SEN ELAS NON HAI COSMO

 SEN ELAS NON HAI COSMO

Hoxe, 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Equipo da Biblioteca xunto co do Club de Ciencia inauguramos no Centro a exposición “Sen elas non hai cosmo” que busca dar visibilidade ás mulleres no ámbito da ciencia e do espazo, recoñecendo a súa imprescindible contribución nun campo que durante moito tempo quedou eclipsado,mesmo infravalorado en comparación co dos seus colegas masculinos.

Na mostra descubriremos a trece científicas que abriron camiños no estudo da astronomía. Dende as estadounidenses, Katherine Coleman, Anne Druyan, Henrietta Swan Leavitt, Vera Rubin, pasando pola primeira astrónoma que tivo México, Paris Pismis, pola rusa Valentina Tereshkova, a china Wang Zenhyi ou as británicas Jocelyn Bell e Cecilia Payne. Tamén destacan españolas como Ester Lázaro, Alicia Sintes, Julia de León e, como non, a galega Antonia Ferrín, pioneira da astronomía en España.

Se queredes coñecer o papel sobranceiro no eido da astronomía que realizaron estas investigadoras, visitade a exposición que estará na entrada do noso Centro ata finais de mes.

Agrademos á Asociación Visibles que nos cedera esta mostra, unha máis, das moitas actividades que realiza para valorizar o papel das mulleres en distintos ámbitos da sociedade.






DÁLLE UNHA VOLTA AO TEU CONSUMO: FEBREIRO

 


 Pílula informativa mes de febreiro:

    Neste mes de febreiro, ás portas xa do entroido, compartimos a nosa seguinte pírula informativa, e así dar continuidade á nosa reflexión sobre o consumo de produtos frescos e de proximidade.

    Menos desperdicio de alimento: Ao consumir produtos locais é máis probable que os alimentos sexan máis frescos e teñan unha vida útil máis curta. Isto pode levar a ter menos desperdicio porque os consumidores son máis conscientes da necesidade de consumilos rapidamente.









DÍA DA PAZ

Para conmemorar o Día da Paz, dende a biblioteca propuxemos un concurso de caligramas para facer nas diferentes titorías.
O caligrama do Día da Paz gañador foi o da nosa alumna Yamila de 1º de Bach.



 









INTELIXENCIA ARTIFICIAL PARA A SOCIEDADE

Hoxe estiveron na nosa Biblioteca Fina Paulos e Óscar Rei, profesores do Departamento de Informática do noso Centro, e presentaron ante o alumnado de 4o ESO e 1o CM Intelixencia Artificial para a Sociedade, “o primeiro libro en galego sobre esta temática” -comentou Óscar.

Dámoslle a benvida a este libro formativo sobre IA xa que somos conscientes de que o alumnado debe familiarizarse coas oportunidades e desafíos que presentan as intelixencias artificiais, especialmente no que respecta á súa integración nas distintas áreas do coñecemento e da vida cotiá.

Óscar e Fina explicaron algunhas das ferramentas de IA que alumnos e alumnas poden empregar para mellorar a súa formación: xerar exercicios das distintas materias para practicar, crear imaxes, cancións de poemas, colorear ou reparar fotos en mal estado, animar fotos....

Agora ben, como destacaron os relatores, a utilización destas ferramentas de IA pode ser un aliado, pero nunca debemos esquecer as súas implicación éticas que supón un uso incorrecto das mesmas.

Agradecémoslles a Fina e a Óscar que nos fixesen partícipes desta novidade bibliográfica.







O CICLO NATURAL DA VIDA CON ROSA ANEIROS

 No Club de Lectura de Adultos Baiolendo continuamos no novo ano lendo obras destacadas da nosa literatura actual e mantendo un encontro cos autores ou autoras das mesmas para enriquecer a lectura individual. No primeiro encontro do 2025 visitounos Rosa Aneiros coa que dialogamos sobre a súa obra A noite das cebolas.

A escritora valdoviñesa permitiunos adentrar no proceso de creación literaria, explicándonos algúns dos cómos e os porqués da súa escrita: a necesidade de saber o comezo e o desenlace antes de pórse a escribir, aínda que o que aconteza no desenvolvemento a sorprenda a ela mesma; a vontade de que a súa nova novela é “un relato no que os lectores non van atopar un ritmo trepidante; é máis unha lectura lenta, un traballo a encamiñado a desfrutar da propia literatura”; a intención de crear un relato moi vitalista a partir da morte...

Fíxonos partícipes de que a historia non ten nada que ver con ela, aínda que moitos aspectos estean tomados da súa propia vivencia: a contorna, o faro, a paisaxe de Valdoviño que corresponde a unha paisaxe imaxinaria, pois cambiou os topónimos; o breve tratado de cultivo das cebolas seguindo os pasos dos seus pais; personaxes que mesturan a varios coñecidos seus; o título do libro....

Comentamos os personaxes máis destacados, sobre todo, o de Abril, a protagonista, unha muller aparentemente forte, que ao longo da novela vai sacando as capas -coma nas cebolas- que a protexeron durante a súa vida para descubrirnos unha gran fraxilidade, ata que lograr reconciliarse consigo mesma e aceptar o seu destino como parte natural da vida.

Durante a velada a literatura con maiúscula foi xurdindo con forza a través de nomes como Agustín Fernández Paz, Marcos Calveiro, María Rei Vilas, Paul Auster ou Antoine de Saint-Exupéry, e puidemos descubrir distintas perspectivas sobre a lectura, unha novela cativadora, de gran beleza para ler de xeito pausado gozando da boa literatura.





















DÁLLE UNHA VOLTA AO TEU CONSUMO: XANEIRO


 Pílula informativa mes de xaneiro:

Comezamos o xaneiro cunha nova pequena mostra dos alimentos de tempada da contorna . Acompañamos a mostra coa pílula informativa que nos axuda a reflexionar sobre o noso consumo de produtos frescos:

Apoio á economía local: Comprar produtos locais fomentan a economía da rexión, apoiando aos agricultores e produtores locais, o que tamén pode promover a biodiversidade agrícola e a preservación dos ecosistemas locais.