No Club de Lectura de Adultos Baiolendo continuamos no novo ano lendo obras destacadas da nosa literatura actual e mantendo un encontro cos autores ou autoras das mesmas para enriquecer a lectura individual. No primeiro encontro do 2025 visitounos Rosa Aneiros coa que dialogamos sobre a súa obra A noite das cebolas.
A escritora valdoviñesa permitiunos adentrar no proceso de creación literaria, explicándonos algúns dos cómos e os porqués da súa escrita: a necesidade de saber o comezo e o desenlace antes de pórse a escribir, aínda que o que aconteza no desenvolvemento a sorprenda a ela mesma; a vontade de que a súa nova novela é “un relato no que os lectores non van atopar un ritmo trepidante; é máis unha lectura lenta, un traballo a encamiñado a desfrutar da propia literatura”; a intención de crear un relato moi vitalista a partir da morte...
Fíxonos partícipes de que a historia non ten nada que ver con ela, aínda que moitos aspectos estean tomados da súa propia vivencia: a contorna, o faro, a paisaxe de Valdoviño que corresponde a unha paisaxe imaxinaria, pois cambiou os topónimos; o breve tratado de cultivo das cebolas seguindo os pasos dos seus pais; personaxes que mesturan a varios coñecidos seus; o título do libro....
Comentamos os personaxes máis destacados, sobre todo, o de Abril, a protagonista, unha muller aparentemente forte, que ao longo da novela vai sacando as capas -coma nas cebolas- que a protexeron durante a súa vida para descubrirnos unha gran fraxilidade, ata que lograr reconciliarse consigo mesma e aceptar o seu destino como parte natural da vida.
Durante a velada a literatura con maiúscula foi xurdindo con forza a través de nomes como Agustín Fernández Paz, Marcos Calveiro, María Rei Vilas, Paul Auster ou Antoine de Saint-Exupéry, e puidemos descubrir distintas perspectivas sobre a lectura, unha novela cativadora, de gran beleza para ler de xeito pausado gozando da boa literatura.