COMPARTINDO LECTURAS CON MARCOS CALVEIRO

          Novamente o IES Maximino Romero de Lema participou no programa do Ministerio de Cultura e Deporte “Actividades Literarias en Institutos de Ensino Secundario”.  Nesta ocasión contamos coa visita de Marcos Calveiro, un dos escritores máis recoñecidos da literatura actual, aínda que, como el mesmo nos sinalou estaba nun momento de silencio que está a piques de rematar. 
              Durante a visita compartiu co alumnado a cociña da súa escritura en tres sesións na que se centrou nos libros lidos en cada curso. Iniciamos o encontro con 4º da ESO falando do xérmolo de As palabras poden matarCentauros do Norte e O pintor do sombreiro de Malvas. Na sesión con 1º de bacharelato compartiu con nós imaxes da Vilagarcía do século pasado, na que transcorre a premiada O xardineiro do cemiterio dos ingleses, para a continuación establecer un diálogo sobre aqueles aspectos que máis interesaron a alumnos e alumnas. Finalmente, rematou o encontro co alumnado de 3º da ESO no que a novela Todos somos deu pé a un interesante debate do papel dos medios de comunicación e do comportamento da sociedade en casos de desaparición de menores de idade, tema central da obra.
              Previa a visita do autor e tras a lectura das obras, o alumnado foi quen de recrear con composicións a esencia de moitos dos libros de Marcos Calveiro montándoas nunha exposición que comezaba xa no exterior do centro.
              Marcos Calveiro aseguraba que viviu tempos nos que a literatura aparecía na súa vida como unha obsesión enlazando unhas obras coas outras. Tras a súa visita ao noso centro estamos convencidos de que non a sente así e agardamos con sinceridade que nos siga sorprendendo coa súa literatura nestes momentos de incertidume nos que ás veces parece non ter cabida.









PREMIADOS DO CONCURSO DO SAMAÍN

O Equipo da Biblioteca ten o pracer de comunicarvos que xa decidimos os gañadores e gañadoras do concurso do Samaín #calafríonunchío.

Os premios outorgados serán 3 pero o resto do alumnado participante tamén recibirá un pequeno agasallo sorpresa.

Samuel Antelo Castro (1ºESO) - 1º PREMIO

Helena Vázquez Espasandín (1º ESO) - 2º PREMIO

María Amado Rodríguez (3º ESO) - 3º PREMIO

O alumnado premiado e o participante poderán recoller a súa sorpresa o vindeiro 18 de novembro no 2º recreo na biblioteca.

O Equipo da Biblioteca. 




CIENCIA E POESÍA CON ESTÍBALIZ ESPIÑOSA

            O pasado mércores, 4 de novembro o Equipo da Biblioteca convidou a Estíbaliz Espinosa e recibímola no IES Maximino Romero de Lema: muller, galega, escritora, filóloga, tradutora, socióloga, divulgadora científica...

              No Día da Ciencia en Galego reflexionamos sobre a conxunción de poesía e ciencia. En palabras da nosa invitada: A poesía ten moito que ver coa ciencia; ambas nacen da necesidade de explicar o noso mundo, os nosos sentimentos, o lugar no que nos atopamos.

              Sete constelacións que xa non son invisibles, así introduciu a autora a un grupo de científicas silenciadas no seu tempo por facer ciencia nun mundo masculino. Entre estas mulleres destacan a poetisa e astrónoma Wang Zhenyi, Jocely Bell Burnell, Caroline Herschel ou a galega Antonia Ferrín Moreira, autora da primeira tese en astronomía defendida por unha muller en España.

              Estíbaliz Espinosa defendeu ante o alumnado a necesidade dunha divulgación científica en galego que nos axude a non perder nunca a curiosidade e evitar caer nas redes das pseudociencias, tan estendidas nos nosos días. Rematou a súa intervención  animándonos a manter o compromiso co mundo e as ganas de cambiar o que non nos gusta nel.











BAIOLENDO COMEZA UNHA NOVA ANDAINA!!!

 O Club de Lectura Baiolendo comeza unha nova andaina neste curso baixo a sombra da COVID-19; estamos moi ilusionados e á vez espectantes ante a evolución desta situación inquietante. Cremos que gardando as normas do protocolo poderemos compartir nas reunións as riquezas que as lecturas nos van brindar. Desexamos que gocedes coa lectura nesta nova viaxe literaria. 

Estamos impacientes por compartir con vós as divertidas e amenas lecturas que seguro van ser do voso interese.