FACEMOS FRONTE Á VIOLENCIA SEXUAL


    O Equipo da Biblioteca contou coa psicóloga Paula Tobío, especialista en igualdade, quen impartiu aos alumnos e ás alumnas de 1º Bacharelato A un obradoiro focalizado nas violencias machistas en contextos de lecer, de festa e de ocio nocturno.    

    Iniciou o taller cun remuíño de preguntas sobre as actividades que realizaban no seu tempo de ocio ao alumnado, ata conducilo as cara unha reflexión colectiva sobre as condutas que podían estragar ese tempo de lecer, centrándose nas situacións nas que se daban algún tipo de violencia sexual.

    A continuación en grupos de tres tiveron que realizar cadansúa pequena peza audiovisual en formato stop motion con Legos no que describían un caso de violencia machista durante o ocio nocturno. O resultado foron catro historias moi sinxelas e moi visuais nas que se traballou, utilizando ferramentas TIC, na prevención de condutas de risco e promoción de relacións interpersoais baseadas no respecto, a comunicación, a liberdade e o consentimento para facer do ocio e os eventos festivos lugares seguros. 

    Con esta actividade o IES Maximino de Lema participou na campaña #DeFronte impulsada dende a área de Igualdade da Deputación da Coruña co gallo da conmemoración do 25, Día da Eliminación da Violencia contra as mulleres; dous dos vídeos elaborados serán colgados na súa web  para representarnos xunto cos traballos doutros centros; obradoiro que conseguimos grazas á mediación do CIM do Concello de Zas. Agradecemos ás dúas institucións que fixeran posible a realización de tan interesante iniciativa dentro das actividades realizadas dende a Biblioteca. 

    Velaquí vos deixamos os vídeos creados.