PREMIO PLANETA 2023

        A xornalista, presentadora de televisión e escritora Sonsoles Ónega (Madrid, 1977) gañou o Premio Planeta 2023 coa obra Las hijas de la criada

A novela de Ónega conta a historia dos Valdés, unha familia de empresarios galegos que percorre os dous primeiros terzos do S.XX en Galicia e Cuba. Pon o foco na loita das mulleres deste clan, que foron decisivas para a creación do seu imperio comercial, e tamén nun segredo que marcará as súas vidas.

Outras obras da escritora son: Calle Habana, esquina Obispo (2004), Donde Dios no estuvo (2007), Encuentros en Bonaval (2010), Nosotras que lo quisimos todo (2014), Después del amor (2017) e Mil besos prohibidos (2020).

Pola súa parte, Alfonso Goizueta (Madrid, 1999) é o finalista do galardón, coa súa biografía novelada La sangre del padre, na que amosa as dúas caras de Alexandre Magno: a do home e a do mito.

DÍA DAS ESCRITORAS 2023

       A Biblioteca Nacional de España, en colaboración coa Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas e Modernas, celebran cada ano, desde o 2016, o Día das Escritoras.

    Desde a biblioteca do IES Maximino Romero de Lema -e coa colaboración do voluntariado da biblioteca-, decidimos render homenaxe a distintas escritoras galegas a través dun mural onde recollemos algúns dos nosos textos favoritos destas autoras.

        Ademais fixemos unha selección dalgunhas das súas obras, que están á disposición de todo o alumnado para o seu préstamo.





Algunhas fotos do noso alumnado voluntariado durante o proceso de deseño e elaboración do mural:






JON FOSSE RECIBE O PREMIO NOBEL DE LITERATURA 2023

         O Premio Nobel de Literatura 2023 foille concedido ao escritor e dramaturgo noruegués Jon Fosse (Haugesund, 1959).

No anuncio, a Academia sueca indicou que lle outorgaba o galardón polas súas “innovadoras obras de teatro e prosa que lle dan voz ao que non se pode dicir”. Tamén salientaron a versatilidade do autor xa que “a súa inmensa obra escrita na forma Nynorsk do noruegués, cubre unha grande variedade de xéneros, nun caudal de obras de teatro, novelas, coleccións de poesía, ensaios, libros para nenos e traducións”. Destacouse que, ademais de ser un dos dramaturgos máis amplamente representados no mundo, tamén está sendo cada vez máis recoñecido pola súa prosa”.

        Algunhas das obras máis coñecidas de Fosse son El otro nombre (Septología I), Trilogía e Alguien va a venir.



FRANCISCO FERNÁNDEZ DÁVILA, XVII PREMIO DE NARRATIVA BREVE REPSOL

        O escritor e enxeñeiro Francisco Fernández Dávila (Oia, 1974), acaba de vencer na XVII edición do Premio Narrativa Breve Repsol pola súa obra Groenlandia, un certame co que colabora a Xunta de Galicia co fin de reforzar a creación de literatura en galego e promover o uso social da lingua.

        O xurado destacou da obra galardoada que “con mestría e naturalidade”, o autora elabora nela “unha historia na que nada é o que parece e ninguén amosa unha soa cara”. Unha novela, explica, como “un mosaico literario de perfecto encaixe construído a través da intriga, do humor e unha pasarela de personaxes que, sen ser de ningures, sempre quedan engaiolados nas illas Azores”.

        Outras obras -tamén premiadas- do autor son A senda do sal (2017), Alana (2018), Mover os Marcos (2019) e Primavera (2023).

O home que matou a Antía Morgade abre o Club de Lectura de Adultos

 


    Hoxe, luns, 2 de outubro, inauguramos por segundo ano consecutivo o Club de Lectura de Adultos conformado por nais/pais e profesado, e aberto a quen se queira unir a esta festa do libro.

    A primeira proposta é O home que matou a Antía Morgade de Arantza Portabales, que nos visitará para falar desta obra o luns 23 de outubro.

    Reunirémonos unha vez ao mes, os luns de 15.30h a 16.15h; durante corenta e cinco minutos deixamos de lado as preocupacións cotiás e saudamos a chegada da imaxinación, da conversa e das reflexións arredor do libro elixido.

    Clásicos, novela gráfica, ensaio, así como outro tipo de xéneros terán cabida neste Club de Lectura, un espazo onde podemos intercambiar opinións e experiencias sobre as lecturas, dende un enfoque participativo, aberto e dinámico.



PAULA CARBALLEIRA, PREMIO NACIONAL DE LITERATURA DRAMÁTICA 2023

           As alumnas, unha obra de teatro escrita por Paula Carballeira (Fene, 1972), vén de ser distinguida no pasado mes de setembro co Premio Nacional de Literatura Dramática. 

        O xurado destacou a obra da autora galega “por ser un eloxio do maxisterio que ensina sobre a dúbida e o debate. Polos seus valores dramáticos, a riqueza de matices e pola recuperación dunha muller referente para o ensino galego (a pedagoga María Barbeito), símbolo da educación moderna, igualitaria e transformadora que propuña a II República.”

    Paula Carballeira ten unha longa traxectoria como escritora e actriz, con máis de dúas ducias de libros publicados, entre obras de teatro e literatura infantil e xuvenil, salientando títulos como Smara (2006), Boas noites (2007), O Refugallo (2013) e Trece avisos (2022).




FORMACIÓN DE NOVOS USUARIOS DA BIBLIOTECA

         A semana pasada realizamos a formación de novos usuarios da biblioteca, co fin de ensinarlle ao alumnado de 1º da ESO a desenvolverse nela. Atenderon ás explicacións do equipo de biblioteca e a un vídeo realizado por alumnado de anteriores cursos. Ademais tamén se lles propuxo a búsqueda de diferentes libros para poñer en práctica os coñecementos adquiridos.