ÁNGELES, REDEIRA DE MALPICA E JAQUI, MARISCADORA DE CAMARIÑAS VISIBILIZAN O SEU TRABALLO DO MAR

 ÁNGELES, REDEIRA DE MALPICA E JAQUI, MARISCADORA DE CAMARIÑAS VISIBILIZAN O SEU TRABALLO DO MAR

O 15 de outubro, Día Internacional das Mulleres Rurais, o Ministerio de Agricultura, Pesca

e Alimentación recoñeceu á asociación de redeiras O Fieital de Malpica pola súa achega na

innovación no sector pesqueiro e acuícola cun terceiro premio nesta categoría. O Equipo da

Biblioteca organizou unhas charlas para dar a coñecer ao alumnado de 2o, 3o e 4o ESO o traballo

destas mulleres da man dunha delas, Ángeles, secretaria de ANMUPESCA, que xunto con Jaqui,

mariscadora e patroa de barco de Camariñas nos contaron a realidade da súa profesión.

Angeles describiu o traballo das redeiras, ensinounos artes e aparellos de pesca coas

que traballan, comentounos como se desprazaban a traballar a zonas de Galicia onde non hai

estas profesionais e as actividades de divulgación e formación que realizan dentro e fóra da nosa

comunidade. Rematou subliñando o papel referente da asociación de redeiras de Malpica ao ser

a primeira en constituírse en España tras o accidente de Prestixe e cuxa loita conseguiu para

este sector a cualificación profesional da súa actividade.

Pola súa banda, Jaqui contounos en que consiste o marisqueiro, que especies colleitan

e como as recollen, os aparellos que empregan ou como se protexen das inclemencias

metereolóxicas. Tamén este labor, grazas ao asociacionismo pasou de ser un complemento da

economía familiar de coidadoras da familia á profesionalización.

Esta actividade, que nos fixo chegar A Asociación Nacional de Mulleres da Pesca

(ANMUPESCA), compleméntase cunha exposición fotográfica que leva por título As mulleres da

pesca: traballo invisible, pero esencial constituída por trinta fotografías de mulleres

desenvolvendo o seu traballo coas redes ou de marisqueo, e que teremos no noso Centro ata

finais de mes.

Con esta dobre acción quixemos dende a biblioteca contribuír á divulgación e ao

recoñecemento do papel que desempeñan as mulleres do rural en xeral, e o destas profesionais

do mar, en particular.