenta, ao non haber unha acción trepidante. Con todo, todas valoraron moito a tenrura da novela e, sobre todo, as receitas tradicionais que a avoa Sica, que ten alzhéimer, lembra en verso para que a súa neta Uxía poida cociñalas. Moitas destas sobremesas resultábanlles familiares e mesmo comentaban os cambios que se fan nas súas casas, o que deu pé a interesantes conversas arredor da tradición culinaria galega.
A medida que avanzábamos na lectura, propuxémoslle unha actividade moi especial: cada alumno e alumna comprometeuse a realizar unha das receitas acompañados das súas avoas. Para poder levar a cabo a elaboración en condicións, agasallámolos cun mandil e cun gorro de cociñeiro personalizado co seu nome. A torta de millo, a de mazá, filloas, orellas e o biscoito de noces foron as sobremesas escollidas. Cando había sobras, despois da xuntanza do Club de Lectura, compartíanas moi ilusionados cos compañeiros e compañeiras máis achegados.
A lectura deste libro fíxonos reflexionar moitos temas: a importancia da memoria e do coidado das persoas maiores, o impacto da Covid-19 (que aínda que eran pequenos lembraban), as diferenzas entre vivir na cidade ou no rural, a súa relación coas avoas respectivas....
En definitiva, Sobremesas sobre versos é un libro no que literatura e cociña van da man e resultou unha experiencia doce, tanto no contido como no que xerou fóra das páxinas.