ENCONTRO COA REPRESIÓN DA MULLER A TRAVÉS DO PREMIADO LIBRO DE PAULA CARBALLEIRA, AS ALUMNAS

    

O encontro literario que esta tarde mantivo o Club de Lectura de Adultos do IES Maximino Romero de Lema permitiu realizar unha viaxe no tempo a unha época moi próxima a través do libro As alumnas de Paula Carballeira, para coñecer e lembrar o vivido polas mulleres cando estaban predestinadas a cumprir un rol que non respondía nin respectaba os seus sentimentos, necesidades e aspiracións.

    As alumnas recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023, sendo a primeira muller que recibe este galardón por escribir unha obra en galego, e ademais foi merecedora do Premio Follas Novas do Libro Galego 2023. Nela a autora rende unha homenaxe a María Barbeito que, igual que moitas outras mestras da Segunda República, loitaron por lograr unha educación igualitaria, creativa, libre e renovadora.  Unha tarefa que se viu truncada pola ditadura de Franco, que supuxo un retroceso en dereitos de todo tipo e que afectaron, con dureza á educación e ás mulleres.

As protagonistas desta peza teatral son dúas antigas alumnas de María Barbeito que  representan os “posibles camiños” que tiña a muller durante a época de represión: Elvira acaba desempeñando o papel de esposa e nai ideal e renunciando ás súas aspiracións, mentres que Rosa loita por desenvolver esas aspiracións nun contexto de limitación e discriminación especialmente coa muller.

    A acto iniciouse cunha sesión de foto na que,  imitando as que se facían nos anos 60 ao alumnado, os e as asistentes retratáronse cun mapa de Galicia, xa que queriamos reflectir o cambio da actualidade. A escritora amosouse moi contenta pola pequena recreación dunha escola na que se mesturaban elementos destacados na súa obra. A continuación sentamos arredor dun café e a autora foi explicando aspectos d´As alumnas alentada polos comentarios e preguntas das persoas presentes. 

    Foi un encontro moi enriquecedor no que se falou do difícil que era para a muller saír do camiño trazado para ela, da lingua vernácula, do medo, da desigualdade, da liberdade e das conquistas das mulleres, cuestións que poden parecer consolidadas pero que sempre penden dun fío.