SEN ELAS NON HAI FOTOGRAFÍA


    Durante esta semana tivemos no Centro unha pequena, pero non por iso de menor calidade, exposición dedicada a cinco mulleres imprescindibles no mundo da fotografía de diferentes recunchos do mundo. Desde a alemá Gerda Taro, a primeira fotoxornalista de guerra, ata as contemporáneas como a galega Lúa Ribeira que destaca pola súa arte rompedora centrada en cuestións sociais; a estadounidense Annie Leibovitz recoñecida polos seus retratos a famosos e figuras icónicas; a xaponesa Rinko Kawauchi que ve a beleza no simple e ordinario e a sudafricana Zanele Muholi que reflicte a loita pola xustiza e a aceptación da comunidade LGBTQ+ a nivel mundial a través dos seus retratos íntimos e poderosos.

    Cinco mulleres que tiveron un innegable impacto na evolución da fotografía, porén o seu legado foi infravalorado en comparación cos seus colegas masculinos; visibilizándoas con esta mostra quere dárselles o recoñecemento que merecen.

    O Equipo da Biblioteca agradece a súa cesión á Asociación Visibles, que  unha vez máis amosa con este traballo a súa loita por unha sociedade libre e igualitaria, valorizando o papel das mulleres en distintos ámbitos dentro da sociedade.

    Esta iniciativa, que fomenta a igualdade, enmárcase dentro do Contrato-Programa Innova de Fotografía que estamos a desenvolver durante este curso escolar no Centro.