MARTA VILLAR COMPARTE SESIÓN CO CLUB DE LECTURA DE ADULTOS BAIOLENDO

 Marta Villar acompañou ao Club de Lectura Baiolendo nesta tarde de luns para falar da

súa última publicación Detective Ferruchi, gañadora do Premio Xerais de Novela 2024. Para os

membros do club foi unha excelente oportunidade de coñecer a xornalista e escritora malpicá

que se amosou moi divertida e locuaz.

Como afirmou a autora na novela pártese dun crime e utilízase a investigación do mesmo

para tratar moitos temas de actualidade social, denunciando e reivindicando. Na xuntanza só

deu tempo a conversar sobre algúns deles como a defensa de colectivos minoritarios; as

mulleres que nos anos 80 e 90 traballaron nas cooperativas téxtiles en Galicia, cuxo traballo foi

fundamental para levantar o imperio de Inditex; a emigración de pais que deixan aos fillos ao

coidado dos avós; a experiencia e sabedoría dos maiores, o maltrato de xénero e a liberdade da

muller para poder escoller o seu destino, o proceso de menopausa...

Rímonos coas ocorrencias dalgúns dos personaxes desta novela coral, moitos

inventados, pero outros inspirados en persoas reais. Comentamos o rápido ritmo narrativo que

atrapa ao lector de principio á fin e, os toques de humor e ironía que impregnan toda a trama

desta novela moi galega.

En definitiva, foi unha sesión literaria moi intensa na que unha vez máis medramos como

lectores grazas ás reflexións e ás explicacións de Marta Villar, así como polos comentarios do

resto dos membros dos club.



























A MEMORIA SALVA O PASADO E ACTÚA NO PRESENTE E NO FUTURO

 O Equipo da Biblioteca organizou a asistencia do alumnado de 1o CM, de 3o ESO e de 1o

Bacharelato á función do espectáculo teatral “A Nai” representado pola compañía teatral

Amorodio Teatro na Casa da Cultura de Vimianzo.

A obra lembra, dende o tempo actual de tres “mozas”, a historia silenciada de tres irmás,

Lola, Julia e Amparo Touza que formaban parte dunha rede secreta que axudaba a fuxir de Europa

a persoas perseguidas pola Xestapo. Ninguén pensaba que unha nai solteira e dúas irmás

solteironas, humildes e sen educación puideran ser un elo fundamental da rede dos ferrocarrís

da liberdade durante a 2a Guerra Mundial.

Pero “A Nai” non só aborda problemáticas e figuras pasadas, se non que pon o foco sobre

a situación actual das persoas que hoxe foxen da guerra, e sobre mulleres de hoxe, ao igual que

Lola, teñen que elixir entre ser nais ou non.

No momento de gran cambio social que estamos a vivir é necesario dar a coñecer estas

mulleres valentes que arriscaron a súa vida para salvar a dos demais defendendo a igualdade, a

solidariedade, a dignidade, a ética e o respecto. Valores estes que se están a cuestionar na

actualidade en determinados sectores da sociedade, e que tan importante é promover nestes

tempos de realidades alternativas.




O CULTIVO E A CONSERVACIÓN DAS ÁRBORES AUTÓCTONAS

 O CULTIVO E A CONSERVACIÓN DAS ÁRBORES AUTÓCTONAS

Hoxe, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Equipo da Biblioteca organizou para o alumnado de 1o ESO a visita de Nieves Vidal González, doutora en Ciencias Biolóxicas e científica titular do CSIC, que veu acompañada de Bruce Christie, tamén especialista en árbores.

Introduciu a charla “Podemos conservar un bosque nun tarro de cristal?” con preguntas sobre algúns científicos e científicas recoñecidos co obxectivo de afirmar que só son o iceberg do total de persoas que se dedican a investigar. A seguir presentou as motivacións persoais que a levaron a dedicarse á súa carreira científica e en que consistía esta. Finalmente explicou de xeito moi didáctico o cultivo in vitro de especies leñosas autóctonas (castiñeiros, carballos, sobreiras, vimbieiras, amendoeiras... ) para a súa conservación e propagación -mesmo de árbores xa secas a través dos gromos que nacen nos troncos-.

Unha actividade de divulgación científica moi interesante e de amor polas árbores autóctonas. Moi participativa por parte do alumnado que respondía rapidamente ás cuestións que formulaba a relatora, quedando esta visiblemente emocionada ante a rapidez e a capacidade científica dalgúns dos alumnos.

En definitiva, que mellor xeito de celebrar o 11 de febreiro podemos ter dende a Biblioteca que dando a coñecer a unha científica que nos explique a súa investigación de primeira man?








SEN ELAS NON HAI COSMO

 SEN ELAS NON HAI COSMO

Hoxe, 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Equipo da Biblioteca xunto co do Club de Ciencia inauguramos no Centro a exposición “Sen elas non hai cosmo” que busca dar visibilidade ás mulleres no ámbito da ciencia e do espazo, recoñecendo a súa imprescindible contribución nun campo que durante moito tempo quedou eclipsado,mesmo infravalorado en comparación co dos seus colegas masculinos.

Na mostra descubriremos a trece científicas que abriron camiños no estudo da astronomía. Dende as estadounidenses, Katherine Coleman, Anne Druyan, Henrietta Swan Leavitt, Vera Rubin, pasando pola primeira astrónoma que tivo México, Paris Pismis, pola rusa Valentina Tereshkova, a china Wang Zenhyi ou as británicas Jocelyn Bell e Cecilia Payne. Tamén destacan españolas como Ester Lázaro, Alicia Sintes, Julia de León e, como non, a galega Antonia Ferrín, pioneira da astronomía en España.

Se queredes coñecer o papel sobranceiro no eido da astronomía que realizaron estas investigadoras, visitade a exposición que estará na entrada do noso Centro ata finais de mes.

Agrademos á Asociación Visibles que nos cedera esta mostra, unha máis, das moitas actividades que realiza para valorizar o papel das mulleres en distintos ámbitos da sociedade.






DÁLLE UNHA VOLTA AO TEU CONSUMO: FEBREIRO

 


 Pílula informativa mes de febreiro:

    Neste mes de febreiro, ás portas xa do entroido, compartimos a nosa seguinte pírula informativa, e así dar continuidade á nosa reflexión sobre o consumo de produtos frescos e de proximidade.

    Menos desperdicio de alimento: Ao consumir produtos locais é máis probable que os alimentos sexan máis frescos e teñan unha vida útil máis curta. Isto pode levar a ter menos desperdicio porque os consumidores son máis conscientes da necesidade de consumilos rapidamente.