O CULTIVO E A CONSERVACIÓN DAS ÁRBORES AUTÓCTONAS
Hoxe, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Equipo da Biblioteca organizou para o alumnado de 1o ESO a visita de Nieves Vidal González, doutora en Ciencias Biolóxicas e científica titular do CSIC, que veu acompañada de Bruce Christie, tamén especialista en árbores.
Introduciu a charla “Podemos conservar un bosque nun tarro de cristal?” con preguntas sobre algúns científicos e científicas recoñecidos co obxectivo de afirmar que só son o iceberg do total de persoas que se dedican a investigar. A seguir presentou as motivacións persoais que a levaron a dedicarse á súa carreira científica e en que consistía esta. Finalmente explicou de xeito moi didáctico o cultivo in vitro de especies leñosas autóctonas (castiñeiros, carballos, sobreiras, vimbieiras, amendoeiras... ) para a súa conservación e propagación -mesmo de árbores xa secas a través dos gromos que nacen nos troncos-.
Unha actividade de divulgación científica moi interesante e de amor polas árbores autóctonas. Moi participativa por parte do alumnado que respondía rapidamente ás cuestións que formulaba a relatora, quedando esta visiblemente emocionada ante a rapidez e a capacidade científica dalgúns dos alumnos.
En definitiva, que mellor xeito de celebrar o 11 de febreiro podemos ter dende a Biblioteca que dando a coñecer a unha científica que nos explique a súa investigación de primeira man?