As alumnas da materia de Igualdade de Xénero realizaron na biblioteca este obradoiro de chapas que recollen o nome e a imaxe das mulleres galegas que aparecen na exposición "Mulleres galegas na Historia", situada no primeiro andar do noso centro.
As chapas foron entregadas a toda a comunidade educativa do noso instituto.
O venres pasado o alumnado de 1º de Bacharelato participou nun taller de radio organizado polo Equipo da Biblioteca e impartido por Verónica Couto Tasende, técnica de Educación para o Desenvolvemento en Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social). Unha iniciativa máis da promoción de igualdade de xénero que levamos a cabo no Centro e que foi posible grazas ao Concello de Zas que a través do CIM (Centro de Información á Muller) nos fixo chegar esta interesante actividade.
Na primeira parte do obradoiro Verónica explicou que é o discurso do odio, cales son os colectivos máis atacados, como se propaga (diferenza entre medios de comunicación e redes sociais) e a mirada crítica que debemos ter ante as mensaxes que nos chegan. Finalmente centrouse nunha das vítimas máis frecuentes: as mulleres e en como sofren o discurso do odio.
Na segunda parte da actividade tiveron que realizar en grupo de a catro as súas propias cuñas radiofónicas en prol da igualdade de xénero para a continuación gravalas. Aquí o alumnado tivo que amosar a súa creatividade expresiva, unha correcta locución para falar na radio e amosar unha actitude positiva cara a igualdade de xénero.
Nalgúns casos a mensaxe publicitaria foi ben orixinal; poderedes xulgalo cando as escoitedes na radio do instituto en canto estean editadas pola técnica de Educación.
Grazas a este material estivemos facendo as fotos para un dos proxectos de fotografía que realizamos desde a Biblioteca e tamén gravamos algúns dos vídeos que fixemos co Club de Lectura Baiolendo de 1º ESO.
ANTE O ESPELLO DA HISTORIA, OLLADAS DE MULLERES EXEMPLARES
O Equipo da Biblioteca xunto co de Dinamización Lingüística conmemorou o Día Internacional
da Muller, no que se reivindica a plena e real igualdade de dereitos entre homes e mulleres,
organizando a exposición No espello emancipador de mulleres exemplares, coa que quixemos lanzar
a nosa demanda -a través do recoñecemento- moitas veces silenciado pola vontade dunha historia
controlada por homes- do papel dunha serie de mulleres relevantes -un total de 23- en diversos eidos
da vida en sociedade: ciencia, literatura, música, política, arte... . Como consideramos que son dignas
de emulación, 23 mulleres do IES -persoal non docente, profesoras e tres alumnas da materia de
Igualdade de Xénero- quixeron honrar esas mulleres coa realización dunha performance artística en
que imitaban a muller de referencia, tal como se pode comprobar nas fotografías que acompañan
estas palabras. Ao mesmo tempo, un breve texto serve de referente didáctico para recoñecer a
relevancia destas 23 mulleres ante a Historia.
Desde o distante 1911, cando Clara Zetkin auspiciara o que podemos cualificar como o
primeiro 8M, foron moitas as datas pero, en substancia, a pesar das melloras, aínda se manteñen
moitas desigualdades e situacións discriminatorias, polo que temos que seguir coas reivindicacións
ata que academos a plena igualdade.
Podedes ver o documento fotográfico da iniciativa no vídeo que velaquí vos deixamos.
O Equipo da Biblioteca, xunto co profesorado que forma parte do Contrato
Programa Innova deFotografía, organizou estas dúas actividades para
o alumnado de
2º de Bacharelato, e para o alumnado de
de Latín e
Grego de 1º e 2º de Bacharelato
e de
Literatura
Universal de 1º de Bacharelato.
O alumnado de 2º de Bacharelato realizou unha visita á cidade da Coruña, onde tivo a ocasión de coñecer os segredos da cidade herculina da man de John Morore -caracterizado polo guía Suso Martínez- que levou ao grupo por diversos escenarios e recunchos da cidade vella. Foi un percorrido dinámico, divertido e, á vez, pedagóxico no que destacamos a oratoria brillante do actor que fai que sexa imposible perder o fío do seu relato.
A continuación,visitamos a exposición Steven Meisel 93 na que puidemos admirar o traballo do retratista neoyorquino constituído por máis de cen retratos clásicos que ilustran o que significou para o artista a súa explosión creativa no ano 1993.
O sete de marzo, o alumnado de Latín e Grego de 1º e 2º de Bacharelato e o alumnado de Literatura Universal de 1º de Bacharelato asistiu a dúas obras de teatro clásico. Pola mañá, asistimos á representación da famosa traxedia Agamenón de Esquilo e pola tarde, asistimos a unha comedia de Plauto, El Persa. As dúas obras foron representadas polo grupo Ruiseñor da Coruña.
O pasado luns pola tarde reuniuse de novo o Club de Lectura de Adultos ao redor dun café con bombóns e da lectura de A Culpa de María Solar. O libro encantounos e todas nos sorprendemos co final. Ademais tamén barallamos diferentes hipóteses sobre a relación entre os personaxes.
As xuntanzas son cada vez máis distendidas, incluso quedamos máis tempo falando fora do horario da reunión. Ao final, aproveitamos para entregar a próxima lectura que será Flores de ferro.