INAUGURACIÓN CLUB DE LECTURA DE ADULTOS

 Hoxe luns 14 de outubro, inauguramos o Club de Lectura de Adultos. Xa é o terceiro ano no que nos reuniremos unha vez ao mes, os luns de 15.30h a 16.15h na Biblioteca do Centro. Durante corenta e cinco minutos deixamos de lado as preocupacións cotiás e saudamos a chegada da imaxinación, da conversa e das reflexións arredor do libro elixido.

Arredor dun café e uns doces cada un de nós fomos presentándonos e comentando as nosas preferencias literarias. A primeira proposta é Os mortos que amei de Iria Collado, unha espléndida escolla para comezar esta nova andaina literaria, e contaremos coa presenza da autora o 11 de novembro.

Desta maneira, animámosvos a unirvos a esta festa do libro para gozar da lectura, espertar a imaxinación e a creatividade e fomentar a comunicación  e a capacidade de escoita aprendendo uns de outros.