SEN ELAS NON HAI COSMO
Hoxe, 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Equipo da Biblioteca xunto co do Club de Ciencia inauguramos no Centro a exposición “Sen elas non hai cosmo” que busca dar visibilidade ás mulleres no ámbito da ciencia e do espazo, recoñecendo a súa imprescindible contribución nun campo que durante moito tempo quedou eclipsado,mesmo infravalorado en comparación co dos seus colegas masculinos.
Na mostra descubriremos a trece científicas que abriron camiños no estudo da astronomía. Dende as estadounidenses, Katherine Coleman, Anne Druyan, Henrietta Swan Leavitt, Vera Rubin, pasando pola primeira astrónoma que tivo México, Paris Pismis, pola rusa Valentina Tereshkova, a china Wang Zenhyi ou as británicas Jocelyn Bell e Cecilia Payne. Tamén destacan españolas como Ester Lázaro, Alicia Sintes, Julia de León e, como non, a galega Antonia Ferrín, pioneira da astronomía en España.
Se queredes coñecer o papel sobranceiro no eido da astronomía que realizaron estas investigadoras, visitade a exposición que estará na entrada do noso Centro ata finais de mes.
Agrademos á Asociación Visibles que nos cedera esta mostra, unha máis, das moitas actividades que realiza para valorizar o papel das mulleres en distintos ámbitos da sociedade.