Gozar do espazo natural e saber observar é esencial para saber que podemos fotografar e de que maneira. Con este obxectivo dende a Biblioteca organizamos o taller de Iniciación á fotografía de natureza impartido polo cormelán Andrés García, mais coñecido por Drew Korme e gañador do certame internacional Milky Way Contest da web 35 Awards grazas a unha imaxe da Vía Láctea sobre o faro Roncudo e enriba da máxica Mar de Ardora.
No percorrido que hai entre o Centro e a Carballeira de Baio, o alumnado de 2º ESO puido potenciar o uso do teléfono móbil para realizar fotos de excelente calidade. Andrés explicou a técnica do macro, a do enfoque próximo, a regra dos 3 terzos e sinalou outras pautas do retrato paisaxístico. Despois da descrición de cada técnica, os rapaces e as rapazas contaban cun breve tempo para poñela en práctica e preguntar dúbidas. Tamén lles comentou que non deberían usar o modo automático do móbil, que deberían traballar en manual, aprendendo a usar a intensidade, a iluminación...
Foi unha actividade de nivel moi básico, que tiña como obxectivo dar a coñecer o mundo da fotografía da natureza e achegar unha base para empezar a descubrilo. Cremos que se cumpriu e que poderán levar á práctica o aprendido, e así sacar partido artístico aos paseos polo campo.